jueves, 11 de diciembre de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS CONTRA A “LEI MORDAZA”

“Esta Lei demostra unha forma de gobernar baseada no totalitarismo”


“Os e as xoves socialistas mostranse rotundamente en contra da mal chamada “Lei de Seguridade Cidada” plantexada polo Goberno de Mariano Rajoy e lanzan unha campaña na súa contra baixo o lema #LibertadRobada.”





As Xuventudes Socialistas de Ferrol fixéronse eco da campaña que lanzou a organización; a campaña #LibertadRobada contra a Lei de Seguridade Cidadá.

A mal chamada “Lei de Seguridade Cidadá” é imposta de maneira unilateral polo Goberno do Partido Popular e hoxe se debate no Congreso dos Deputados. As XSG entenden que pretende, a raíz da intensa actividade dos movementos sociais, xerar un medo en quen queira exercer o seu dereito de manifestación e expresión.



Para Ana Lamas, secretaria xeral de Ferrol das XSG, “Se esta Lei chega a aprobarse, os corpos e forzas de seguridade do Estado terán unha gran capacidade de actuación en base a meras sospeitas, provocando a inseguridade na cidadanía”.

En opinión das Xuventudes Socialistas de Ferrol, “atopámonos ante un grave problema de inseguridade xurídica ao descoñecerse en que situacións considérase preciso que os axentes actúen para previr un delito. A suposta tranquilidade no espazo público limita os dereitos fundamentais como o de manifestación, expresión ou reunión cunhas sancións completamente desorbitadas”.

Segundo a opinión da organización política xuvenil “sancionar de maneira exacerbada determinadas mostras de opinión por consideralas un ataque á seguridade colectiva non é unha solución ao problema”.



Os e as socialistas remarcaron que “hoxe debátese no Parlamento de Galicia a instancias dos socialistas cal é a opinión da Xunta de Galicia ao respecto da aprobación que ataca de fronte as liberdades e dereitos fundamentais, aínda que dubidan que o señor Feijoo se desmarque da política represiva do seu compañeiro de partido Mariano Rajoy.


A secretaria xeral concluíu afirmando que “debemos apostar por leis que permitan expresar o pensamento libremente e actuar de maneira independente sen que se considere un ataque a orde pública. O Estado de Dereito, de aprobarse esta Lei, quedará unha vez máis profundamente danado. De novo, o Goberno do Partido Popular demostra que algún sectores deste país non creen la liberdade”.

lunes, 20 de octubre de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS DENUNCIAN O PECHE DA CASA DA XUVENTUDE

 “A casa da Xuventude debería de estar traballando máis que nunca, para que Ferrol deixe de ser para os mozos e mozas unha cidade sen oportunidades”

“A única explicación que vemos a semellante disparate é que, como o concello non sabe que facer co edificio do hospicio, pasa para alí a Casa da Xuventude e así faise unhas fotos a concelleira, que parece que é o único que lle importa"



As Xuventudes Socialistas de Ferrol denuncian o peche da casa da Xuventude, trasladando as súas funcións ao edificio do antigo hospicio municipal: “Os mozos e mozas de Ferrol tíñamos unha casa da Xuventude estupenda, un espazo con múltiples aulas independentes e deseñado para este uso e o Concello non se lle ocorre outra cousa que pechala”.

Segundo explicou a secretaria xeral, Ana Lamas, “A única explicación que vemos a semellante disparate é que, como o concello non sabe que facer co edificio do hospicio, pasa para alí a Casa da Xuventude e así faise unhas fotos a concelleira, que parece que é o único que lle importa”.
As XSG de Ferrol xa veñen denunciando a falta de políticas para a mocidade en Ferrol, que adoece de multitude de problemas: “A casa da Xuventude debería de estar traballando máis que nunca, para que Ferrol deixe de ser para os mozos e mozas unha cidade sen oportunidades”.

Para os mozos e mozas socialistas queda de novo de manifesto que o Partido Popular non cree nos servizos públicos: “O PP ten sempre por desgraza unha estratexia moi clara: primeiro baleiran de contido e de actividade os espazos públicos, para logo pechalos ou privatizalos, non é ningún segredo que a dereita non cree nos espazos dos cidadáns”

Recordan que unha vez máis a Concelleira non contou coas asociacións de Ferrol: “de novo quedou de manifesto que ao Goberno preocúpalle ben pouco o asociacionismo e que non creen na participación cidadá”

Para rematar os mozos e mozas socialistas animan ao Goberno local que empece a traballar pola mocidade de Ferrol, e xa bastantes problemas teñen e que deixen de argallar inauguracións de cousas que xa existen”.

sábado, 4 de octubre de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS SAEN Á RÚA PARA LOITAR POLA IGUALDADE


“Os homes teñen que implicarse en alcanzar a loita pola igualdade, e en conseguir unha sociedade máis digna, sen discriminacións.”

“Temos que conseguir erradicar dunha vez por todas os estereotipos que catalogan aos homes e ás mulleres en todos os ámbitos da vida”


As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) sumáronse á campaña de ONU Mulleres #HeForShe, que foi presentada por Emma Watson, o pasado día 20 de setembro.

Segundo explicou a secretaria xeral, Ana Lamas, “Encántanos esta campaña, xa que reivindica o papel dos homes e mozos na consecución dunha igualdade real para conseguir finalmente unha sociedade máis xusta. Para nós- engadiu- unha sociedade máis xusta é aquela que non discrimina a ninguén.”
Continuou argumentando que “os homes teñen que implicarse en alcanzar a loita pola igualdade, e en conseguir unha sociedade máis digna, sen discriminacións.”

As XSG de Ferrol saíron esta mañá de sábado á rúa, co fin de dar a coñecer a campaña á cidadanía. Ademais, elaboraron uns carteis co lema: “Eu son feminista, e ti?” co que fotografaron ós cidadáns que quixeron deixar patente a súa implicación coa igualdade.

Durante a vindeira semana seguirán saíndo á rúa, para dar a coñecer a campaña e fotografar a moitos ferroláns involucrados coa loita pola igualdade: “So coa loita de todos, homes e mulleres, conseguiremos unha sociedade mais xusta e igualitaria”.

Os mozos socialistas concluíron afirmando que “temos que conseguir erradicar dunha vez por todas os estereotipos que catalogan aos homes e ás mulleres en todos os ámbitos da vida”

viernes, 19 de septiembre de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS SÚMANSE A CELEBRACIÓN DA SEMANA EUROPEA DA MOBILIDADE SOSTIBLE E SUSPENDEN A XESTIÓN DE REY VARELA NESTA MATERIA

“O Plan de mobilidade, está sen desenvolver, cun goberno que non move un dedo polos servizos públicos de transporte”

“Os concellos teñen que traballar na redistribución e no redeseño das rúas e espazos públicos a prol das persoas.”



As Xuventudes Socialistas de Galicia celebrarán a través das redes a Semana Europea da Mobilidade Sostible 2014, que ten lugar estes días, e  que ten obxectivo e loitar contra o cambio climático, fomentar o uso do transporte público e promover o uso de medios de transporte sostibles.

Así mesmo, aproveitan para cualificar como deficiente a xestión de Rey Varela neste sentido: “O Plan de mobilidade, está sen desenvolver, cun goberno que non move un dedo polos servizos públicos de transporte”
As XSG de Ferrol sinalan unha importante falta de infraestruturas e as deficiencias dos escasos carrís bici pola falta de mantemento. Así mesmo denuncian o desmantelamento do servizo de préstamo de bicis, que ten na actualidade moi poucos usuarios.

“Está claro que o goberno local de Rey Varela non cree nun modelo de mobilidade sostible, a xestión dos transportes públicos de Ferrol é lamentable” sinalou a Secretaria Xeral das XSG de Ferrol, Ana Lamas: “Non están facendo ningunha xestión cara a unha mellora de horarios ou de frecuencias, o servizo de trens á Coruña é escaso e lento”

Os mozos e mozas socialistas apostan polo desenrolo do Plan de mobilidade, que permite por unha mobilidade sostible, coa peonalización dos cascos históricos para o goce das persoas e onde o protagonista sexa o peón e non os coches: “os concellos teñen que traballar na redistribución e no redeseño das rúas e espazos públicos a prol das persoas.”

A Semana Europea da Mobilidade culminará coa celebración do Día Mundial do Coche o 22 de setembro. En declaracións da secretaria de medio ambiente e desenvolvemento sostible, Sofía Vázquez, “en España o transporte supón un 25% do total das emisión de carbono emitidas, provocando non só graves problemas medioambientais, senón tamén moitos problemas de saúde para os cidadáns” engadindo que “iniciativas como esta á que nos sumamos dende as XSG pretenden concienciar a xente de que outro tipo de cidades máis agradables e saudables para vivir son posibles.”


martes, 2 de septiembre de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS DENUNCIAN A IRRESPONSABILIDADE DO GOBERNO LOCAL AO NON MANTER SOCORRISMO NAS PRAIAS

“De ocorrer unha traxedia, como estivo a punto de acontecer onte, o único responsable sería o goberno municipal do PP que expón ós seus cidadáns a un risco innecesario”

 “É un insulto á cidadanía recortar en seguridade alegando falta de cartos cando o Goberno municipal deixou sen gastar 10 millóns de euros do presuposto anterior”


Os mozos e mozas socialistas esixen que o Concello de Ferrol que manteña o servizo de socorristas durante a primeira quincena de setembro: “os nosos areais están cheos estes días e non debemos esquecer que é responsabilidade do goberno local manter a seguridade nas nosas praias”

As XSG de Ferrol consideran unha falta de responsabilidade moi grave, máis cando no día de onte estivo a punto de ocorrer unha desgraza, cando dúas mozas foron rescatadas grazas a boa vontade de cidadáns anónimos, que non deben de ser os que suplan as carencias dun Concello que recorta en seguridade: “De ocorrer unha traxedia, como estivo a punto de acontecer onte, o único responsable sería o goberno municipal do PP, que expón ós seus cidadáns a un risco innecesario”

“É un insulto á cidadanía recortar en seguridade alegando falta de cartos cando o Goberno municipal deixou sen gastar 10 millóns de euros do presuposto anterior” engadiu a Secretaria Xeral das XSG de Ferrol, Ana Lamas.


Os mozos e mozas socialistas o ven como unha mostra máis da mala xestión do goberno municipal, que non só desatende o servizo de transporte público ós areais senón que non os dota da seguridade necesaria: “temos a inmensa sorte de ter uns recursos naturais fantásticos e é lóxico que os cidadáns queiran gozar deles polo que debemos poñer os recursos necesarios”. Ademais engaden que “é unha mágoa que os concelleiros do Partido Popular poñan tan pouco en valor a nosas praias”.

lunes, 18 de agosto de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS RECLAMAN MELLORAS NO SERVIZO DE TRANSPORTE ÁS PRAIAS


Os mozos e mozas socialistas esixen que o Concello de Ferrol mellore o servizo de transporte ás praias, o que cualifican coma escaso: “Durante este verán, un mozo ferrolán que non teña coche de seu ten moi complicado gozar das praias do noso Concello”

As XSG de Ferrol animan ó Concello de Ferrol que poña en valor as nosas praias, auténticas xoias, e que faciliten que os ferroláns e as ferrolás podan gozar delas cun bo servizo público de transportes, facilitando así mesmo o turismo.


Engaden ademais que é unha cuestión de responsabilidade e respecto polo medio ambiente o fomentar o uso do transporte público, minimizando o uso dos vehículos particulares nunhas praias que este verán viron ata colapsadas as súas zonas de aparcadoiro.


A Secretaria Xeral das XSG de Ferrol, Ana Lamas, engadiu que non é de estrañar que o transporte ás praias sexa tan deficitario, tendo en conta a nefasta xestión dos transportes que está a levar a cabo o goberno municipal.

jueves, 7 de agosto de 2014

AS XSG CONVIDAN AO DIRECTOR DO INJUVE A MARCHARSE A ALEMANIA A TRABALLAR NUN "MINIJOB"


As Xuventudes Socialistas de Ferrol denuncian unha vez máis a insensibilidade e a insensatez do Goberno de España cando se trata de referirse á mocidade afectada polo exilio económico. Así reaccionou a Organización xuvenil tras afirmar Rubén Urosa, director do INJUVE que “me pone los pelos de punta que se hable de fuga de cerebros cuando lo que hay es movilidad”.

Para o mozos e mozas socilistas de Ferrol, “as declaracións de Urosa son especialmente ferintes, posto que o propio directo de mocidade non é capaz de coñecer e/ou recoñecer a situación de milleiros/as mozos/as cunha formación excelente que están empregados en posto que requiren unha cualificación por baixo das súas posibilidades, que firmaron contratos precarios cuns salarios insultantes.”

A secretaria xeral, Ana Lamas, continuou “falamos de insensibilidade porque non son capaces de xerar empatía cos cidadáns españois que abandonaron o seus país, as súa costumes, os seus amigos e a familia para pescudar unha oportunidade que o Partido Popular non foi capaz de ofrecerlles. E cremos que é unha insensatez porque a posta en marcha de medidas para solucionar o problema do exlio económico require dun bo diagnóstico e fica de manifesto que para o Partido Popular isto é un fenómeno positivo en lugar dun drama para a maioría de mozos/as que tiveron que marchar por falta de esperanzas e oportunidades. Sería interesante que o director do INJUVE marchase unha tempada a Alemania a traballar nun minijob”, setenciou.

Na opinión das Xuventudes Socialistas, “o director do INJUVE debería coñecer a mobilidade exterior e aproveitar para explicarlla aos seus cachorros que se dedican a predicar con ese mal exemplo que os dirixentes do Partido Popular lles dá. Así mesmo, debe explicarlle aos mozos/as españois as bondades que segundo eles ten este fenómeno.”

Os mozos e mozas socialistas  esixiron ao goberno que deixe de negar a situación e que poña en marcha unha estratexia global para evitar que a xeración mellor formada deste país abandone toda esperanza de desenvolver o seu proxecto de vida dentro das nosas fronteiras. Debemos voltar a invertir en Investigación e Desenvolvemento, recuperar o orzamento para as bolsas, baixar as taxas universitarias e reforzar como mínimo o plan de garantía xuvenil que, ademais de chegar tarde, a todas luces ficou corto. Debemos, en definitiva, tomar as medidas precisas para ofrecer á mocidade deste país unha oferta formativa e de emprego suficiente e accesible.”

A secretaria xeral conclúe afirmando que “con estas declaracións de Rubén Urosa, o Goberno de España mófase, unha vez máis, de centos de milleiros de mozos/as que sufren o exilio económico. Aínda máis preocupante que a falta de ideas do Goberno do Partido Popular para combater o desemprego xuvenil e deter o exilio económico é a desidia que mostra o seu presidente ante estes asuntos de extrema gravidade social, restándolles importancia e desprezando a desesperación e a dor da mocidade española.”


Así mesmo, os mozos e mozas socialistas esixen ao Sr. Feijoo que condene estas verbas e inste ao seu partido a cambiar de política nesta materia, comezando por facelo dende a nosa Comunidade Autónoma, na cal o presidente da Xunta regálase maletas aos mellores currículos.

viernes, 13 de junio de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS RECLAMAN QUE AS BIBLIOTECAS PÚBLICAS AUMENTEN O SEU HORARIO NA TEMPADA DE EXAMES

“Os mozos e mozas de Ferrol non teñen unha biblioteca pública que dea unha cobertura adecuada as súas necesidades”
“Parécenos incrible que Rey Varela non se preocupe pola formación dos ferroláns e ferrolás, nun momento tan crítico coma este”
Denuncian a hipocrisía do PP, que alá polo 2008 esixía por medio das Novas Xeracións un horario máis amplo.



Os mozos e mozas socialistas esixen que na tempada de exames as bibliotecas públicas do noso Concello aumenten o seu horario, o cal consideran insuficiente: “Os mozos e mozas de Ferrol non teñen unha biblioteca pública que dea unha cobertura adecuada ás súas necesidades” “Parécenos incrible que Rey Varela non se preocupe pola formación dos ferroláns e ferrolás, nun momento tan crítico coma este”.

Na actualidade as bibliotecas públicas teñen un horario moi limitado e ademais non dan cobertura o fin de semana.

Denuncian que a demanda se suple coas bibliotecas e aulas de estudio da universidade, pero nas cales teñen preferencia os matriculados na UDC: “Habitualmente o aulario está cheo e teñen que marchar todos aqueles que non sexan universitarios da UDC, o Concello esquece ós mozos e mozas de instituto, ós opositores e ós estudantes de ensinanzas non universitarias”, “Xa é o que nos faltaba, co alto nivel de paro mozo do noso concello nin sequera temos sitios en condicións onde mellorar a nosa formación” declarou a Secretaria Xeral dos mozos socialistas de Ferrol.


A Secretaria Xeral das XSG de Ferrol, Ana Lamas, denunciou ademais a hipocrisía do Partido Popular, que alá polo 2008 esixía por medio das Novas Xeracións un horario máis amplo e agora, que moitos e moitas por mor do paro volven a estudar, non cumpren o que eles mesmos reclamaban, quedando demostrado que só lles movía conseguir votos: “é vergoñento que reclamaran unha cousa que agora, estando no goberno en maioría absoluta, nin sequera se molesten en poñer en marcha. A Rey Varela só lle interesaron os mozos mentres lle foron útiles para chegar á alcaldía”.

jueves, 5 de junio de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS REIVINDICAN A LOITA CONTRA O CAMBIO CLIMÁTICO NO DÍA MUNDIAL DO MEDIO AMBIENTE


Os mozos e mozas socialistas veñen a conmemorar un ano máis o Día Mundial de Medio Ambiente, promovido por Nacións Unidas, este ano baixo o lema "Alza a túa voz, non o nivel do mar".

A Secretaria Xeral das XSG de Ferrol, Ana Lamas, anunciou que “alzaremos a nosa voz para loitar contra o cambio climático, sumándonos ao maratón de Twitter do #DMMA2014” posto en marcha polo Programa de Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA), que se desenvolve na devandita rede social estes días, buscando sensibilizar sobre o cambio climático e os desafíos aos que se enfrontan as illas, que serán as maiores afectadas pola subida do mar.

Os mozos e mozas socialistas presentaron a campaña que se levará a cabo nas redes sociais, consistente na difusión de carteis inspirados no célebre cartel británico da Segunda Guerra Mundial baixo o lema Keep Calm and Carry On (Mantén a calma e segue adiante), que as propias Nacións Unidas versionaron este ano para publicitar e animar á xente a participar no Tweetathon. Dende as XSG elaboráronse varios carteis con mensaxes que recollen actitudes e comportamentos cotiás que axudarían a frear o cambio climático, reducindo as emisións de CO2.

A Secretaria Xeral das Xuventudes de Ferrol sostivo que “o Día Mundial do Medio Ambiente é o momento para darse conta de que o coidado da Terra é responsabilidade de todos e de todas, podendo converternos, se queremos, en axentes de cambio”. “O cambio climático é o desafío do noso tempo e as políticas internacionais, comunitarias, estatais, galegas e locais teñen que dar respostas ao problema do quentamento global e as consecuencias específicas que terán en cada territorio”. 


Lamas engadiu que “cómpre e urxen máis acordos internacionais ao respecto e involucrando a un maior número de países, sen esquecer que a acción local e rexional non é menos importante, polo que dende as Xuventudes instamos ás administracións galegas a poñer o seu grao de area poñendo en marcha estratexias e políticas, non só para frear o quentamento global, senón tamén para planificar as medidas de adaptación que nalgúns lugares serán necesarios”.

Os mozos e mozas socialistas concluíron reivindicando “o papel estratéxico das políticas e investimentos públicos para o fomento do I+D+i e, por ende, dos mozos e mozas investigadores, para mitigar o cambio climático e os seus efectos en Galicia, que requiren da acción de tódolos principais actores, e concretamente de investimentos da Xunta de Galicia para facelo realidade no noso país”.




lunes, 2 de junio de 2014

"A CIDADANÍA TEN DEREITO A ESCOLLER A REPÚBLICA NUN REFERENDUM"


Os mozos e mozas socialistas chaman á Terceira República Española xa que consideran que “a xefatura do Estado debe ser elixida libremente e en democracia por toda a cidadanía”


A Secretaria Xeral, Ana Lamas, anunciou que “dende as XSG participaremos na mobilización convocada para hoxe en Ferrol”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol reivindicaron hoxe o seu talante republicano con motivo da abdicación do Rei Juan Carlos I. “A defensa da República como modelo de Estado forma parte da nosa identidade política”. “O recordo dos logros alcanzados no pasado, especialmente durante a II República, é algo que nunca esqueceremos”.

A Secretaria Xeral, Ana Lamas, indicou que “a República debe congregar en torno a ela a todo o espectro político, de esquerdas ou dereitas”. “Debe ser un punto de encontro e convivencia cidadá, un espazo común no que non existan suspicacias nin reproches, senón o compromiso do bo goberno e da virtude cívica, características básicas do republicanismo”.

Os mozos e mozas socialistas denunciaron que “mentres na actualidade en España o xefe do Estado o é por nacemento, a súa persoa é inviolable e non está suxeita a responsabilidade, defendemos unha República na que o xefe do Estado sexa elixido por sufraxio universal e non goce de privilexios inxustos”. “Unha gran parte da mocidade non se sente identificada coa Monarquía porque non forma parte de quen aceptou o seu establecemento, polo que ten dereito a decidir en referendum sobre o futuro do modelo de Estado”.

Os mozos e mozas socialistas propuxeron que “dende a o sentimento republicano comecemos a valorar a importancia que temos dentro da sociedade e a responsabilidade que debemos asumir polo ben común”. “O fin último que trae consigo a República é a consecución dunha cidadanía preparada, libre, igualitaria, que sexa o contrapeso do poder cando este se exerce de costas a ela”. “Por iso –remataron– hoxe máis que nunca, debemos apostar por unha España Republicana”.

Dende as Xuventudes Socialistas concluíron confirmando a súa participación na mobilización en defensa da República que terán lugar esta tarde: “Animamos a toda a cidadanía ferrolá a participar nestas mobilizacións, así como a todos os compañeiros e compañeiras socialistas”

miércoles, 7 de mayo de 2014

AS XUVENTUDES SOCIALISTAS DE FERROL INFORMAN DO VOTO POR CORREO CUNHA SIMPÁTICA CAMPAÑA



Os mozos e mozas socialistas levan a cabo un reparto de dípticos nos que informan sobre o voto por correo
A información foi levada á residencia universitaria, ós campus de Esteiro e de Serantes e ós barrios do Pilar e Caranza



As Xuventudes Socialistas de Ferrol levan a cabo durante esta semana unha campaña, baixo o lema “Mueve el culo” na que informan sobre os pasos a seguir para solicitar o voto por correo.
A actividade ten coma fin informar a todas e todos aqueles mozos que, por motivos de estudos ou traballo, non poden acudir a votar o vindeiro día 25 ás eleccións o parlamento europeo.

As Xuventudes Socialistas de Ferrol animan a todos aqueles mozos que estéan nesta situación a solicitar o voto por correo e recordan que o vindeiro día 15 de maio remata o prazo para solicitalo.

jueves, 1 de mayo de 2014

A REFORMA LABORAL DO PP SOMETE Á MOCIDADE A UN RÉXIME DE ESCRAVITUDE E DE PRECARIEDADE


Os mozos e mozas socialistas lanzaron a campaña #PPjobs para “denunciar que os empresarios aproveitan a desesperación xuvenil para impor condicións escravistas.”

“A taxa de desemprego no noso concello é tan alta que a presión é inmensa, baixo o medo de que outro veña facelo por as mesmas condicións os mozos e mozas teñen que renunciar a loitar polos seus dereitos e disto aprovéitanse moitos”“Moitos e moitas vense na obriga de pagar autónomos cando en realidade están traballando por conta allea, evitando así que o empresario gaste un só peso na súa seguranza. Coa escusa da crise está servíndolle a moitos para ter máis traballadores sen ter que custealos”



As Xuventudes Socialistas de Ferrol, con motivo do día primeiro de Maio, levan a cabo a campaña “#PPjobs”, promovida dende as Xuventudes Socialistas de Galicia. A campaña ten coma fin concienciar contra as condicións abusivas de traballo que están sufrindo moitos mozos e mozas. Os mozos e mozas socialistas denuncian que é cada vez máis usual o abuso de determinados empresarios: asegurando menos horas das traballadas, pagando menos que o convenio...
“Estamos acostumándonos a que, como o traballo é escaso, debemos aceptar calquer condición, aínda que estas sexan abusivas” sentenciou a secretaria xeral, Ana Lamas.
As Xuventudes Socialistas están moi preocupadas ante situación na que, moitos mozos e mozas ferroláns, vence na obriga de aceptar condicións de case de escravitude por un traballo: “A taxa de desemprego no noso concello é tan alta que a presión é inmensa, baixo o medo de que outro veña facelo por as mesmas condicións os mozos e mozas teñen que renunciar a loitar polos seus dereitos e disto aprovéitanse moitos”

“Moitos e moitas vense na obriga de pagar autónomos cando en realidade están traballando por conta allea, evitando así que o empresario gaste un só peso na súa seguranza. A escusa da crise está servíndolle a moitos para ter máis traballadores sen ter que custealos” declarou a secretaria xeral.

Dende a asociación política moza denuncian que “nos últimos anos os empresarios aproveitáronse da situación para baixar os salarios afectando especialmente a xuventude, chegando a atopar ofertas laborais nas que ni tan sequera cumpre os dereitos recollidos na actual reforma laboral que comparativamente xa é moi inferior a das leis anteriores”. “Constantemente atopamos nos medios de comunicación e redes sociais denuncias a ofertas laborais que non cumpren co salario mínimo, con varios meses de proba sen salario, horas extras sen retribución, contratos por horas, bolseiros sen cobrar durante anos, etc.”
Lamas indicou “o control por parte da inspección de traballo e dos organismos oficiais e nulo, como demostran as ofertas de traballo que non cumpren mínimos legais no portal do SEPE ou bolsas de emprego público temporal para colectivos en risco social que se converten en abusivos pola obriga de traballar xornadas completas con salarios de media xornada”.

Os mozos e mozas socialistas tamén salientaron que “a brecha salarial e de nivel de paro entre homes e mulleres tamén é alarmante, polo que é preciso tomar medidas urxentes para terminar ca desigualdade”.


As XSG animan os mozos e mozas de Ferrol a participar na manifestación do primeiro de maio: “dada a situación actual, debemos deixar que non somos escravos e que, nos nosos dereitos, nin un so paso mais atrás”.

lunes, 14 de abril de 2014

ACTO HOMENAXE 83º ANIVERSARIO DA PROCLAMACIÓN DA SEGUNDA REPÚBLICA

Hoxe estamos aquí para conmemorar a proclamación da segunda república. O facemos hoxe, en 2014, nada menos que 83 anos despois, co fin de recordar e recoñecer os valores de liberdade xustiza e igualdade que inspiraba e que agora, tristemente, son tan necesarios poñer en valor.

