Con motivo da celebración do Día Mundial da Arquitectura cada unha das delegacións do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia escolle un espazo representativo da súa cidade, este ano baixo o lema da “cidade sostible”. A nosa delegación local elixiu o conxunto de Ferrol Vello.
Ferrol Vello é o barrio que dá orixe á cidade, datando da idade media (século XII), anterior aos estaleiros e o arsenal, dando acollida a unha pequena poboación que se dedicaba á pesca e á salgazón. O tecido corresponde a unha configuración propia da baixa idade media, como vemos na configuración das súas estreitas rúas. Aproximadamente no século XVI e trala súa rápida reconstrución tras un pavoroso incendio constitúense dous tipos de edificación, ben definidos que aínda apreciamos na actualidade: a vivenda mariñeira, dominada pola soleira e a balconada así como a vivenda burguesa que superpón en parte ás anteriores.
Con esta mención o C.O.A.G. lémbranos a necesidade de protexer o noso patrimonio histórico defendendo as medidas de rehabilitación postas xa en marcha.
Esta é unha boa oportunidade para que todos os ferroláns coñezan a súa orixe, o nacemento da súa cidade.
Dende Xuventudes Socialistas de Ferrol queremos facer fincapé na necesidade de concienciación por parte dos cidadáns da necesidade de conservar o noso patrimonio. Con medidas de protección como as xa adoptadas polo goberno local no barrio da Magdalena poñemos o noso patrimonio en valor e protexémolo para que as xeracións vindeiras recoñezan tamén a súa identidade.
Animamos polo tanto, aos nosos veciños para que aproveiten a oportunidade para achegarse, pasear, deterse nos edificios máis significativos como a fábrica de lapis ou a Igrexa do Socorro, e coñecer así, un pouco máis a súa cidade.
1 comentario:
Buen artículo Ana un saludo y ánimo a todos y todas, contáis con mi apoyo
Publicar un comentario