viernes, 10 de mayo de 2013

XSG-Ferrol: “reformar a Lei IVE é unha labazada de Gallardón aos dereitos de todas as mulleres”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol esixiron hoxe “a retirada da reforma que ten intención de impoñer o goberno de Mariano Rajoy en materia de aborto e saúde sexual e reprodutiva”.
O secretario xeral, Aitor Bouza, definiu a proposta de reforma da Lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo como “un retroceso propio de tempos franquistas que amosa unha posición ultraconservadora por parte da dereita española retirándolle o dereito a decidir ás mulleres”. 

O líder das XSG-Ferrol reivindicou a “Lei IVE aprobada polo Goberno socialista baseada en prazos que lexitimaban o dereito a decidir das mulleres”. Para Bouza, esta lexislación “non se trataba simplemente dunha ‘Lei do aborto’, senón dun plan que acadou a diminución do número de interrupcións voluntarias do embarazo grazas ao aumento da educación sexual e reprodutiva”.

Bouza cuestionou a constitucionalidade desta reforma, xa que “non garante os dereitos fundamentais das mulleres”. “O que propón o Partido Popular constitúe un gran risco para a súa vida e a súa saúde e condena a súa liberdade de decisión obrigándoas a recorrer á clandestinidade para dispoñer deste dereito”.

En opinión das Xuventudes Socialistas de Ferrol, “a reforma da Lei IVE corresponde exclusivamente a razóns ideolóxicas lideradas pola Igrexa católica e retoma as condicións que establecía a lei do ano 85, relegando a España á cola dos dereitos das mulleres con respecto ao resto de países europeos”. 

“O Partido Popular non pode insultar de novo á cidadanía promovendo a idea de que esta reforma atende a razóns de austeridade” –engadiu Bouza. “A igualdade entre homes e mulleres non entende de retallos que atentan contra uns dereitos adquiridos grazas á democracia” –concluíu.
#nosotrasdecidimos

No hay comentarios: