viernes, 25 de enero de 2013

As XSG-Ferrol chaman á mocidade a mobilizarse este domingo a prol do galego


As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) sumáronse hoxe á mobilización convocada para este domingo día 27 en Santiago de Compostela pola Plataforma “Queremos galego” para esixir ao Partido Popular que remate coas súas iniciativas contra o galego e facilite a convivencia en Galicia.

O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza expuxo que “o decretazo contra o galego conlevou a que o 96% da docencia do ensino infantil das cidades sexa exclusivamente en castelán pola aplicación dunha norma que rachou co consenso despois de tantos anos. Esta norma – continuou o secretario xeral- foi aprobada cun fin unicamente electoralista, xa que creou un problema que non existía en Galicia e máis cando a inmensa parte da cidadanía e especialmente o entorno educativo opuxéronse taxantemente.
Segundo expuxo Bouza, en Ferrol “asistimos abraiados ao ninguneo do Consello Sectorial da Lingua (CSL), amordazando a opinión da sociedade ferrolá ante reiterada negativa dende xa hai máis dun ano a convocar este Órgano que segundo o estipulado tense que reunirse trimestralmente.”
Os mozos/as socialistas aproveitaron para esixir a Rey Varela a convocatoria inmediata do Consello Sectorial da Lingua de Ferrol, co fin de que os axentes sociais da nosa cidade poidan expor a súa opinión sobre os temas para os que foi constituído.
As Xuventudes Socialistas locais salientaron que “dende que este alcalde chegou ao Executivo non fixo máis que rachar cos órganos de participación que tiña a cidadanía da nosa cidade, comezando por pechar os dous Padroado que existían, seguindo por non convocar estes Órganos Consultivos de participación, como son a maiores do da Lingua o de Medio Ambiente e o da Muller; e finalizando por non consituír o Consello da Xuventude de Ferrol, un reclamo que uniu a todas as organizacións mozas da nosa cidade.”
Dende a organización xuvenil expuxeron que “a estratexia do PP é a de recorrer a sentenza contraria ao decretazo contra o galego porque o único que pretenden é manter vixentes o máximo tempo posible aspectos que o propio TSXG considerou que van contra o dereito fundamental ao ensino recollido na nosa Constitución, como pode ser a famosa consulta aos pais e nais no ensino infantil”.
Finalmente o secretario xeral local chamou á participación de toda a cidadanía, en xeral e da mocidade en particular, para participar na manifestación do vindeiro domingo día 27 para “reclamar á Xunta de Galicia que exerza as súas funcións traballando polo camiño do consenso da normalización do noso idioma e non da confrontación como leva facendo todo este tempo.” Lembrou, así mesmo, que sairán buses dende toda a comarca que poden ser consultados na web da Plataforma “Queremos Galego” (www.queremosgalego.org).

No hay comentarios: