miércoles, 18 de abril de 2012

As XSG-Ferrol afirman que o que se esconde detrás do copago sanitario imposto polo PP non é a economía, senón a súa ideoloxía

As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) afirman que “o copago sanitario que vai a impor o PP responde á súa ideoloxía conservadora e non ás modificacións económicas que debe facer o país para saír da crise”. O secretario xeral da Organización, Aitor Bouza, considera que “facer pagar aos pensionistas parte dos medicamentos é o colmo da política neoconservadora que está a levar a cabo o Goberno e que se basea en facer pagar o prezo da crise a quenes menos teñen”.

A Organización cualifica a actitude de Rajoy de “cobarde” pois “non foi capaz de dar a cara ante os cidadáns para explicar o machadazo nos dereitos sociais que está afundindo o país”. As XSG-Ferrol, ademais, acusan ao Goberno de “tirar polo camiño fácil, xa que en vez de pescudar novas fórmulas para afrontar a crise dedicouse a retallar, retallar e retallar dereitos sociais e servizo públicos”. E engaden que “máis que un Goberno novo semella un goberno gastado cuxas políticas responden a unha mentalidade económica obsoleta”.

Os mozos/as socialistas tamén afirman que “é indigno que o PP introduza o copago cando boicoteou a subasta de medicamentos en Andalucía que permitiría conter o gasto en dita partida”. E recomendan ao Goberno “seguir o exemplo da Comunicade andaluza que está pescudando novas formas de saír da crise sen atacar a sanidade e a educación”.
Ademais, a Organización asegura que “parece que o Goberno do PP non se cansa de mentir aos cidadáns”. E lembran que “Rajoy comezou mentindo durante a campaña electoral e non parou dende entón: o copago santiario, os retallos en educación, a subida de impostos... son só algúns dos exemplos nos que o presidente do goberno mentiu aos cidadáns descaradamente e polos que perdeu toda credibilidade”.

Por último, Aitor Bouza advirte que “grazas ao PP estamos cambiando o Estado de Benestar polo “estado do malestar” no que os cidadáns ven retallar os seus dereitos sociais á vez que o Goberno failles repagar por todo o que se sostén xa cos seus impostos.

No hay comentarios: