sábado, 21 de agosto de 2010

Festas de Ferrol 2010

Todos os concertos son gratuítos, celebraranse entre o 20 e o 31 de agosto e a Praza de España será o escenario principal. O alcalde destaca que para o cartel se tiveron moi en conta as peticións recibidas a través do e-mail das Festas Participativas

Ferrol afronta doce días de festa con ata 24 artistas e agrupacións musicais diferentes. Entre eles, El Sueño de Morfeo, Los Suaves, La Guardia, El Viejo Caracol, Coque Malla ou Efecto Mariposa. Unhas festas que principian hoxe e que terán como pregoeiro ao actor ferrolán Iago García, coñecido pola súa participación en series como Matalobos ou Amar en Tiempos Revueltos. Este venres, 20 de agosto, e dende a Praza de España, dará o pistoletazo de saída a unha programación pensada para todos os públicos, con actuacións gratuítas na súa totalidade e elaborada atendendo, por segundo ano consecutivo, ás suxestións formuladas polos cidadáns e cidadás. Así o destacou o alcalde, Vicente Irisarri, e a concelleira de Festas, María López. O alcalde subliñaba que, neste 2010, a cidade incorpora un novo escenario para a celebración das festas: a Praza de España, sede central da práctica totalidade dos concertos.

¿Obxectivos? Conseguir que todas as actuacións tivesen custe cero para os cidadáns e cidadás tendo en conta a situación de crise económica actual, que estas chegasen a públicos de todas as idades, tanto nenos como maiores e se dese resposta ás peticións formuladas pola cidadanía a través do sistema de “festas participativas”. E a este respecto, María López avanzou que, tal e como comprometara o goberno municipal, tivéronse en conta as formacións elixidas maioritariamente polos cidadáns e cidadás mediante o envío ao Concello de arredor de 3.200 correos electrónicos. Así pois, e unha vez descartada a presencia en Ferrol da banda Motorhead por motivos económicos e de datas, tocarán en Ferrol o grupo local El Viejo Caracol, que acadou o segundo posto nas votacións, e D´Nash, que quedou en terceira posición da listaxe. A animación a pé de rúa, cunha gran variedade de espectáculos infantís, é outro dos compoñentes destacados da programación festiva.

Doutra banda, María López aproveitou a ocasión para lembrar que dende hoxe o goberno local procederá á peatonalización temporal de varios tramos das rúas María e Magdalena para favorecer deste xeito a implicación e participación da cidadanía nas actividades programadas ao abeiro do cartel festivo e, por outra banda, dar resposta a unha demanda do sector da hostalería referente á colocación de terrazas nestas rúas do barrio da Magdalena. Ata o momento, presentáronse 16 solicitudes. Así pois, peatonalizaranse a rúa María (no tramo comprendido entre a rúa Terra e Méndez Núñez, á altura da praza de Amboaxe), e a rúa Magdalena, entre Rubalcava e Méndez Núñez, tamén á altura de Amboaxe. A medida, que estará vixente durante os festexos, será durante as 24 horas seguindo deste xeito as recomendacións da Policía Local, polo que o tráfico rodado quedará restrinxido nestes tramos, se ben se posibilitará o acceso aos vehículos con garaxe nestas rúas e permitirase a carga e descarga.

Así mesmo, e para paliar a reducción de prazas de aparcamento (arredor de 150), o goberno local anunciou que os parkings do Mercado da Magdalena serán gratuítos. Neste senso, o que ten a entrada próxima á concatedral de San Xiao permanecerá aberto ata as 22.00 horas todos os días, mentres que o próximo á Praza do Carbón abrirá as 24 horas do día. Non só iso, o goberno local destacou que a cidadanía que se vexa afectada por esta peatonalización branda poderá tamén facer uso, como alternativa, da explanada do Cuartel Sánchez Aguilera, así como dos parkings da Praza da Constitución.

O PROGRAMA:

Este venres, 20 de agosto, ás 21.30 horas, na Praza de España. Lectura do pregón a cargo de Iago García (Ferrol, 1979), actor de series de televisión como “Matalobos” ou “Amar en tiempos revueltos”, na que encarnaba o papel do malvado Ernesto Expósito. As 22 horas, na Praza de España, concerto dos asturianos El Sueño de Morfeo. Raquel del Rosario, Juan Luis Suárez e David Feito presentarán en Ferrol o seu último traballo discográfico, “Cosas que nos hacen sentir bien”, que inclúe temas como “Si no estás”, “Quién te crees” ou “Gente”. Un disco no que sen abandoar a fórmula de pop-rock introduce composicións máis elaboradas cheas de ritmos e acertadas melodías sen esquecer temas con pinceladas celtas como “Ven” ou “Me he cansado de esperar”.

Sábado, 21 de agosto, ás 22 horas, na Praza de España. Actuación musical de La Excepción, grupo madrileño de rap composto por Juan Manuel Montilla (El Langui) e Antonio Moreno Amador (Gitano Antón), así como polo DJ La Dako Style (Javier Ibáñez). O grupo supuxo unha revolución no panorama de rock español cun estilo desenfadado e moi persoal, integrado por aires flamencos, linguaxe cheli e moito humor nos textos, sen deixar de lado a crítica social.

Domingo, 22 de agosto, ás 18 horas, na Praza de Armas. Gran festa infantil para os máis pequenos da casa. Ás 22 horas, na Praza de España, actuación posible grazas á colaboración da Concellería de Cultura a cargo de Nova Galega de Danza.

23 de agosto, ás 22 horas, na Praza de España, Festival Hip Hop con catro grupos de recoñecido prestixio no panorama nacional: Comando Parke, Opone Show, Cheyo ft Koston e Sask Grj.

24 de agosto, ás 22 horas, na Praza de España. Subirá ao escenario D´Nash, agrupación que fixo o seu debú co disco “Capaz de todo” e que alcanzou a súa fama principalmente pola súa participación no festival de Eurovisión de 2007, cando representaron a España co tema “I love you mi vida”. O seu segundo álbum, “Todo va a cambiar”, foi lanzado en decembro de 2007.

25 de agosto, ás 22 horas, na Praza de Amboage. A protagonista será a Orquestra Jerusalén.

26 de agosto, ás 22 horas, na Praza de España. Actuación de Los Suaves, banda ourensá creada a finais dos anos 70 e que o pasado ano fora elixido polos cidadáns en segunda posición para actuar nas festas de verán, algo que non foi posible toda vez que non estaban de xira. Unha banda que ten rendido xa dende os seus inicios culto ao rock and roll. Defínense como amantes e aférrimos seguidores del, mais alonxados de toda montaxe comercial e das modas musicais souberon gañarse a un público fiel. O seu último traballo discográfico, “Adiós, adiós” saíu á luz o pasado 26 de xaneiro, cinco anos despois do seu anterior disco. No mes de setembro gravarán en Ourense un DVD en directo que prevén titular “29 años, 9 meses y un día”. Con 12 discos gravados ata a data, dous deles en directo, e con máis dun millón de discos vendidos, Los Suaves son historia viva do rock. Como teloneiros, as bandas locais Oddyline e My Self. Ás 20 horas.

27 de agosto, ás 22 horas, na Praza de España. Actuación de El Viejo Caracol, que este ano acadou o segundo posto na listaxe de preferencias dos ferroláns e ferrolás para o cartel das festas de verán. Creado a principios do 2008 despois da disolución de La Patraña (conxunto punk-rock ferrolán), a súa música abarca varios estilos que van desde influencias máis punks a outras músicas de autor, centrándose nunhas letras ás veces intimistas e irreverentes que tratan de reflexar a realidade que rodea au seu autor Oscar Fojo, cantante e guitarrista do grupo. Erico Pose (batería) Ruina), Miguel Pita (guitarra solita), Mon (baixo) e Agostiño (percusión) son os actuais compoñentes de El Viejo Caracol.

28 de agosto, ás 22 horas, na Praza de España. Concerto de Coque Malla, ex integrante de Los Ronaldos, con quen gravou discos como “Los Ronaldos”, “Saca la lengua”, “Sabor salado” ou “Idiota”, entre outros e de quen se separou no ano 1997. Desde entón, Coque Malla inicia a súa carreira en solitario co taballo discográfico “Soy un astronauta”. No 2005 Los Ronaldos decidiron unirse de novo para realizar unha serie de 12 concertos por salas de todo o país. Unha unión que durou ata 2007 -a despedida definitiva chegou en 2008-.

29 de agosto ás 20,30 horas, e na Praza de España. Festival de Rondallas. Nel participarán Bohemios, Sonidos del Alba, Añoranzas e a rondalla do Club de Campo.

Día 30, ás 20 horas, na Praza de Amboage actuación musical a cargo de Al Vila, e ás 21 horas e en colaboración coa Concellería de Medio Ambiente, Santiago Castillo Club ofrecerá un singular espectáculo: En clave de sol, baseado en concertos posibles grazas á xeración de enerxía xolar e biomotriz. Para o seu desenvolvemento é necesario dispor de toda unha infraestrutura solar e unha bicicleta xeradora de enerxía, á que se deberá subir a xente para que o espectáculo se poida celebrar.

31 de agosto, ás 21 horas, no Peirao de Curuxeiras. As festas de verán de Ferrol pecharanse cunha gala musical e a tradicional sesión de fogos de artificio de San Ramón. Na dita gala, que principiará ás 21 horas, actuarán Efecto Mariposa, La Guardia, Lucía Pérez e M3. La Guardia, grupo mítico do panorama musical dos anos 80, chegará a Ferrol despois de sacar ao mercado o seu novo traballo discográfico: Tumbado al borde de la luna. Autores de cancións tan célebres como “Cuando brille el sol” ou “Mil calles llevan hacia ti”, reabren o calendario de actuacións tras celebrar as súas vodas de plata percorrendo a xeografía española co disco “25 años no es nada”.

En canto a Efecto Mariposa, esta formación naceu en Málaga, a terra natal dos seus compoñentes: Susana Alva, Frasco G. Ridgway, Raúl Osuna e Alfredo Baón. O seu primeiro álbum titulado como o grupo contou coa colaboración na producción de Juan Luis Jiménez, de Presuntos Implicados. Con seis discos, chegarán a Ferrol para presentar o último, “40:04” , con temas como “Por quererte”, un dos máis exitosos da banda, ou “Diez minutos”. Pola súa banda, Lucía Pérez (O Incio, 1985) publicou o seu primeiro álbum, “Amores y amores”, en 2002 tras gañar o concurso da TVG Canteira de cantareiros. Quedou segunda no Festival da canción de Viña del Mar, en Chile, no que participou novamente en 2009. Finalmente, M3 é un grupo de pop galego creado en Vigo e coñecidos por participar continuamente no programa Luar. Está integrado por seis rapazas cuxo estilo baséase en música de baile (rumba, bachata, pop, disco, merengue, etc.).

Á marxe dos concertos, a edil María López destacou os numerosos espectáculos a pé de rúa que se celebrarán ao longo das festas. Entre estes, números de maxia cómica a cargo de Troula Animación, que tamén ofrecerá espectáculos de lume polas rúas do centro da cidade e de música para o público infantil, entre outros. Sesións de contacontos, paiasos infantís, títeres a cargo de Dínamo ou malabares completan o cartel das festas.

sábado, 8 de mayo de 2010

Contestación á crítica de Nuevas Generaciones

O PSOE celebra a actitude de Nuevas Generaciones en contra da política do PP de Rey Varela, que apostaba polo cemento e o óxido para a Praza de España en detrimento do verde

Os socialistas aseguran que as Nuevas Generaciones deben ser novísimas, xa que hai tres anos os seus maiores ignoraban as zonas verdes para levantar un macroedificio de 21 metros enferruxado


Ferrol, 7 de MAIO de 2010.- A Agrupación Local do PSdeG-PSOE de Ferrol alegrouse esta mañá do cambio de posición do Partido Popular de Ferrol respecto á Praza de España, aínda que lamentou que esa demanda de zonas verdes que plantexa Nuevas Generaciones chegue demasiado tarde, xa que nunca se terían comezado as obras do macroedificio oxidado de 21 metros. Os socialistas de Ferrol consideran que as Nuevas Generaciones deben ser novísimas, xa que hai tan só tres anos os maiores do partido apostaban ao fronte do goberno local de Ferrol por cubrir de ferruxe toda a Praza, esquecéndose de calquera atisbo de verde. Pensaban naquel entón, máis que en verde e azul, en naranxa e gris (óxido e formigón).

Dicía onte Nuevas Generaciones“menos cemento, menos formigón, menos búnkeres en medio de la praza”. E así o fixo o goberno socialista escoitando á cidadanía: adeus ao edificio de 21 metros, adeus á barreira visual que representaba a macrofonte, sempre empozada, situada no medio e medio da praza, adeus aos bancos sen respaldo e enferruxados, benvida á ampliación das zonas verdes, do espacio para o xogo dos nenos e nenas de Ferrol e dos lugares de estancia.

Pola súa banda, Xuventudes Socialistas de Ferrol encomia nova visión dos mozos do Partido Popular e mostra a súa confianza en que, se os seus maiores fosen tan sensatos como eles, sería unha gran axuda para a cidade. Por iso, animan a José Manuel Rey a seguir os principios de Borja Carro, que non deixa de coincidir coa filosofía do goberno socialista de Ferrol de substituír o aceiro corten por verde, tal e como ten feito o goberno de Vicente Irisarri. Tamén a dotar de papeleiras e fontes a praza, aínda que animan aos populares a visitar de vez en cando o entorno e comprobar o proceso de humanización que día a día experimenta este espazo. De feito, nos últimos días se teñen incorporado este tipo de mobiliario.

