lunes, 20 de octubre de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS DENUNCIAN O PECHE DA CASA DA XUVENTUDE

 “A casa da Xuventude debería de estar traballando máis que nunca, para que Ferrol deixe de ser para os mozos e mozas unha cidade sen oportunidades”

“A única explicación que vemos a semellante disparate é que, como o concello non sabe que facer co edificio do hospicio, pasa para alí a Casa da Xuventude e así faise unhas fotos a concelleira, que parece que é o único que lle importa"



As Xuventudes Socialistas de Ferrol denuncian o peche da casa da Xuventude, trasladando as súas funcións ao edificio do antigo hospicio municipal: “Os mozos e mozas de Ferrol tíñamos unha casa da Xuventude estupenda, un espazo con múltiples aulas independentes e deseñado para este uso e o Concello non se lle ocorre outra cousa que pechala”.

Segundo explicou a secretaria xeral, Ana Lamas, “A única explicación que vemos a semellante disparate é que, como o concello non sabe que facer co edificio do hospicio, pasa para alí a Casa da Xuventude e así faise unhas fotos a concelleira, que parece que é o único que lle importa”.
As XSG de Ferrol xa veñen denunciando a falta de políticas para a mocidade en Ferrol, que adoece de multitude de problemas: “A casa da Xuventude debería de estar traballando máis que nunca, para que Ferrol deixe de ser para os mozos e mozas unha cidade sen oportunidades”.

Para os mozos e mozas socialistas queda de novo de manifesto que o Partido Popular non cree nos servizos públicos: “O PP ten sempre por desgraza unha estratexia moi clara: primeiro baleiran de contido e de actividade os espazos públicos, para logo pechalos ou privatizalos, non é ningún segredo que a dereita non cree nos espazos dos cidadáns”

Recordan que unha vez máis a Concelleira non contou coas asociacións de Ferrol: “de novo quedou de manifesto que ao Goberno preocúpalle ben pouco o asociacionismo e que non creen na participación cidadá”

Para rematar os mozos e mozas socialistas animan ao Goberno local que empece a traballar pola mocidade de Ferrol, e xa bastantes problemas teñen e que deixen de argallar inauguracións de cousas que xa existen”.

sábado, 4 de octubre de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS SAEN Á RÚA PARA LOITAR POLA IGUALDADE


“Os homes teñen que implicarse en alcanzar a loita pola igualdade, e en conseguir unha sociedade máis digna, sen discriminacións.”

“Temos que conseguir erradicar dunha vez por todas os estereotipos que catalogan aos homes e ás mulleres en todos os ámbitos da vida”


As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) sumáronse á campaña de ONU Mulleres #HeForShe, que foi presentada por Emma Watson, o pasado día 20 de setembro.

Segundo explicou a secretaria xeral, Ana Lamas, “Encántanos esta campaña, xa que reivindica o papel dos homes e mozos na consecución dunha igualdade real para conseguir finalmente unha sociedade máis xusta. Para nós- engadiu- unha sociedade máis xusta é aquela que non discrimina a ninguén.”
Continuou argumentando que “os homes teñen que implicarse en alcanzar a loita pola igualdade, e en conseguir unha sociedade máis digna, sen discriminacións.”

As XSG de Ferrol saíron esta mañá de sábado á rúa, co fin de dar a coñecer a campaña á cidadanía. Ademais, elaboraron uns carteis co lema: “Eu son feminista, e ti?” co que fotografaron ós cidadáns que quixeron deixar patente a súa implicación coa igualdade.

Durante a vindeira semana seguirán saíndo á rúa, para dar a coñecer a campaña e fotografar a moitos ferroláns involucrados coa loita pola igualdade: “So coa loita de todos, homes e mulleres, conseguiremos unha sociedade mais xusta e igualitaria”.

Os mozos socialistas concluíron afirmando que “temos que conseguir erradicar dunha vez por todas os estereotipos que catalogan aos homes e ás mulleres en todos os ámbitos da vida”