martes, 24 de julio de 2012

XSG-Ferrol: “O retroceso que propón Gallardón sobre a Lei do Aborto supón unha criminalización da muller”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) rexeitan radicalmente a proposta do ministro de xustiza, Alberto Ruíz Gallardón, de volver a regular a interrupción voluntaria do embarazo sobre un sistema de supostos, no lugar do vixente sistema de prazos.
Para o secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, “o sistema de prazos demostrou unha maior seguridade xurídica para as mulleres e médicos e unha maior protección dos dereitos da muller” Bouza engadiu que “non imos a entrar ao debate falso sobre dous ou tres supostos, porque o que está en xogo e o sistema de prazos, un sistema que nos equiparaba á maioría dos países do noso entorno e que daba a seguridade de interromper o embarazo sobre prazos obxectivos e non sobre supostos de apreciación subxectiva”.
Dende a Organización engadiron que “o Partido Popular demostrou dúas cousas coa proposta de Gallardón: a súa intención clara de impor a toda a cidadanía unha determinada moral que só ten unha parte desta, nunha regulación propia dun país confesional, e terse tomado como unha ofensa persoal o sistema de prazos aprobado a iniciativa do PSOE, unha ofensa da que agora queren “vingarse” levando ao noso país á cola de Europa en dereitos da muller”.
Os mozos/as socialistas aseguraron que “resulta completamente hipócrita que o Goberno fale da protección da familia retrocedendo ao século XIX aos dereitos da muller e, por outro lado, machacando ás familias que din protexer con subidas de impostos brutais sen ir máis lonxe no material escolar”.
O secretario xeral concluíu que a súa Organización estará presente en calquera mobilización que se anuncie en defensa do sistema de prazos e da Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva e da IVE.