En todo caso, Xuventudes Socialistas queren tranquilizar a Nuevas Generaciones e pedirlle que non gaste forzas nun obxectivo que xa está a cumprir o goberno socialista, máis ben debería tentar de convencer aos seus maiores de que sigan tamén esta liña política en verde e se afasten de posicións oxidadas.

viernes, 30 de abril de 2010

As XSG de Ferrol animan á mocidade a asistir á celebración do 1º de maio

O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Ferrol, Julián Reina, convidou á mocidade ferrolá a sumarse á celebración socialista do primeiro de maio. Explicou que se van a celebrar dous actos: o primeiro consistirá nunha ofrenda floral no monólito de Pablo Iglesias situado no Cantón de Molíns ás 11h da mañá; máis tarde, ás 12h, partirá a tradicional manifestación do Inferniño (Portanova).

En palabras de Reina Villalón “celebremos entre todos e todas o día da maioría para que sexamos visíbeis e nos teñan en conta” e engadiu “é preciso que a mocidade estea unida e concienciada na loita por un emprego digno e con dereitos, empregos de calidade e que o señor Feijoo teña claro que estamos aquí e que non permitiremos nin un retroceso nos nosos dereitos laborais”

jueves, 22 de abril de 2010

XUVENTUDES SOCIALISTAS DE FERROL VALORAN MOI POSITIVAMENTE Á CELEBRACION DO 79 ANIVERSARIO DA II REPÚBLICA


· As XSG-Ferrol saíron á rúa a pasada fin de semana para celebrar o 79 aniversario da segunda República.
· “Estamos encantados coa boa acollida que tivo un ano máis a iniciativa”.

O secretario xeral das Xuventudes Socialistas de Ferrol, Julián Reina, realizou unha valoración sobre o acto co que as Xuventudes Socialistas de Ferrol quixeron pechar a semana da República en Ferrol. A actividade consistiu nun reparto a pé de rúa duns dípticos que poñían de manifesto os dereitos sociais, a aposta pola educación, a igualdade e os dereitos laborais que se lograron na segunda República.

En palabras de Reina Villalón “estamos encantados coa boa acollida que tivo un ano máis a iniciativa” referindose así ás felicitacions que recibiron por parte da cidadanía ferrolá por seguires reivindicando os valores apagados pola longa noite de pedra.

Así mesmo, Julián Reina manifestou que “é moi preocupante que o Sr. Núñez Feijoo tente arrebatar aos galegos e galegas algúns dos dereitos que xa se defendían na República como o acceso por igual á educación”.

viernes, 5 de febrero de 2010

PSOE e Xuventudes Socialistas poñen en marcha a campaña “S.O.S. Haití” para recaudar fondos para a reconstrución




O secretario xeral da Agrupación Local do PSdeG-PSOE de Ferrol, Vicente Irisarri, e o secretario local de Xuventudes Socialistas, Julián Reina, presentaron esta mañá a campaña “S.O.S. Haití” que, en colaboración con Solidariedade Internacional, a formación levará a cabo para recabar axuda coa que reconstruír o país tras o devastador terremoto que asolou á poboación no mes de xaneiro. A dita campaña busca mobilizar á cidadanía e facilitar medios sinxelos para canalizar a súa axuda. Así, Xuventudes Socialistas habilitará puntos de recaudación de fondos en distintas zonas da cidade e días concretos. Neles a cidadanía poderá realizar a súa aportación directa ou ben adquirir chocolates de comercio xusto ao prezo de dous euros.

Esta mañá, Vicente Irisarri e Julián Reina coincidían ao sinalar que o sucedido en Haití ten que ser motivo para que a militancia socialista e a sociedade en xeral aporten o seu gran de area á inxente tarefa de axuda aos afectados e reconstrución deste país. Así mesmo, lembraban que, segundo a información facilitada pola ONG Solidariedade Internacional, que leva anos traballando en proxectos de cooperación en Haití, a situación é completamente desesperada. Un sinfín de vivendas quedaron completamente destruídas, as infraestruturas que suministran auga ou electricidade inutilizadas, e se vive unha completa carencia de alimentos e menciñas.

Pola súa banda, dende Xuventudes Socialistas se fai un chamamento á colaboración cidadá, xa que as mostras de axuda non poden limitarse aos días inmediatamente posteriores á traxedia. Consideran que, máis que nunca, é o momento de axudar e que cun xesto tan sinxelo como mercar un chocolate se pode facer moito por centos de homes e mulleres.

A campaña se levará a cabo nas dúas próximas semanas e as datas e puntos se elixiron tendo en conta a afluencia de cidadáns. Así, a primeira cita terá lugar mañá 5 de febreiro, entre as 17,30 e as 19 horas, o sábado 6 de febreiro, de 11.30 a 13 horas no Mercado Central da Magdalena, e o domingo 7 de febreiro, de 12 a 13,30 horas na Alameda do Carbón.