miércoles, 29 de agosto de 2012

XSG-Ferrol: “O veto de 30 comparecencias no Congreso é un ataque do PP á transparencia democrática”


Xuventudes Socialistas de Ferrol cualificou hoxe de “ataque á transparencia democrática” e de “exercizo de caciquismo parlamentario” a negativa do PP a que se produzan 30 comparecencias no Congreso de membros do Goberno.
O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, lembrou que “dende que goberna o Partido Popular iniciouse paulatinamente a redución da posibilidade de control parlamentario por parte da oposición, o que supón un déficit democrático moi grave e a supresión práctica do papel constitucional do Congreso e do Senado.”
Os mozos/as socialistas lembraron que o rexeitamento das 30 comparecencias polo Partido Popular “súmase á supresión do debate sobre o Estado da Nación e supón a eliminación dun debate público sobre cuestións de importancia capital para o noso país, privando á cidadanía da posibilidade de coñecer non só que xestión realiza o Goberno, senón que labor de oposición realizan os grupos das Cámaras.
Nun tempo no que a cidadanía esixe máis control e máis transparencia ás institucións democráticas, onde a inmediatez no acceso á información é total, o feito de que o Partido Popular furte o debate no Congreso sobre 30 comparecencias do Goberno non é bo para o conxunto dos partidos, as institucións e a cidadanía, supón un dano severo ao sistema democrático e o desamparo absoluto para os partidos da oposición que vén como o país se goberna por decreto sen posibilidade sequera de expresar os seus puntos de vista” - remarcaron dende a Organización
Para o secretario xeral das XSG-Ferrol, “se a estas accións no plan parlamentario engadímoslle o control férreo que o Goberno impuxo sobre os medios de comunicación de titularidade pública, só podemos afirmar que o país camiña cara o absolutismo, onde algunhas decisións as toma Rajoy e outras non sabemos ben que as dita.”

No hay comentarios: