miércoles, 29 de agosto de 2012

XSG-Ferrol: “O veto de 30 comparecencias no Congreso é un ataque do PP á transparencia democrática”


Xuventudes Socialistas de Ferrol cualificou hoxe de “ataque á transparencia democrática” e de “exercizo de caciquismo parlamentario” a negativa do PP a que se produzan 30 comparecencias no Congreso de membros do Goberno.
O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, lembrou que “dende que goberna o Partido Popular iniciouse paulatinamente a redución da posibilidade de control parlamentario por parte da oposición, o que supón un déficit democrático moi grave e a supresión práctica do papel constitucional do Congreso e do Senado.”
Os mozos/as socialistas lembraron que o rexeitamento das 30 comparecencias polo Partido Popular “súmase á supresión do debate sobre o Estado da Nación e supón a eliminación dun debate público sobre cuestións de importancia capital para o noso país, privando á cidadanía da posibilidade de coñecer non só que xestión realiza o Goberno, senón que labor de oposición realizan os grupos das Cámaras.
Nun tempo no que a cidadanía esixe máis control e máis transparencia ás institucións democráticas, onde a inmediatez no acceso á información é total, o feito de que o Partido Popular furte o debate no Congreso sobre 30 comparecencias do Goberno non é bo para o conxunto dos partidos, as institucións e a cidadanía, supón un dano severo ao sistema democrático e o desamparo absoluto para os partidos da oposición que vén como o país se goberna por decreto sen posibilidade sequera de expresar os seus puntos de vista” - remarcaron dende a Organización
Para o secretario xeral das XSG-Ferrol, “se a estas accións no plan parlamentario engadímoslle o control férreo que o Goberno impuxo sobre os medios de comunicación de titularidade pública, só podemos afirmar que o país camiña cara o absolutismo, onde algunhas decisións as toma Rajoy e outras non sabemos ben que as dita.”

martes, 14 de agosto de 2012

As XSG-Ferrol animan ao Sr. alcalde a re-inaugurar a Casa da Xuventude para “a ver se así a abren”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) denunciaron nunha rolda de prensa ante a Casa da Xuventude o peche desta instalación por parte do goberno municipal dirixido por José Manuel Rey, ao que “animaron a re-inaugurala a ver se así polo menos ten a ben abrila para que a mocidade ferrolá poida gozar deste espazo público.”

O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, expuxo en relación ao edificio completamente pechado que “isto que vedes hoxes aquí non é máis que o froito da pasividade do Partido Popular nas políticas mozas, no que nos demostra novamente que os mozos/as ferrolás impórtanlle ben pouco.” Hoxe – afirmou Bouza- non valen nin parches nin excusas, xa que temos ante nós a realidade.”

Os mozos/as socialistas explicaron que “durante o inverno esta Casa permanece pechada polas tardes e os fins de semana que é cando os mozos/as ferrolás poden acudir”. “Durante o verán – continuou Bouza Manso- estamos vendo que o goberno foi máis aló e decidiu pechar por completo durante todo o día, quizais por medo a que puidese acudir algún mozo/a.”

O secretario xeral da formación acusou a Rey Varela “de estar conseguindo que a Casa da Xuventude pase a ser un edificio administrativo, mais que de participación e reunión dos mozos/as da nosa cidade.”

Dende a organización explicaron que “a Casa da Xuventude era até hai un ano un lugar de referencia para os mozos/as de Ferrol, onde podían acudir para obter información xuvenil, sobre bolsas e axudas, actividades que se levaban a cabo, trámite do carné xove e na que se tivera instalado polo anterior goberno a OMIX.” “Así mesmo – continuaron os mozos/as socialistas- tamén se podían realizar xuntanzas, charlas e conferencias, así como pasalo tempo con outros mozos/as con todo o material lúdico do que estaba equipado a casa”

O secretario xeral continuou explicando que “até a chegada do goberno Popular, cando calquera mozo/a precisaba información e non podía achegarse á Casa, podía chamar por teléfono, mais agora o único que escoitarás doutro lado é o pitido do sinal teléfonico sen parar e sen que ningúen o escoite nin lle dea solución aos seus problemas.”

Dende a formación socialista preguntánrose “como pretende entón o Sr. Rey que os mozos/as se poidan comunicarse e obter información do seu interese se a Casa está pechada e ninguén atende o teléfono?”

