viernes, 10 de mayo de 2013

XSG-Ferrol: “reformar a Lei IVE é unha labazada de Gallardón aos dereitos de todas as mulleres”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol esixiron hoxe “a retirada da reforma que ten intención de impoñer o goberno de Mariano Rajoy en materia de aborto e saúde sexual e reprodutiva”.
O secretario xeral, Aitor Bouza, definiu a proposta de reforma da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo como “un retroceso propio de tempos franquistas que amosa unha posición ultraconservadora por parte da dereita española retirándolle o dereito a decidir ás mulleres”. 

O líder das XSG-Ferrol reivindicou a “Lei IVE aprobada polo Goberno socialista baseada en prazos que lexitimaban o dereito a decidir das mulleres”. Para Bouza, esta lexislación “non se trataba simplemente dunha ‘Lei do aborto’, senón dun plan que acadou a diminución do número de interrupcións voluntarias do embarazo grazas ao aumento da educación sexual e reprodutiva”.

Bouza cuestionou a constitucionalidade desta reforma, xa que “non garante os dereitos fundamentais das mulleres”. “O que propón o Partido Popular constitúe un gran risco para a súa vida e a súa saúde e condena a súa liberdade de decisión obrigándoas a recorrer á clandestinidade para dispoñer deste dereito”.

En opinión das Xuventudes Socialistas de Ferrol, “a reforma da Lei IVE corresponde exclusivamente a razóns ideolóxicas lideradas pola Igrexa católica e retoma as condicións que establecía a lei do ano 85, relegando a España á cola dos dereitos das mulleres con respecto ao resto de países europeos”. 

“O Partido Popular non pode insultar de novo á cidadanía promovendo a idea de que esta reforma atende a razóns de austeridade” –engadiu Bouza. “A igualdade entre homes e mulleres non entende de retallos que atentan contra uns dereitos adquiridos grazas á democracia” –concluíu.
#nosotrasdecidimos

jueves, 9 de mayo de 2013

As Xuventudes Socialistas de Ferrol reivindican o europeísmo dinamitado polos retallos da dereita



As Xuventudes Socialistas de Ferrol denunciaron hoxe as políticas levadas a cabo na Unión Europea pola dereita conservadora liderada por Angela Merkel e respaldada en España por Mariano Rajoy e o Partido Popular. 

O secretario xeral, Aitor Bouza, advertiu de que “a política neoliberal da dereita xera na cidadanía europea desconfianza e desafección polas institucións comunitarias”. “Non podemos permitir que Merkel e os seus secuaces acaben co sentimento europeo a base de retallos inxustos que asfixian importantes políticas sociais baixo un trasfondo ideolóxico agochado como suposta austeridade”.
En relación a estas reducións orzamentarias, o líder das XSG-Ferrol esixiu á “maioría conservadora que dirixe as políticas da Unión Europea" que “cese de afogar aos estados membros marcando obxectivos de déficit sen ter en conta o sentir e as necesidades da cidadanía”. “O contexto de crise económica actual non pode servir de escusa para atacar os dereitos adquiridos nos últimos anos” –engadiu Bouza.

O secretario xeral defendeu o papel que debe ter a institución na loita contra o paro xuvenil “reintegrando ou introducindo á mocidade no mercado laboral europeo.” Como propón JSE, Bouza reclamou “un Pacto Europeo polo emprego que aumente as partidas orzamentarias centrándose en países como o noso que conta cunha elevada taxa de desemprego xuvenil”. 

"Debemos apostar polos avances no espazo educativo europeo –engadiu Bouza– xa que é o mellor método para acadar posteriormente salarios e empregos dignos. “Temos que potenciar a construción de infraestruturas que impulsen o crecemento económico da Unión sen descoidar as sinerxías noutros ámbitos de tanta importancia como o ensino”.

Bouza amosou o desexo da mocidade de “acadar unha Europa unida que destaque pola axuda mutua dos estados membros en prol dos intereses da cidadanía”. “Temos que constituír un referente dentro da Unión para estender este sentimento atacado polo escepticismo xustificado pola dereita”.

martes, 7 de mayo de 2013

As Xuventudes Socialistas de Ferrol chaman á mobilización masiva contra o neofascismo de Wert


As Xuventudes Socialistas de Ferrol confirmaron hoxe a súa presenza nas mobilizacións estudantís convocadas pola Plataforma en Defensa do Ensino Público contra a Lei Wert para o vindeiro xoves día 9 de maio. 

O secretario de organización, Aitor Rodríguez, presentou as accións informativas que a Organización ten previsto desenvolver os vindeiros días para esixir ao Goberno a retirada da Lei Wert, o fin dos retallos no ensino público e a dimisión inmediata do ministro de educación, cultura e deporte, José I. Wert.

“Temos que denunciar unha contrarreforma educativa do Partido Popular que –segundo Rodríguez– nos devolve ao pasado franquista, implantando de novo as reválidas, outorgándolle máis peso á materia de relixión católica e eliminando Educación para a Cidadanía”. 

Para as Xuventudes Socialistas, “a Lei Wert e os retallos realizados en educación polo Goberno rachan por completo o principio de igualdade de oportunidades que debe imperar na educación pública”. 

O secretario de organización quixo salientar que “esta reforma educativa rompe o equilibro lingüístico que máis consenso obtivo e relega a nosa lingua a un segundo plano”. “A aplicación arbitraria desta Lei suporía un incremento do gasto público en ensino privado” –denunciou Aitor Rodríguez. “É ilóxico que as institucións se vexan obrigadas a custearlle a praza nun centro privado ao alumnado que solicite o ensino íntegro en castelán”.

O secretario de organización asegurou que “de aprobarse a Lei Wert, atoparémonos ante un panorama desolador para o estudantado e o profesorado, xa que o ensino convertirase nunha carreira de obstáculos na que só os excelentes e os adiñeirados poderá estar cualificados.” “O ensino público está sufrindo o maior deterioro da nosa historia a golpe de decretazo e retallo, porén este xoves debemos dicir NON aos abusos deste Goberno” –engadiu Aitor Rodríguez.

“Os mozos e mozas socialistas non imos quedarnos de brazos cruzados ante unha Lei pactada de forma sectaria coa Igrexa que permitirá o financiamento público dos centros que discriminen ao alumnado por sexo, polo que o vindeiro día 9 a comunidade educativa demostrará ao Goberno que a súa reforma é nefasta” –concluíu.

#9Mhuelga
#fueraleywert

lunes, 6 de mayo de 2013

Ampla representación ferrolá no novo equipo da Xuventudes Socialistasde Galicia



Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) celebrou os días 27 e 28 de abril o seu XIV Congreso Nacional en Poio (Pontevedra). Trala votación saíu elixido novo Secretario Xeral Aitor Bouza Manso cun 96% dos votos emitidos.

No seu primeiro discurso coma Secretario Xeral, Aitor Bouza, manifestou a súa postura a favor da elección dos órganos directivos por primarias e que o seguinte Secretario Xeral da organización será elixido por este método. Tamén apostou por “dar solucións aos mozos e mozas formados que teñen que abandoar Galicia por falta de saídas laborais”. 

Describiu a Organización coma “unha organización unida e que contará con todas e todos” así coma o carácter socialista, galeguista e republicano desta.

Na nova Executiva, formada por 20 membros, entra a formar parte Sofía Vázquez Vilachá, membro da executiva local das XSG-Ferrol, coma Secretaria de Medioambiente e Desenvolvemento Sostible.
Julián Reina Villalón, tamén membro da executiva local de XSG-Ferrol, foi elixido como Presidente do Comité Nacional das XSG.