domingo, 25 de noviembre de 2012

Manifesto Día Internacional Contra a Violencia de Xénero


Todos os anos, o día 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, elaboramos un manifesto, lembramos ás vítimas, damos datos, constatamos que aínda fica moito por facer. As mulleres seguen morrendo ano tras ano por este terrorismo machista, seguen sufrindo na súa vida e na dos seus fillos e fillas agresións físicas e psicolóxicas, seguen a vivir, demasiadas veces en silencio, un inferno do que é moi difícil escapar. E berramos que o machismo mata. Nembargantes, este ano, 2012, o berro debe ser maior, porque a violencia de xénero está a caer no esquecemento. Agora, o Goberno non condea os asasinatos, non sensibiliza, está deixando de prestar apoio ás vítimas.
Hai un ano que o Partido Popular gañou as eleccións e España xa retrocedeu 14 postos no Índice do Foro Económico Mundial. Catorce postos que se traducen nun récord de pasos atrás. Cada dia as mulleres españolas teñen máis dificultades para ter emprego, para facer compatible a súa vida laboral e familiar, para acceder ao ensino, a sanidade ou á atención social, para exercer os seus dereitos sexuais e reprodutivos, para incorporarse a espazos de participación e toma de decisións.
O máis sangrante de todos estes pasos atrás é o que afecta ao dereito das mulleres a vivir sen Violencia de Xénero. No primeiro comunicado oficial da ministra responsable, Ana Mato, tratouse como “violencia no entorno familiar” o asasinato machista dunha muller a mans da súa parella. Acababa de comezar a marcha atrás. Hai apenas uns días, unha nai e un pais destrozados soterraron a unha nena de 13 anos, cuxa proxenitora denunciara o perigo que lle acechaba e non obtivo a protección suficiente, un fallo claro do sistema.
Entre ambos feitos, temos asistido a unha serie de retallos. Os primeiros retrocesos comezaron coas campañas de sensibilización social, que se chegaron a cualificar de propaganda. A prevención e a sensibilización son fundamentais para conseguir a complicidade da sociedade e do entorno, como son imprescindibles para que as mulleres poidan reunir forzas suficientes e afrontar a denuncia da violencia que sufren. A prevención é o inicio do camiño para saír da violencia e, a partir de aquí, as Administración Públicas deben poñer en marcha todos os recursos precisos para protexer e apoiar a súa decisión.
Dende o ano 2011 o Orzamento do Goberno do Estado para a prevención integral da violencia de xénero veuse reducida nun 27%, máis de 8 millóns de euros. Nos orzamentos para o 2013, inclusive o Goberno retallou un milón de euros nos Programas de asistencia social para mulleres vítimas e menores expostos á violencia. O Observatorio de Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial xa fixo unha seria advertencia: os retallos son responsables de que moitas mulleres retiren a denuncia, posto que se atopan nunha situación de desprotección tras presentala. Porén, podemos afirmar que estes retallos en políticas de igualdade están a pór en situación de risco ás mulleres e, con elas, ás súas fillas e fillos.
Ademais, algunhas Comunidades Autónomas están reducindo os orzamentos, os recursos e os servizos de atención e loita contra a violencia de xénero.
O PSOE denuncia os significativos retallos en prevención, sensibilización e protección das mulleres, e das súas fillas e fillos, fronte a violencia de xénero, e convida ás Organizacións e aos outros partidos políticos a defender, de forma conxunta, que non se reduzan os orzamentos e recursos precisos para poder seguir realizando campañas de prevención, sensibilización e apoio ás mulleres; ademais, cremos imprescindible que se desenvolva un plan específico de actuacións para protexer aos e ás menores fronte á violencia de xénero que sofren eles/as xunto ás súas nais. 

As XSG-Ferrol poñen en marcha unha campaña na que animan á mocidade a levantarse contra as políticas de austeridade da UE

As Xuventudes Socialistas de Ferrol levaron a cabo ao longo desta fin de semana a campaña impulsada por todas as organizacións xuvenís socialistas de Europa denominada como “Rise Up” pola que animaron á mocidade a rebelarse contra as políticas que se están a levar a cabo dende a Unión Europea.
A campaña consistiu por unha banda na recollida de sinaturas nas que solicitan ao Consello de Europa e ao Parlamento Europeo que cambien de inmediato as políticas de austeridade e actuen de inmediato a prol dunha Europa do traballo, a ecoloxía e a democracia.
Por outra banda, presentaron a través duns dípticos informativos as súas propostas para que estes cambios que se solicitan se poidan levar a cambo. Segundo explicaron dende a Organización estas pasan por “impostos aos ricos para aumentar os ingresos públicos, loitar contra os paraísos fiscais, desactivar a bomba de reloxería do paro mozo, máis e mellores traballos a través de reducións na xornada laboral, invertir masivamente no aforro enerxético e nas enerxías anovables, protexer aos traballadores/as de Europa, asegurar a independencia dos Estados, introducir unha taxa financeira do 0,1% para limitar o poder dos mercados internacionais e facer unha Europa democrática.”
O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, afirmou que “a mocidade europea soporta completamente os custos da crise. Estamos na primeira liña ante o desemprego, a precariedade laboral, así como a progresiva privatización dos nosos sistemas de benestar e redes de protección social. Estamos sometidos a uns gastos de vivenda inasumibles e, porén, a perda de autonomía dunha xeración, que se ve obrigada a vivir cos seus pais.”
Bouza continuou expoñendo que “ esta situación é consecuencia directa das políticas de austeridade e do desmantelamento do noso Estado de benestar, imposta polos conservadores e liberais en Europa, privándonos do noso futuro”
Os mozos/as socialistas estan convencidos de que “a prioridade en Europa debe ser a loita contra o desemprego, a preservación dun alto nivel de benstar e a diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro.” “A democracia e a vontade dos cidadáns europeos – continuaron- deben pesar máis que as decisión dos mercados financeiros e as axencias de cualificación”.

viernes, 23 de noviembre de 2012

XSG-Ferrol: “O retroceso en políticas de igualdade coloca os dereitos das mulleres nunha situación de hai décadas”

As Xuventudes Socialistas de Ferrol advertiron hoxe que os retallos efectuados polo Goberno do PP en materia de igualdade “supón levar os dereitos das mulleres a unha situación anterior á Constitución”.
O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, afirmou que “xa non se trata só de que os Orzamentos Xerais do Estado retallen un 24% en materia de igualdade, senón que as constantes bravuconadas machistas dos membros do Goberno nestes meses lévannos a unha conclusión: o Partido Popular e o Goberno de Mariano Rajoy son felices situando ás mulleres españolas ante un abismo de desigualdade”.
A elo únese – recalcaron os mozos/as socialistas- o retallo do 7% que os Orzamentos Xerais do Estado para 2013 presentan nas políticas contra a violencia de xénero: elo débenos dar idea de que non só non é prioritario para o Goberno, senón que o Partido Popular o ve como prescindible, sen darse conta de que un retallo na loita contra a violencia machista non é só un retallo, senón un fracaso da sociedade no seu conxunto”.
Bouza lembrou que “xunto coas políticas retrógradas do Goberno de Rajoy, as CCAA do Partido Popular practicaron retallos e elaboran políticas en relación coas mulleres que podería subscribirse pola Sección Feminina nos anos 50”. “Semella- asegurou- que o Partido Popular é feliz relegando á muller ao ámbito doméstico e conducindo á sociedade aos escuros anos de silencio fronte á violencia machista”.
Dende Xuventudes Socialistas de Ferrol non imos a pemitir – afirmaron dende a Organización- que se trate de impor ao conxunto da sociedade un fanatismo fundamentalista, unha serie de dogmas trasnoitados, e un retroceso de décadas cando xa a nosa sociedade ía por un bo camiño grazas a medidas como a Lei Integral contra a Violencia de Xénero ou a Lei de Igualdade”. “Imos a aplicar unha política de tolerancia cero – aseguraron- contra o machismo institucional porque supón un dos apoios máis graves ao machismo social, e porque os e as mozos/as socialistas temos un compromiso claro pola igualdade e pola dignidade da muller no marco dunha sociedade avanzada, como deber ser a nosa”.
Bouza concluíu afirmando que “os retallos conducen a un risco certo dunha diminución de denuncias por violencia de xénero e se este risco se cumple, imos a esixir responsabilidades ao Partido Popular e o seu Goberno”.
A campaña iniciada no día de hoxe dende a Organización consistirá na publicación a través das redes sociais do cartel de campaña, así como sumarse ao manifesto do PSOE do Día Internacional contra a Violencia de Xénero.

jueves, 22 de noviembre de 2012

As XSG-Ferrol lamentan que o PP empregue argucias para impedir que o PSOE tramite a súa proposición sobre desafiuzamentos no Congreso


As Xuventudes Socialistas de Ferrol cualificaron hoxe de “malas artes parlamentarias” a decisión do PP de evitar que a proposición de lei sobre desafiuzamentos se vexa a semana entrante no Congreso.
O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, afirmou que “é unha burla ao Congreso que o Goberno diga agora que non estudou ben a proposición do PSOE sobre os desafiuzamentos, unha deslealdade institucional e unha falta de sensibilidade coa cidadanía”.
É evidente – engadiu- que o PP e o Goberno prefiren aplicar o seu rodillo parlamenterio antes que solucionar os problemas da cidadanía, como é evidente que pretenden trasladar un debate, impedindo que se celebre a semana que vén, porque lles resulta incómodo e porque son incapaces de priorizar os intereses do país sobre os seus propios”.
Os mozos/as socialistas aseguraron que “a actitude do PP semente dúbidas sobre a súa intención de solucionar un problema do día a día, da España real, dado que prefiren darlle prioridade a un decreto que non soluciona nada, que dá titulares nas noticias durante dous días, pero non evita os desafiuzamentos, que é o verdadeiro problema”.
O secretario xeral das XSG-Ferrol concluíu que “está claro que o Goberno e o Partido Popular perderon as rendas do país, e só aspiran xa a evitar que as proposicións da oposición cheguen máis lonxe parlamentariamente evidenciando a falta de solucións de Rajoy e os seus ministros”.

As XSG-Ferrol lamentan que o fundamentalismo chegue á Comisión Europea da man de Borg


As Xuventudes Socialistas de Ferrol lamentaron hoxe o nomeamento de Tonio Borg para o cargo de Comisario de Sanidade e Consumo, co voto en contra do Grupo Socialista Europeo, e a pesar do carácter homófobo, sexista e fundamentalista do candidato maltés.
Para as XSG-Ferrol “o apoio do Partido Popular á candidatura de Borg é un apoio inequívoco á chegada de valores ultraconservadores á Comisión Europea, valores de épocas pasadas contrarios ás bases do proxecto europeo”.
O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, destacou que “os valores que apoio Tonio Borg son contrarios á Constitución e ao ordenamento xurídico español, polo que o voto en contra do Partido Popular retrata que a dereita española prefire apoiar a un comisario homófobo e machista antes que apoiar os valores comúns expresados na nosa Constitución e apoiados moi recentemente polo Tribunal Constitucional”.
Bouza asegurou que “as Xuventudes Socialistas de Ferrol van a pedir un control férreo e exhaustivo sobre o comisario e sobre as políticas que pretenda desenvolver, especialmente en materia de saúde sexual e reprodutiva, polo que no seo da nosa organización de mozos/as socialistas europeos (ECOSY) a través da nosa organización a nivel federal (JSE) pediremos focalizar accións de control sobre Borg e accións de preservación dos valores democráticos, é dicir, dos valores comunitarios en materia de Sanidade e Consumo”.

martes, 20 de noviembre de 2012

XSG-Ferrol: “unha vez máis o PP demostra que coa inmigración só sabe frivolizar”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol esixiu hoxe ao Goberno que recapacite sobre a medida mediante a que se pretende ofertar permisos de residencia aos estranxeiros que compren unha casa por máis de 160.000 euros dado que a adoptou sen contar cos colectivos de inmigrantes e demostrando un total descoñecemento da realidade da inmigración no noso país.
Para o secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, “resulta frívolo, ademais de profundamente inxusto, que o Goberno mercantilice o acceso á residencia no noso país”.
O que debe facer o Executivo -engadiu- é promover políticas de axuda aos inmigrantes que, tendo colaborado coa economía española en época de bonanza, atópanse agora no mesmo contexto de crise económica que os nacionais españois. A eles tamén lles afecta o paro e os retallos como parte que son da sociedade, pero semella que o Goberno só o ten en conta como parte dunha estadística”.
Os mozos/as socialistas engadiron que “introducir unha relación entre a residencia no noso país e a propiedade dunha casa é unha medida que non responde á realidade da inmigración por canto quen precisa un permiso de residencia, e moitos de quenes xa o teñen, non dispoñen de 160.000 euros para a compra da vivenda”.
O secretario xeral das XSG-Ferrol preguntouse “se o Goberno pensou na porta aberta que está dándolle ás mafias da inmigración ao darlles unha oportunidade clara de acceso ao mercado inmobiliario, o que supón unha tremenda irresponsabilidade ademais dunha enorme inxustiza na que quenes máis van a sufrir son os propios inmigrantes”.
Unha vez máis – aseguraron dende a Organización- o PP demostra a súa falta de seriedade en políticas migratorias: con Aznar fixeron unha reforma da Lei de Estranxeiría que era abertamente inconstitucional, foron incapaces durante anos de reducir a economía sumerxida asociada á migración, e agora volven a non entender as demandas das persoas inmigrantes”.
Como conclusión, esixiron ao Executivo “que se sente coas Organización que representan aos diferentes colectivos de inmigrantes, que analice a realidade destes e que dea resposta sensatas e, ao menos, algo meditadas”.

miércoles, 7 de noviembre de 2012

XSG-Ferrol: “Rajoy e o PP deben entender que a lexislación non avanza a ritmo de catecismo, senón ao ritmo da sociedade española”

As Xuventudes Socialistas de Ferrol felicítanse pola sentenza do Tribunal Constitucional que considera acorde coa Carta Magna a reforma do Código Civil que regula o matrimonio entre persoas do mesmo sexo.
En opinión do secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, “aínda que a tardanza no fallo é unha tacha institucional que non podemos valorar ben, a decisión adoptada demostra que o contido substancial e profundo da nosa regulación sobre o matrimonio ampara un concepto amplio, e non se reduce a vontade nin dunha parte da sociedade nin dunha crenza relixiosa concreta”.
Os mozos/as socialistas destacaron que “tanto o sentir da cidadanía como a lóxica democrática deixaron en evidencia a un Partido Popular que mantivo durante sete anos unha postura en aberta contradición coa maioría social deste país”.
O secretario xeral das XSG-Ferrol pediu “unha reflexión profunda ao Partido Popular, para que deixe de tentar impor ao conxunto da sociedade española unha visión da familia na que só se entende representada unha minoría”. “As leis do Estado- engadiron- non poden ser o reflexo dunhas crenzas particulares, senón que deben amparar un mínimo común que sexa representativo de toda a sociedade e o fallo do Tribunal Constitucional vén a ratificar esta postura”.
Dende a organización concluíron que “agora é o turno de Rajoy e do PP para que comecen a entender que a lexislación en dereito de cidadanía non avanza ao ritmo de catecismo, senón ao ritmo que quere a sociedade española, ao ritmo que regulou o Congreso dos Deputados en 2005 e que hoxe ratificou o Tribunal Constitucional”.