As Xuventudes Socialistas de Ferrol denunciaron tamén a falta de información xuvenil na páxina web do Concello, xa que “o único que aparece na páxina web do Concello en relación á mocidade é un banner para seguir unha páxina de Facebook na que o único que publican dende o goberno municipal é o ben que o fan en todas as demais áreas do goberno, xa que en materia de mocidade non teñen nada que poñer.” Dentro desa información que botaron de menos dende a Agrupación, atópanse os horarios da Casa que segundo expuxeron “non aparece en ningures, aínda que dubidamos que existan ante este indiscriminado peche da Casa.”

Os mozos/as socialistas lametaron que “todos os cambios que está a facer o goberno municipal en materia de mocidade sexa para peor e o único que están a conseguir é rachar con todo o avanzando polo goberno anterior nesta materia que puxo a funcionar este lugar de encontro da mocidade e que se instaurou como referente para os mozos/as.”

Dende a organización falaron tamén do Regulamento da Casa da Xuventude que segundo o exposto “tiveron moita présa en aprobar hai un ano, tanta présa tiveron que non só se esqueceron de contactar coas Asociacións de mozos/as para que o documento fose froito do diálogo de todos os axentes socias, senón que se esqueceron de algo moito máis importante de publicalo no BOP para que puidera entrar en vigor.”

Bouza asegurou que “a estas alturas é inútil pensar que Rey Varela vai a dar participación á mocidade, cando ao único que se dedica é a ningunear ao xoves ferrolás non tendo en consideración os seus problemas e reivindicacións.”

As XSG-Ferrol esixiron ao Sr. Alcalde que “poña fin dunha vez por todas este grave ataque nos dereitos dos mozos/as ferrolás e solucione este problema habilitando un horario no que poida acudir a mocidade ferrolá a Casa durante todo o día, todos os meses do ano; así como a convocar unha xuntanza para debatir o Regulamento da Casa da Xuventude que xa se demostrou que non tiña tanta présa.”

viernes, 10 de agosto de 2012

As XSG-Ferrol acusan a Rey Varela de crear un Concellería de Xuventude baleira de contido por non saber as políticas que lle corresponden


As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) reixeitaron completamente o programa proposto polo Goberno para o Día Internacional da Xuventude por considerar que “todas as actividades propostas están orientadas a nenos e nenas de entre 6 e 10 anos, idades que non conforman a xuventude, senón a infancia”.
O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, informou que “o goberno local como xa vén sendo habitual nin nos tiveron en conta para planificar as actividades deste Día, nin se molestaron en convidarnos a participar neste acto, xa que nos tivemos que enterar polos medios de comunicación locais”
Dende a organización dubidaron que “os mozos/as de 15 ou 16 anos vaian a acudir a saltar nas colchonetas ou a participar nos hinchables e non digamos xa un mozo/a de 25 ou 30 anos”. Continuaron ironizando e preguntándose “se o Sr. Alcalde hai 6 anos, cando estaba dentro da idade da Xuventude, acudiría a estas actividades”
Dende as XSG-Ferrol manifestaron que “como non pode ser doutra maneira, estamos de acordo con que se realicen esas actividades para os máis novos da nosa cidade, pero as cousas hai que chamarlles polo seu nome e estas actividades están dirixidas a un colectivo que non é mocidade senón a infancia que é como lle denominan organismos tales como as NNUU.”
Bouza dirxiuse ao goberno local para dicir que “non hai nada que inventar respecto ás idade entre as que se atopa a mocidade, xa que se atopa regulado na Lei galega 6/2012 da xuventude que entrou en vigor no día onte, na que no seu artigo número 2 se recolle que terán a consideración de xoves as persoas de idades comprendidas entre os 14 e os 30 anos.”
Os mozos/as socialistas preguntáronse se “o Partido Popular rebaixará a idade de afiliación ás Novas Xeracións a 6 anos para ser coherentes coas súas políticas do Concello.”
O secretario xeral argumentou que “esta situación non é algo incidental e non é máis que froito dunhas políticas mozas ausentes por completo neste Concello que están intentando tapar a inactividade desta Concellería con parches para xustificar a mala xestión en política mozas.”
Os mozos socialistas explicaron que “traballar para a mocidade ferrolá non é poñer nun papel Día Internacional da Xuventude e listo, senón escoitar as demandas destas e das súas organizacións e poñer solucións aos seus problemas.” Criticaron taménn que “isto é consecuencia de planificar nun despacho unhas actividades infantís que nada teñen que ver coa xuventude sen ter en conta ao colectivo ao que van destinadas.”
Bouza Manso criticou que “unha vez máis o Sr. Rey Varela e o seu equipo dánlle as costas á mocidade e demostran que o único que lles interesa é o titular en vez do contido porque non se dan conta que os mozos/as non viven de titulares, senón do contido das políticas que eles fagan, aínda que neste caso das políticas que non fan”
Animaron dende a organización ao goberno municipal a “que se a descoñece a lei galega de mocidade da que tanto fachendeou que a lea, para facer a planificación das políticas mozas” e esixiron ao Sr. Alcalde que “teña en conta aos mozos/as na elaboración das políticas xuvenís deste Concello establecendo as canles oportunas para que a participación sexa a máxima posible”. Concluíron reiterándolle ao Executivo que “de ter constituído o Consello da Xuventude de Ferrol nada disto tivera pasado”.

jueves, 9 de agosto de 2012

As XSG-Ferrol condenan o atentado contra a cultura que está a realizar Rey Varela


As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) aprobaron no día de onte nunha xuntanza extraordinaria da Executiva Municipal da Agrupación sumarse ao manifesto en defensa do Ateneo Ferrolá.

O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, lembrou a “Rey Varela que a cultura nin se vende, nin se negocia, nin se comprime, hay que fomentala”. Reivindicou de seguido que non quere nin pensar que “o Sr. alcade quere castigar coa súa maioría absoluta a unha Entidade que por todos é coñecida a súa tendencia progresista.”

As XSG-Ferrol criticaron que “potenciar a cultura non está no ADN da dereita, xa que deberían estar orgullosos de que tantas Organizacións da cidade se dedican ao fomento da cultura e poñer solucións en vez de impedimentos”

Segundo indicaron os mozos/as socialistas “foron precisamente as necesidades de espazo para albergar axeitadamente a biblioteca, hemeroteca e pinacoteca do Ateneo, xunto coa urxencia para resolver as deficiencias da estrutura e as graves humidades, as que motivaron que este edificio emblemático se rehabilitase.”

Dende a organización propuxeron que “o Concello o que debe facer un plan de usos deste edificio, acorde coa propia infraestrutura e os espazos habilitados na rehabilitación actual, que como se sabe xa estaba previsa para ao uso do Ateneo Ferrolán”. “Con esta modificación que propón o Partido Popular -continuou o dirixente- a redución do espazo desta organización conlevaría parello unha merma dos servizos que ofrecen dende o Ateneo.”

O secretario xeral esixiu ao goberno que “poña todo da súa man para conseguir as condicións óptimas de todas as organización, sen que a solución estea en quitarlle a uns para darlle a outros”. A tarefa do goberno –en palabras de Bouza- é de pescudar os medios precisos para que o Ateneo Ferrolán poida seguir realizando a súa normal actividade nas depencias e facilitar outras alternativas ás colocacións que xa teñen as entidades SAF e a AVV Centro, evitando unha confrontación innecesaria e intencionada.”

miércoles, 8 de agosto de 2012

As XSG-Ferrol esixen a Rey Varela a constitución inmediata do Consello da Xuventude de Ferrol


As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) denunciaron no día de onte en rolda de prensa a falta de compromiso do goberno local coa mocidade ao desatender un reclamo unánime desta sobre a constitución do Consello da Xuventude de Ferrol (CONXUFE).

O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, comezou fancendo referencia a unhas declaracións que saíron hai un ano nos medios de comunicación locais do goberno de Rey Varela nas que se dicía “Hay que ser el altavoz de la gente joven en el Concello. Hay que escucharlos, porque se pueden hacer muchas cosas que nunca se han hecho con menos dinero y mejor”. Para expoñer de seguido que “seguramente xa esqueceron iso de escoitar e de ser o altofalante porque nunca chegaron a aplicalo”.

Bouza foi contundente afirmando en relación a estas declaracións que “esas cousas as di Partido Popular porque son moi mediáticas, pero nunca as aplica porque non forman parte da súa ideoloxía”. Continuou expoñendo que “para ser o altavoz dos mozos/as hai que escoitalos e neste ano de goberno do Sr. Rey Varela o único que non fixo, foi escoitar o sentir da mocidade ferrolá: comezando polo regulamento da casa da mocidade, o que aprobaron pola porta de atrás e sen consultalo en ningún momento coas Organizacións; pasando pola inactividade da Casa da Xuventude; até finalizar recentemente cos retallos nos horarios dos buses ás praias”.

Dende a organización lamentaron que “por desgracia o único que podemos celebrar hoxe é o aniversario das mentiras do Partido Popular a todos os mozos/as ferrolás, en vez de estar celebrando o aniversario dun ente democrático froito do consenso das Organizacións de mozos/as da nosa cidade”. Os mozos/as socialistas expuxeron que para ser o altafalante e escoitar aos mozos/as “hai que deixalos decidir sobre as políticas que lles afectan en función das súas necesidades.”

Bouza Manso fixo un pequeno percorrido de forma cronólóxica sobre os feitos que ocorreron en relación ao Consello da Xuventude de Ferrol, comezando por lembrar que “ foi a anterior corporación municipal do Partido Socialista a que promoveu a creación do Consello da Xuventude de Ferrol, para o que convocou a todas as organización mozas da cidade para que puidesen debatir sobre o tipo de organismo que consideraban mellor para representar á mocidade ferrolá”. “Ante isto -continuou o secretario xeral- tras varias xuntanzas, as Asociacións organizámonos e comezamos unha serie de reunións para conseguir acordar o modelo de organismo, así como o funcionamento que precisabamos.”
Os mozos socialistas explicaron que “as normas básicas de funcionamento foron debatidas e consensuadas entre as Asociacións e non impostas como fai o partido de goberno local cos regulamentos que aproba, como o da Casa da Xuventude.”
Descataron así mesmo dende a organización que “no debate que nos levou varios meses participamos todas as organización mozas da cidade” e criticaron que a única organización xuvenil que non participara fora Novas Xeracións porque - segundo dixeron - “estaba máis pendente de culpar aos dirixentes socialistas que das necesidades dos mozos/as ferrolás.”
Finalmente -segundo relataron dende as XSG-Ferrol- “apróbaronse por unanimidade, os Estatutos de constitución do Consello da Xuventude de Ferrol e a proposta foi presentada a finais do mes de maio do pasado ano no rexistro do Concello, asinada polos representantes das Asociacións mozas”

O secretario xeral manifestou que “lle correponde ao goberno executar o acordo da mocidade ferrolá e convocar a primeira xuntanza do CONXUFE, así como ratificar os Estatutos da súa creación no Pleno da corporación”. “A día de hoxe nada ten feito, mais que a propaganda da nova lei autonómica de xuventude facendo charlas nas que participaron membros da coporación dirixida por Rey Varela nas que se vendían antes os mozos os Consello Locais da Xuventude” manifestaba o secretario xeral.

Segundo explicaron dende a organización, “este Consello da Xuventude non limita en ningún momento a participación de máis Entidades xuvenís que se crearan a posteriori e se quixesen sumar, senón todo o contrario, xa que regulaba esta situación”.

Os mozos socialistas quixeron facer fincapé en que “este Consello non precisa orzamento propio nin supón gasto algún para o Concello, xa que sería xestionado polos propios representantes das Organizacións mozas da nosa cidade”. Para isto, deron lectura ao artigo 16 dos Estatutos propostos no que se expón literamente “...ningún dos cargos da Coordinadora poderá ser remunerado e tampouco existirán partidas orzamentarias do Concello destinadas ao mesmo”.

As Xuventudes Socialistas de Ferrol denunciaron que “a día de hoxe seguen sen convocar esta primeira xuntanza facendo oídos xordos a unha petición xeralizada e de consenso e en consecuencia, levamos un ano de atraso, cando podíamos ter sido a primeira cidade galega en constituír o Consello da Xuventude local”.
Bouza fixo referencia á entrada en vigor no día de mañá da lei galega 6/2012 de xuventude de Galicia, pola que citou o seu artigo 59 no que se recollen as funcións dos Consellos da Xuventude Locais deixando ao abeiro da normativa local a súa regulación.

En base a isto salientou que “o debate da regulación está feito a través dun consenso da mocidade ferrolá, un traballo menos, para este executivo tan atarefado e o único que ten que facer é convocar a primeira Asemblea Xeral do Consello da Municipal da Xuventude de Ferrol.” “Así como -rematou Aitor Bouza- ratificar no Pleno do Concello de Ferrol o documento froito do consenso do debate pausado e temperado entre todas as Asociacións mozas.”

Aproveitou para mencionar tamén o artigo 34 apartado g) da citada lei no que se estipula que será competencia dos Concellos “o impulso da creación de consellos locais de xuventude”, polo que segundo alegou “é a propia lei que eles pregoan a que o recolle.”

As XSG-Ferrol quixeron deixarlle claro ao Parido Popular e ao Sr. Rey Varela “que seguiremos loitando de forma incensante para defender os dereitos dos mozos/as ferrolás e seguiremos manifestando a nosa opinión e os nosos reclamos para que a voz dos mozos/as sexa atendida por este Executivo impasivo.”
En base ao exposto, esixirion ao Sr. Alcalde que “cumpra co seu deber como dirixente e demócrata e convoque de forma inmediata e sen máis dilacións esa xuntanza constitutiva e ratifique pola vía de urxencia os Estatutos propostos polos representantes dos mozos/as.




