lunes, 6 de agosto de 2012

As XSG-Ferrol acusan a Rey Varela de limitar os dereitos dos mozos/as ferroláns até para ir á praia


As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) rexeitan a modificación de horarios e liñas de buses en horario de verán que realizou o Partido Popular que segundo expuxeron dende a Organización “ao longo pasada semana, un gran número de mozos/as ferrolás mostráronnos o seu malestar por estes retallos”.
Para o secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, “estamos a presenciar un novo ataque aos servizos públicos da man do Partido Popular que xunto con todos os retallos que está a facer nos dereitos dos cidadáns e cidadás menoscavan a nosa calidade de vida.” “Os mozos/as -engadiu Bouza- seremos os máis prexudicados deste novo barapalo, xa que a mocidade ferrolá é a que na súa gran maioría emprega este servizo para acudir ás praias”.
Dende a Organización aseguraron que “estes mozos/as precisan deste servizo para poder acudir ás praias e con esta modificación non fai máis que poñerse trabas e impedimentos, xa que terán que chegar máis tarde e volver máis cedo se é que desexan ir a calquera das praias de Ferrol”
Os mozos socialistas argumentaron que o Partido Popular “non cre nos servizos públicos e porén non lles importa facer un cambio que empeore a calidade do servizo, como é neste caso que reducen os horarios dos buses directos nos días laborais, deixando soamente 2 buses pola mañá e 3 pola tarde no caso das praias de San Xurxo e Doniños; namentres que 1 bus pola mañá e 3 pola tarde no caso das praias de Esmelle e Cobas.” “No caso das praias de San Xurxo e Doniños -continuaron dende XSG-Ferrol- o último horario de saída da praia é ás 19:00h, esperemos que ningún socorrista precise deste servizo, xa que non chegará a tempo de collelo”.
Dende a organización seguiron expoñendo o retallo polo que “se reducen a 2 os buses dos sábados, sen a posibilidade de volver en horario de tarde, xa que só estarán dispoñibles en horario matinal; suprimen todos os horarios dos buses dos domingos e festivos que é cando máis persoas empregan este servizo”
Bouza Manso alegou que “terán máis facilidade para acudir a outra praias como pode ser a de Cedeira ou Valdoviño nas que hai máis flexibilidade de horarios dispoñibles, así como liñas dispoñibles os sábados e festivos.”
En palabras dos mozos/as socialistas “namentres fan estes apaños, na páxina web do Concello aparecen uns horarios que son falsos, cos que o goberno volve a mentir á cidadanía cos servizos que presta, xa que tivo tempo dabondo para telos anovados e nos que lle fan propaganda á Xunta de Galicia polas liñas introducidas daquela, mais esquéceronse tamén de expor actualmente todos estes retallos e marcalos en amarelo para ser leais coa cidadanía á que representan.”
Dende a Organización quixeron lembrar que “esta modificación ataca unha vez máis ás persoas que viven no rural mancando un dereito básico como son uns servizos públicos de calidade que con esta modificación que fixo o Partido Popular o único que conleva é ao empeoramento dun servizo básico esencial para a comunicación da cidade co rural”.
Segundo expuxo o secretario xeral das XSG-Ferrol “o aforro non pode xustificar o empeoramento de ningún servizo público e empregalo como arma para retallar dereitos dos cidadáns e o Sr. Feijoo sabe moito de aforrar: de aforrar en servizos e en democracia”. “Pola súa banda, o Sr. Rey Varela plégase novamente ante os ataques da Xunta de Galicia aos servizos públicos, en vez de defender aos cidadáns e cidadás de Ferrol que é a súa función como alcalde desta cidade” engadiron dende a Organización.
Os mozos/as socialistas esixiron ao Sr. Alcade de Ferrol unha recitificación “para seguir garantindo os dereitos dos nosos mozos/as e dos nosos veciños/as en xeral, ampliando o número de horarios nos días laborais, prorrogando pola tarde os buses dos sábados e recuperando o servizo dos domingos e festivos.”

No hay comentarios: