viernes, 28 de junio de 2013

XSG-Ferrol: “A pesar da homofobia do PP, hoxe conmemoramos o primeiro día do Orgullo LGTB con matrimonio constitucional”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) presentaron a campaña “Orgullos@s da nosa identidade” que consistirá  na difusión de mensaxes e carteis a través das redes sociais e en repartos de información á mocidade. 

O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, salientou que “como acontece coa igualdade das mulleres, a pesar dos numerosos avances obtidos durante os gobernos socialistas en favor do colectivo LGTB, os datos indican que aínda non contamos cunha igualdade real”. “A enquisa LGTB UE amosou que o 91% dos españois padeceu ataques homófobicos no seu centro escolar, o que nos sitúa no posto 18 da Unión Europea”. Por outra banda, “a FELGTB alerta que o 43% das vítimas pensa no suicidio e un 17% o intenta”.  

A Organización salientou que “é necesario prestar máis atención ao colectivo LGTB nas etapas temperás da vida”. “Por iso, dende as XSG vemos como a inactividade do Goberno do PP de cara á erradicación da homofobia empurra cada vez máis ás desigualdades”. Asemade, “a eliminación da Educación para a Cidadanía, que defendía a libre orientación afectiva e sexual da paso a unha Educación Cívica e Constitucional que despreza os contidos con respecto á homofobia e ás desigualdades”. 

Os mozos e mozas defenderon “a realización de estudos oficiais que permitan coñecer en profundidade a problemática por intolerancia discriminatoria á que se ve sometida a mocidade pola súa orientación sexual”. “É necesaria a formación de profesionais que traballen contra o acoso escolar transfóbico e o desenvolvemento de campañas da Consellería de Sanidade e de Educación”.

Bouza denunciou que “namentres a orientación sexual ou a identidade de xénero non estea protexida polas institucións e non se garanta a tolerancia e a liberdade non podemos falar de sociedade avanzada”. “Para iso é fundamental visibilizar a situación 
de especial vulnerabilidade das persoas LGTB no eido rural, que afrontan máis dificultades para asumir e facer visible a súa orientación ou identidade debido ao rexeitamento social e á falta de recursos”.
O Secretario Xeral concluíu indicando que “as XSG de Ferrol estaremos presentes en todos os actos conmemorativos lembrando as revoltas de Stonewall, participando durante esta semana nos actos de diferentes cidades galegas”.


miércoles, 5 de junio de 2013

As Xuventudes Socialistas de Ferrol chaman á xestión alimentaria sostíbel no Día Mundial do Medio Ambiente

As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) sumáronse á campaña “Pensa. Aliméntate. Aforra” impulsada polas Nacións Unidas para a conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente do 5 de xuño. O obxectivo desta campaña, que levarán a cabo a través da difusión de información e dun manifesto nas redes sociais, é “a redución da cantidade de comida que remata ao ano no lixo”. “En Galicia son 242 toneladas as que se tiran anualmente, unha das taxas máis baixas do país na reutilización das sobras”. 

O secretario xeral, Aitor Bouza manifestou en nome das XSG-Ferrol “a súa preocupación polo momento de crise no que se atopan moitas familias galegas que teñen que facer uso dos comedores sociais”. “Máis de 80.000 familias contan con todos os seus membros en paro e as partidas para o financiamento dos bancos de alimentos son cada vez menores”. “Vemos así a inxustiza social que supón este desperdicio de comida cando é unha necesidade dunha boa parte da nosa sociedade” –engadiu. 
Os mozos e mozas socialistas aludiron tamén ás “repercusións medio ambientais asociadas. “Se desperdiciamos comida significa que todos os recursos empregados para producila tamén o son”. “Asemade –explicou Bouza– estas toneladas convertidas en residuos teñen que ser tratadas producindo gas metano, un dos gases de efecto invernadoiro responsábel do cambio climático”.  

Bouza instou ás administracións públicas “a facer esforzos para reconducir esta situación, incorporando planificacións no sector hostaleiro e favorecendo un consumo responsábel que fomente a compra en mercados locais”. “O Estado debe promover un acordo entre organizacións sociais e representantes da industria agroalimentaria que permita un aproveitamento eficiente dos alimentos”.

Neste sentido, o líder das XSG-Ferrol propuxo diferentes accións como “a flexibilización dos criterios mínimos de estética dos produtos, a promoción da cooperación entre os diferentes axentes da industria alimentaria, a redistribución dos excedentes ou a difusión de boas prácticas entre os diferentes Concellos, comunidades e países”. 



“É esencial –concluíu o dirixente socialista– o fomento de cursos educativos sobre alimentación que fomenten unha cultura de aforro e reutilización das sobras”. “O mellor método para eliminar a destrución contaminante dos residuos é evitar a súa produción e para iso é imprescindíbel a concienciación nesta materia”.