miércoles, 8 de agosto de 2012

As XSG-Ferrol esixen a Rey Varela a constitución inmediata do Consello da Xuventude de Ferrol


As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) denunciaron no día de onte en rolda de prensa a falta de compromiso do goberno local coa mocidade ao desatender un reclamo unánime desta sobre a constitución do Consello da Xuventude de Ferrol (CONXUFE).

O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, comezou fancendo referencia a unhas declaracións que saíron hai un ano nos medios de comunicación locais do goberno de Rey Varela nas que se dicía “Hay que ser el altavoz de la gente joven en el Concello. Hay que escucharlos, porque se pueden hacer muchas cosas que nunca se han hecho con menos dinero y mejor”. Para expoñer de seguido que “seguramente xa esqueceron iso de escoitar e de ser o altofalante porque nunca chegaron a aplicalo”.

Bouza foi contundente afirmando en relación a estas declaracións que “esas cousas as di Partido Popular porque son moi mediáticas, pero nunca as aplica porque non forman parte da súa ideoloxía”. Continuou expoñendo que “para ser o altavoz dos mozos/as hai que escoitalos e neste ano de goberno do Sr. Rey Varela o único que non fixo, foi escoitar o sentir da mocidade ferrolá: comezando polo regulamento da casa da mocidade, o que aprobaron pola porta de atrás e sen consultalo en ningún momento coas Organizacións; pasando pola inactividade da Casa da Xuventude; até finalizar recentemente cos retallos nos horarios dos buses ás praias”.

Dende a organización lamentaron que “por desgracia o único que podemos celebrar hoxe é o aniversario das mentiras do Partido Popular a todos os mozos/as ferrolás, en vez de estar celebrando o aniversario dun ente democrático froito do consenso das Organizacións de mozos/as da nosa cidade”. Os mozos/as socialistas expuxeron que para ser o altafalante e escoitar aos mozos/as “hai que deixalos decidir sobre as políticas que lles afectan en función das súas necesidades.”

Bouza Manso fixo un pequeno percorrido de forma cronólóxica sobre os feitos que ocorreron en relación ao Consello da Xuventude de Ferrol, comezando por lembrar que “ foi a anterior corporación municipal do Partido Socialista a que promoveu a creación do Consello da Xuventude de Ferrol, para o que convocou a todas as organización mozas da cidade para que puidesen debatir sobre o tipo de organismo que consideraban mellor para representar á mocidade ferrolá”. “Ante isto -continuou o secretario xeral- tras varias xuntanzas, as Asociacións organizámonos e comezamos unha serie de reunións para conseguir acordar o modelo de organismo, así como o funcionamento que precisabamos.”
Os mozos socialistas explicaron que “as normas básicas de funcionamento foron debatidas e consensuadas entre as Asociacións e non impostas como fai o partido de goberno local cos regulamentos que aproba, como o da Casa da Xuventude.”
Descataron así mesmo dende a organización que “no debate que nos levou varios meses participamos todas as organización mozas da cidade” e criticaron que a única organización xuvenil que non participara fora Novas Xeracións porque - segundo dixeron - “estaba máis pendente de culpar aos dirixentes socialistas que das necesidades dos mozos/as ferrolás.”
Finalmente -segundo relataron dende as XSG-Ferrol- “apróbaronse por unanimidade, os Estatutos de constitución do Consello da Xuventude de Ferrol e a proposta foi presentada a finais do mes de maio do pasado ano no rexistro do Concello, asinada polos representantes das Asociacións mozas”

O secretario xeral manifestou que “lle correponde ao goberno executar o acordo da mocidade ferrolá e convocar a primeira xuntanza do CONXUFE, así como ratificar os Estatutos da súa creación no Pleno da corporación”. “A día de hoxe nada ten feito, mais que a propaganda da nova lei autonómica de xuventude facendo charlas nas que participaron membros da coporación dirixida por Rey Varela nas que se vendían antes os mozos os Consello Locais da Xuventude” manifestaba o secretario xeral.

Segundo explicaron dende a organización, “este Consello da Xuventude non limita en ningún momento a participación de máis Entidades xuvenís que se crearan a posteriori e se quixesen sumar, senón todo o contrario, xa que regulaba esta situación”.

Os mozos socialistas quixeron facer fincapé en que “este Consello non precisa orzamento propio nin supón gasto algún para o Concello, xa que sería xestionado polos propios representantes das Organizacións mozas da nosa cidade”. Para isto, deron lectura ao artigo 16 dos Estatutos propostos no que se expón literamente “...ningún dos cargos da Coordinadora poderá ser remunerado e tampouco existirán partidas orzamentarias do Concello destinadas ao mesmo”.

As Xuventudes Socialistas de Ferrol denunciaron que “a día de hoxe seguen sen convocar esta primeira xuntanza facendo oídos xordos a unha petición xeralizada e de consenso e en consecuencia, levamos un ano de atraso, cando podíamos ter sido a primeira cidade galega en constituír o Consello da Xuventude local”.
Bouza fixo referencia á entrada en vigor no día de mañá da lei galega 6/2012 de xuventude de Galicia, pola que citou o seu artigo 59 no que se recollen as funcións dos Consellos da Xuventude Locais deixando ao abeiro da normativa local a súa regulación.

En base a isto salientou que “o debate da regulación está feito a través dun consenso da mocidade ferrolá, un traballo menos, para este executivo tan atarefado e o único que ten que facer é convocar a primeira Asemblea Xeral do Consello da Municipal da Xuventude de Ferrol.” “Así como -rematou Aitor Bouza- ratificar no Pleno do Concello de Ferrol o documento froito do consenso do debate pausado e temperado entre todas as Asociacións mozas.”

Aproveitou para mencionar tamén o artigo 34 apartado g) da citada lei no que se estipula que será competencia dos Concellos “o impulso da creación de consellos locais de xuventude”, polo que segundo alegou “é a propia lei que eles pregoan a que o recolle.”

As XSG-Ferrol quixeron deixarlle claro ao Parido Popular e ao Sr. Rey Varela “que seguiremos loitando de forma incensante para defender os dereitos dos mozos/as ferrolás e seguiremos manifestando a nosa opinión e os nosos reclamos para que a voz dos mozos/as sexa atendida por este Executivo impasivo.”
En base ao exposto, esixirion ao Sr. Alcalde que “cumpra co seu deber como dirixente e demócrata e convoque de forma inmediata e sen máis dilacións esa xuntanza constitutiva e ratifique pola vía de urxencia os Estatutos propostos polos representantes dos mozos/as.




*Artigo 59 Lei 6/2012: “(...)Os consellos locais de xuventude constitúense, para os efectos desta lei, como órganos ou entidades de representación e consulta das distintas administracións locais, e estarán formados por todas as organizacións e entidades xuvenís que actúan dentro do ámbito territorial respectivo, segundo a regulación de cada ente local.”


*Ao comezo da rolda de prensa dende as Xuventudes Socialistas aproveitaron para felicitar publicamente ao subcampión olímpico de tríatlon Javier Gómez Noya “pola súa excelente actuación no día de onte”. Segundo manifestaron dende a organización “este gran resultado que é un orgullo para todos e todas os cidadáns de Ferrol é froito de todo o esforzo e dedicación deste fabuloso deportista”.

No hay comentarios: