domingo, 9 de febrero de 2014

As Xuventudes Socialistas de Ferrol asistirán mañá sábado a Festa Solidaria co lema “Nós parimos, nós decidimos”


A festa, organizada polo Grupo de traballo da Plataforma Galega polo Dereito ao aborto de Ferrolterra, será ás 18:00 no Manchita Cosa. 

“O goberno do PP quere converter en delito para todas o que só é pecado para algunhas”

As Xuventudes Socialistas de Ferrol asistirán mañá a Festa Solidaria co lema “Nós parimos, nós decidimos” que terá lugar ás 6 do serán no “Manchita Cosa” , situado na Rúa Magdalena 138.
“Será un acto lúdico para tódolos públicos, no que contaremos coa actuación entre outros do grupo “Alén de ancos” e no que haberá actividades para nenas e nenos, ademais de moitas sorpresas” sinalaron os mozos e mozas socialistas.
“Decidir sobre a maternidade é un dereito fundamental, polo que o señor Gallardón está atentando contra a nosa liberdade, que non espere que nos quedemos cos brazos cruzados” sinalou a secretaria xeral de Ferrol, Ana Lamas.
Os mozos e mozas socialistas reafirman así a súa loita constante na defensa da actual lei de prazos: “Sempre defenderemos o dereito a decidir das mulleres e estaremos en contra das políticas goberno do PP, que quere converter en delito para todas o que só é pecado para algunhas”
“A imposición moral a que someterán ás mulleres é vergoñenta, facéndoas elixir entre o embarazo obrigatorio ou o aborto clandestino, exceptuando coma non a aquelas que poidan permitirse viaxar ao estranxeiro, coma na ditadura”

As Xuventudes Socialistas animan a mocidade de Ferrol a participar nesta festa de carácter solidario, como unha maneira de mostrar o seu rexeitamento ás políticas do Ministro Gallardón. Devandita festa está organizada pola Grupo de traballo da Plataforma Galega polo Dereito ao aborto de Ferrolterra, do que as Xuventudes Socialistas forman parte.