jueves, 15 de enero de 2015

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS DE FERROL BUSCAN SOLUCIÓNS Á ALTA TAXA DE DESEMPREGO DA CIDADE NUNHA REUNIÓN DE TRABALLO ABERTA

Terá lugar mañá venres, 16 de xaneiro, ás 19:30h na Galería Sargadelos.





Os mozos socialistas buscan así que dende diferentes experiencias, se ofrezan diferentes visións, definindo grazas a elas propostas para mellorar a situación de actual desemprego e que sirvan de ideas á hora de definir o programa electoral mozo.

A reunión será moderada por  Ana Lamas Villar, Secretaria Xeral das Xuventudes Socialistas de Ferrol, que neste sentido expresou que dende a organización “queremos traballar na elaboración de ideas e de propostas para que o futuro da nosa mocidade estea aquí e non no exilio” .

Así mesmo as XSG manifestan que “vemos como moitos amigos e coñecidos teñen que buscarse a vida, o presente e o futuro fóra, nós mesmos sabemos que en calquera intre tal vez teñamos que emigrar tamén. Pero cremos que Ferrol ten futuro, ten posibilidades e oportunidades, que poden ser creadas e fomentadas. Cremos ademais que politicamente pode traballarse e facer cousas ao respecto. Entendemos que é unha obriga dos representantes municipais buscar solucións e traballar a reo para crear oportunidades, que existen, e apoiar a aqueles que poden facelas realidade.”


Esta é a primeira reunión sectorial de traballo das que teñen programadas os mozos socialistas para próximas datas. Están previstas diferentes reunións de traballo sectoriais, con diferentes colectivos e persoas individuais que estean directamente relacionadas coas temáticas a traballar de cara a elaboración do programa electoral mozo.



Os mozos socialistas preparan unha reunión de traballo, aberta ao público, con empresarios mozos da cidade e con representantes de diferentes colectivos, como o sindicato UXT, e a  Asociación de Jóvenes Empresarios. O obxectivo é elaborar diferentes propostas en materia de emprego.