viernes, 19 de septiembre de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS SÚMANSE A CELEBRACIÓN DA SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE SOSTIBLE E SUSPENDEN A XESTIÓN DE REY VARELA NESTA MATERIA

“O Plan de mobilidade, está sen desenvolver, cun goberno que non move un dedo polos servizos públicos de transporte”

“Os concellos teñen que traballar na redistribución e no redeseño das rúas e espazos públicos a prol das persoas.”



As Xuventudes Socialistas de Galicia celebrarán a través das redes a Semana Europea da Mobilidade Sostible 2014, que ten lugar estes días, e  que ten obxectivo e loitar contra o cambio climático, fomentar o uso do transporte público e promover o uso de medios de transporte sostibles.

Así mesmo, aproveitan para cualificar como deficiente a xestión de Rey Varela neste sentido: “O Plan de mobilidade, está sen desenvolver, cun goberno que non move un dedo polos servizos públicos de transporte”
As XSG de Ferrol sinalan unha importante falta de infraestruturas e as deficiencias dos escasos carrís bici pola falta de mantemento. Así mesmo denuncian o desmantelamento do servizo de préstamo de bicis, que ten na actualidade moi poucos usuarios.

“Está claro que o goberno local de Rey Varela non cree nun modelo de mobilidade sostible, a xestión dos transportes públicos de Ferrol é lamentable” sinalou a Secretaria Xeral das XSG de Ferrol, Ana Lamas: “Non están facendo ningunha xestión cara a unha mellora de horarios ou de frecuencias, o servizo de trens á Coruña é escaso e lento”

Os mozos e mozas socialistas apostan polo desenrolo do Plan de mobilidade, que permite por unha mobilidade sostible, coa peonalización dos cascos históricos para o goce das persoas e onde o protagonista sexa o peón e non os coches: “os concellos teñen que traballar na redistribución e no redeseño das rúas e espazos públicos a prol das persoas.”

A Semana Europea da Mobilidade culminará coa celebración do Día Mundial do Coche o 22 de setembro. En declaracións da secretaria de medio ambiente e desenvolvemento sostible, Sofía Vázquez, “en España o transporte supón un 25% do total das emisión de carbono emitidas, provocando non só graves problemas medioambientais, senón tamén moitos problemas de saúde para os cidadáns” engadindo que “iniciativas como esta á que nos sumamos dende as XSG pretenden concienciar a xente de que outro tipo de cidades máis agradables e saudables para vivir son posibles.”


martes, 2 de septiembre de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS DENUNCIAN A IRRESPONSABILIDADE DO GOBERNO LOCAL AO NON MANTER SOCORRISMO NAS PRAIAS

“De ocorrer unha traxedia, como estivo a punto de acontecer onte, o único responsable sería o goberno municipal do PP que expón ós seus cidadáns a un risco innecesario”

 “É un insulto á cidadanía recortar en seguridade alegando falta de cartos cando o Goberno municipal deixou sen gastar 10 millóns de euros do presuposto anterior”


Os mozos e mozas socialistas esixen que o Concello de Ferrol que manteña o servizo de socorristas durante a primeira quincena de setembro: “os nosos areais están cheos estes días e non debemos esquecer que é responsabilidade do goberno local manter a seguridade nas nosas praias”

As XSG de Ferrol consideran unha falta de responsabilidade moi grave, máis cando no día de onte estivo a punto de ocorrer unha desgraza, cando dúas mozas foron rescatadas grazas a boa vontade de cidadáns anónimos, que non deben de ser os que suplan as carencias dun Concello que recorta en seguridade: “De ocorrer unha traxedia, como estivo a punto de acontecer onte, o único responsable sería o goberno municipal do PP, que expón ós seus cidadáns a un risco innecesario”

“É un insulto á cidadanía recortar en seguridade alegando falta de cartos cando o Goberno municipal deixou sen gastar 10 millóns de euros do presuposto anterior” engadiu a Secretaria Xeral das XSG de Ferrol, Ana Lamas.


Os mozos e mozas socialistas o ven como unha mostra máis da mala xestión do goberno municipal, que non só desatende o servizo de transporte público ós areais senón que non os dota da seguridade necesaria: “temos a inmensa sorte de ter uns recursos naturais fantásticos e é lóxico que os cidadáns queiran gozar deles polo que debemos poñer os recursos necesarios”. Ademais engaden que “é unha mágoa que os concelleiros do Partido Popular poñan tan pouco en valor a nosas praias”.