jueves, 9 de abril de 2015

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS DE FERROL RECLAMAN ANTE A XUNTA QUE SE ESCOITE Á MOCIDADE FERROLANA.

Participaron nunha reunión o pasado martes 7 de abril, que contou con escasa participación de entidades mozas.

Os mozos e mozas socialistas reclaman unha vez máis a posta en marcha do Consello da Mocidade de Ferrol co fin de apostar pola participación dos mozos e mozas ferroláns.

Os mozos socialistas de Ferrol participaron onte nunha reunión promovida pola Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Xunta de Galicia onde se presentou o Programa “Iniciativa Xove”.

Dende Xuventudes Socialistas de Ferrol critican a paralización dos órganos de participación da mocidade e reclaman que se confíe e escoite á mocidade da nosa cidade.   Para a Secretaria Xeral das XSG de Ferrol esta é a proba de que o PP no cree na participación da xente moza.

Para as Xuventudes Socialistas de Ferrol  non é lóxico gastar os cartos en “paripés” que tratan de maquillar a inexistencia de políticas de mocidade da Xunta.

A non aposta por estes órganos provoca a falta de comunicación activa e de coñecemento da administración dos mozos e mozas asociados, coa conseguinte falta de participación de entidades neste tipo de reunións (apenas catro asociacións participaron, sendo unicamente XSG unha organización moza propiamente dita).

Para as XSG de Ferrol é labor da administración fomentar os mecanismos para que a voz dos mozos e mozas sexa escoitada e dinamizar non só mediante paquetes de axudas económicas para proxectos puntuais, senón mediante a creación dos órganos de participación e da potenciación do asociacionismo.


Dende a agrupación socialista animan ao goberno local a fomentar o asociacionismo e a confiar nos mozos e mozas de Ferrol. Reclaman que dunha vez por todas se lles dea voz mediante os órganos de participación xa que a mocidade merece ser escoitada.