*Artigo 59 Lei 6/2012: “(...)Os consellos locais de xuventude constitúense, para os efectos desta lei, como órganos ou entidades de representación e consulta das distintas administracións locais, e estarán formados por todas as organizacións e entidades xuvenís que actúan dentro do ámbito territorial respectivo, segundo a regulación de cada ente local.”


*Ao comezo da rolda de prensa dende as Xuventudes Socialistas aproveitaron para felicitar publicamente ao subcampión olímpico de tríatlon Javier Gómez Noya “pola súa excelente actuación no día de onte”. Segundo manifestaron dende a organización “este gran resultado que é un orgullo para todos e todas os cidadáns de Ferrol é froito de todo o esforzo e dedicación deste fabuloso deportista”.

lunes, 6 de agosto de 2012

As XSG-Ferrol acusan a Rey Varela de limitar os dereitos dos mozos/as ferroláns até para ir á praia


As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) rexeitan a modificación de horarios e liñas de buses en horario de verán que realizou o Partido Popular que segundo expuxeron dende a Organización “ao longo pasada semana, un gran número de mozos/as ferrolás mostráronnos o seu malestar por estes retallos”.
Para o secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, “estamos a presenciar un novo ataque aos servizos públicos da man do Partido Popular que xunto con todos os retallos que está a facer nos dereitos dos cidadáns e cidadás menoscavan a nosa calidade de vida.” “Os mozos/as -engadiu Bouza- seremos os máis prexudicados deste novo barapalo, xa que a mocidade ferrolá é a que na súa gran maioría emprega este servizo para acudir ás praias”.
Dende a Organización aseguraron que “estes mozos/as precisan deste servizo para poder acudir ás praias e con esta modificación non fai máis que poñerse trabas e impedimentos, xa que terán que chegar máis tarde e volver máis cedo se é que desexan ir a calquera das praias de Ferrol”
Os mozos socialistas argumentaron que o Partido Popular “non cre nos servizos públicos e porén non lles importa facer un cambio que empeore a calidade do servizo, como é neste caso que reducen os horarios dos buses directos nos días laborais, deixando soamente 2 buses pola mañá e 3 pola tarde no caso das praias de San Xurxo e Doniños; namentres que 1 bus pola mañá e 3 pola tarde no caso das praias de Esmelle e Cobas.” “No caso das praias de San Xurxo e Doniños -continuaron dende XSG-Ferrol- o último horario de saída da praia é ás 19:00h, esperemos que ningún socorrista precise deste servizo, xa que non chegará a tempo de collelo”.
Dende a organización seguiron expoñendo o retallo polo que “se reducen a 2 os buses dos sábados, sen a posibilidade de volver en horario de tarde, xa que só estarán dispoñibles en horario matinal; suprimen todos os horarios dos buses dos domingos e festivos que é cando máis persoas empregan este servizo”
Bouza Manso alegou que “terán máis facilidade para acudir a outra praias como pode ser a de Cedeira ou Valdoviño nas que hai máis flexibilidade de horarios dispoñibles, así como liñas dispoñibles os sábados e festivos.”
En palabras dos mozos/as socialistas “namentres fan estes apaños, na páxina web do Concello aparecen uns horarios que son falsos, cos que o goberno volve a mentir á cidadanía cos servizos que presta, xa que tivo tempo dabondo para telos anovados e nos que lle fan propaganda á Xunta de Galicia polas liñas introducidas daquela, mais esquéceronse tamén de expor actualmente todos estes retallos e marcalos en amarelo para ser leais coa cidadanía á que representan.”
Dende a Organización quixeron lembrar que “esta modificación ataca unha vez máis ás persoas que viven no rural mancando un dereito básico como son uns servizos públicos de calidade que con esta modificación que fixo o Partido Popular o único que conleva é ao empeoramento dun servizo básico esencial para a comunicación da cidade co rural”.
Segundo expuxo o secretario xeral das XSG-Ferrol “o aforro non pode xustificar o empeoramento de ningún servizo público e empregalo como arma para retallar dereitos dos cidadáns e o Sr. Feijoo sabe moito de aforrar: de aforrar en servizos e en democracia”. “Pola súa banda, o Sr. Rey Varela plégase novamente ante os ataques da Xunta de Galicia aos servizos públicos, en vez de defender aos cidadáns e cidadás de Ferrol que é a súa función como alcalde desta cidade” engadiron dende a Organización.
Os mozos/as socialistas esixiron ao Sr. Alcade de Ferrol unha recitificación “para seguir garantindo os dereitos dos nosos mozos/as e dos nosos veciños/as en xeral, ampliando o número de horarios nos días laborais, prorrogando pola tarde os buses dos sábados e recuperando o servizo dos domingos e festivos.”