O imos facer lendo artigos da Constitución do ano 1931 onde vemos esa vontade explícita de construción dun estado xusto, onde ningún era intocable e todos e todas tiñan os mesmos dereitos.



Un país laico, onde non se impoñía ningunha fe, onde ó fin dábase un paso adiante en recoñecer a igualdade da muller. En definitiva, un país de cidadáns e cidadás libres.

E era precisamente esa liberdade a que utilizaban os compañeiros e compañeiras socialistas, os compañeiros das Juventudes Socialistas Unificadas.

Sabemos que aquí en Ferrol houbo unha agrupación das JSU, e sabemos que no ano 1936 tiñan un presidente chamado Francisco López Chas.

Estes mozos e mozas tiñan a liberdade de levantar a voz en defensa das súas ideas e por facer uso desa liberdade foron xulgados. Algúns como Francisco, como Venancio, como tantos máis que foron incluso asasinados. Algúns aquí, nese muro.

Que necesario é recordar hoxe en día os principios da República e que necesario recordar a esas persoas que loitaron e morreron por defendelos.


Tristemente hai a quen lle interesa que non teñamos memoria e maltratan a tan necesaria lei de memoria histórica. Será precisamente por ser os herdeiros de aqueles que fusilaron a liberdade neste país durante 40 anos.


Os que aquí pereceron e a tantos outros que loitaron sen descanso debémoslles un anaco da nosa memoria.
SAUDE E REPÚBLICA



viernes, 21 de marzo de 2014

As XSG súmanse á iniciativa anual da Hora do Planeta e instan ó Concello de Ferrol a que se sume



As XSG lembran que consiste nun xesto simbólico que impulsa a nivel mundial a Organización Ecoloxista WWF, e que este ano terá lugar este sábado 29 de marzo, de 20:30 a 21:30 horas.

Os mozos e mozas socialistas solicitaron por rexistro ó Concello para que se sume tamén a esta iniciativa apagando as luces dos edificios municipais e monumentos da cidade.

Instan ao goberno popular a que aposten decididamente pola eficiencia enerxética, e se comprometan a adoptar medidas de aforro enerxético no alumbrado público e nos edificios e instalacións municipais.


As Xuventudes Socialistas de Ferrol anunciaron no día de hoxe que unirán as súas voces coas de centos de millóns de persoas e moitísimas organizacións e Concellos de todo o mundo en defensa do medio ambiente, nesta oitava edición da “Hora do Planeta”.
A secretaria xeral de Ferrol, Ana Lamas, declarou que “está gran iniciativa anual da Organización Ecoloxista WWF é unha mostra de que se se quere, pódense conseguir cambios reais e conquerir un futuro máis sostible.” “Pretendemos alcanzar o compromiso – continou Lamas- dun cambio global e reivindicar un novo modelo enerxético baseado nas enerxías renovables.”
Así mesmo, a moza socialista considerou que “os Concellos teñen un papel protagonista na loita contra o cambio climático, e que a acción local é imprescindible para camiñar cara a o reto do desenvolvemento sostible. “As Administracións Públicas deben ser as primeiras en apostar pola eficiencia enerxética, e deben dar exemplo nas súas actuacións contra o cambio climático”.
Porén, as Xuventudes Socialistas presentaron no día de hoxe una proposta por rexistro instando o Concello de Ferrol a que se sume tamén a esta iniciativa, apostando pola eficiencia enerxética, e comprometéndose a adoptar medidas de aforro enerxético nos edificios e instalacións municipais. Puxeron de relevo tamén que “cada ano, moitísimas cidades de todo o mundo amosan o seu apoio á devandita campaña apagando as luces dos seus principais monumentos e edificios, e queremos que Ferrol tamén faga o seu”.
Así mesmo, os mozos e mozas das XSG entenden que “dende a Administración Pública Municipal pódense e débense impulsar boas prácticas nas empresas e na poboación galega, incentivando o consumo responsable e o uso responsable da electricidade”.
Para concluír, os responsables das XSG censuraron “a falta de compromiso dos gobernos do Partido Popular, dos Sres. Rajoy e Feijoo na loita contra o cambio climático, poñendo sobre a mesa a nova regulación do sector eléctrico, entendendo que España e Galicia están a camiñar na dirección contraria á normativa europea e a numerosos países europeos que están a apostar polas enerxías renovables como sector enerxético estratéxico.”

