miércoles, 15 de octubre de 2008

Día internacional da Muller Rural




Esta celebración á que hoxe se suman xa máis de 50 países por todo o mundo naceu alá polo ano 1995 no seo da Cuarta Conferencia Mundial sobre a Muller organizada en Pequín pola ONU, co firme obxectivo de visibilizar as problemáticas específicas ás que se enfrontan as mulleres do rural e concienciar á sociedade en torno aos mesmos

Se a situación da muller en termos xerais parte aínda hoxe dunha clara situación de desvantaxe social con respecto aos homes, peor é a situación se a esa realidade lle engadimos o “plus rural”.

A situación que vive hoxe o rural galego fai que a poboación que habita nel sufra unha clara situación de desigualdade social; desigualdade que se manifesta no diferente modo de gozar dos medios de comunicación, das novas tecnoloxías, dos medios de transporte, desigualdades á hora de acceder a un emprego de calidade ou de conseguir desenvolvemento curricular e extracurricular adecuado ás cada vez máis esixentes condicións que o mercado de traballo globalizado está a impoñer. Pero se a esta situación lle engadimos o condicionante feminino, podemos concluír que as mulleres do rural galego si se atopan nunha clara situación de desvantaxe social.

Temos moito que dicir, polo que dende Xuventudes Socialistas quixemos comprometernos coa igualdade e loitar con todos os medios que temos á nosa disposición por tratar de mudar hábitos sociais que ó único que levan é que a muller, en moitas zonas de Galicia, continúe ocupando roles tradicionais na súa vida, no seu traballo… roles que as levan a ser protagonistas da crónica negra do noso país en materias como o emprego, a sanidade, a violencia de xénero, a dependencia, a prostitución…


Case un ano logo da aprobación da Lei de Desenvolvemento Sostible do Medio Rural, que propón o mantemento da poboación rural e a mellora das súas condicións de vida, podemos destacar algúns dos obxectivos cumpridos, como o incremento e mellora da coordinación da atención que as administracións públicas ofrecen ás zonas rurais, o que propiciou a incorporación de activos rurais mozos e a promoción da muller, e permitiu avances no mantemento da poboación.

Por todo isto, dende Xuventudes Socialistas de Galicia queremos sumarnos á celebración deste día, reivindicando que a igualdade de oportunidades no traballo, na educación, na sociedade, na política e na corresponsabilidade familiar, é tarefa de todos e de todas, e moi especialmente dos e as mozas, que somos un colectivo vital para o sostemento das zonas rurais.

1 comentario:

celso dijo...

Abogo por la igualdad de oportunidades en el trabajo, las mujeres tienen los mismos derechos que el hombre a poder acceder al mundo laboral con los mismos derechos que los hombres y por cobrar lo mismo, ese es uno de los principios en los que creo y lucharé por ello.
Un saludo compañeros y compañeras y ánimo