Para sumarse á iniciativa poderán facelo todos os/as cidadás que o desexen a través da páxina web: http://www.horadelplaneta.es/

domingo, 9 de febrero de 2014

As Xuventudes Socialistas de Ferrol asistirán mañá sábado a Festa Solidaria co lema “Nós parimos, nós decidimos”


A festa, organizada polo Grupo de traballo da Plataforma Galega polo Dereito ao aborto de Ferrolterra, será ás 18:00 no Manchita Cosa. 

“O goberno do PP quere converter en delito para todas o que só é pecado para algunhas”

As Xuventudes Socialistas de Ferrol asistirán mañá a Festa Solidaria co lema “Nós parimos, nós decidimos” que terá lugar ás 6 do serán no “Manchita Cosa” , situado na Rúa Magdalena 138.
“Será un acto lúdico para tódolos públicos, no que contaremos coa actuación entre outros do grupo “Alén de ancos” e no que haberá actividades para nenas e nenos, ademais de moitas sorpresas” sinalaron os mozos e mozas socialistas.
“Decidir sobre a maternidade é un dereito fundamental, polo que o señor Gallardón está atentando contra a nosa liberdade, que non espere que nos quedemos cos brazos cruzados” sinalou a secretaria xeral de Ferrol, Ana Lamas.
Os mozos e mozas socialistas reafirman así a súa loita constante na defensa da actual lei de prazos: “Sempre defenderemos o dereito a decidir das mulleres e estaremos en contra das políticas goberno do PP, que quere converter en delito para todas o que só é pecado para algunhas”
“A imposición moral a que someterán ás mulleres é vergoñenta, facéndoas elixir entre o embarazo obrigatorio ou o aborto clandestino, exceptuando coma non a aquelas que poidan permitirse viaxar ao estranxeiro, coma na ditadura”

As Xuventudes Socialistas animan a mocidade de Ferrol a participar nesta festa de carácter solidario, como unha maneira de mostrar o seu rexeitamento ás políticas do Ministro Gallardón. Devandita festa está organizada pola Grupo de traballo da Plataforma Galega polo Dereito ao aborto de Ferrolterra, do que as Xuventudes Socialistas forman parte.

jueves, 23 de enero de 2014

AS XSG RECLAMAN MELLORES HORARIOS PARA AS BIBLIOTECAS MUNICIPAIS


“Non existe un só centro municipal que abra os fines de semana ou que adapten o seu horario aos calendarios de exames”
“Preocúpanos que o Ferrol de Rey Varela non sexa capaz nin de proporcionar unha mesa e unha cadeira aos estudantes”
“É incrible que na situación actual, na que os mozos e mozas de Ferrol se enfrontan a uns índices de paro abominables, nin sequera teñan un espazo municipal onde estudar para mellora-la súa formación”
 
As Xuventudes Socialistas denunciaron onte a súa desconformidade cos horarios das bibliotecas municipais de Ferrol, xa que non existe un só centro municipal que abra os fines de semana ou que adapten o seu horario aos calendarios de exames. “Preocúpanos que o Ferrol de Rey Varela non sexa capaz nin de proporcionar unha mesa e unha cadeira aos estudantes” declarou a súa Secretaria Xeral, Ana Lamas.
Para os mozas e mozos socialistas o goberno local “descánsase” das súas obrigas ao existir centros da Universidade da Coruña que si adaptan o horario ao calendario de exames e que mesmo abren os fines de semana, o cal non soluciona o problema xa que, como recordan os socialistas, a Universidade da prioridade aos matriculados na UDC:  “A pasada semana moitos ferroláns e ferrolás tiveron que saír da aula de estudo ao non estar matriculados na Universidade da Coruña”.
As Xuventudes Socialistas consideran que o goberno local debe garantir un espazo adaptado ás necesidades de tódolos estudantes de Ferrol, e consideran aberrante que un mozo que, por exemplo, se atope na súa etapa de instituto, non teña onde ir un sábado a estudar. Así mesmo recordan que deficiencias coma esta nos servizos públicos fan que Ferrol sexa unha cidade pouco atractiva para os estudantes de fóra.
“É incrible que na situación actual, na que os mozos e mozas de Ferrol se enfrontan a uns índices de paro abominables, nin sequera teñan un espazo municipal onde estudar para mellorar a súa formación” apuntan dende a organización xuvenil.
Por todo isto, Xuventudes Socialistas de Ferrol reclama horarios máis amplos das bibliotecas municipais,  incluíndo por suposto o horario nocturno e a súa apertura os fines de semana.