martes, 9 de junio de 2009

O tan cacarexado aforro do goberno do señor Feijoo non é nos coches, é no sistema educativo público


- As palabras do Conselleiro de Educación son un atentado contra os principios de igualdade e non discriminación por motivos de sexo que deben rexer a actuación das administracións públicas.

- Con esta actitude favorable a actitudes de discriminación nas aulas, a Xunta pon fin a catro anos de políticas mediante as que se loitou contra todo tipo de discriminación na escola, e na que por fin se deu o paso adiante de eliminar os concertos educativos cos centros que segregan por sexo, na súa maioría, vinculados ao Opus Dei.

- A actuación da Consellería vai de mal en peor e demostra unha visión exclusivamente mercantilista da educación na que aplica demagoxia no tema da lingua e discriminación nas aulas, e na que se está a facer un ERE encuberto na reagrupación de alumnado e na diminución de prazas de profesorado, algo que afectará terriblemente á calidade do sistema educativo


Santiago de Compostela, 9 de maio de 2009. As Xuventudes Socialistas de Galicia (XSG) rexeitan frontalmente as primeiras actuacións da Consellería de Educación nestes primeiros meses de Goberno da dereita. Primeiro foi o reagrupamento de alumnado, cando todo indica que pedagoxicamente a ratio debería diminuír polo menos ata quince; logo foi a suposta separación nas aulas por motivos de lingua e agora toca a defensa, en palabras do conselleiro de educación "como unha alternativa" da separación de sexos na escola.
Segundo a secretaria xeral das XSG, María Torres, "esta nova actitude por parte do conselleiro de Educación, supón moitos e perigosos pasos atrás en materia educativa nestes primeiros meses de goberno da dereita"

O sistema educativo é un espazo fundamental no que se desenvolven principios e valores de cara á consecución dunha sociedade cada vez máis igualitaria e máis xusta. Precisamente por isto, "Non entendemos que separar o alumnado por motivos de lingua ou sexo, sexa unha opción". De feito, a propia Lei orgánica de educación (LOE), no seu artigo 84.3 establece claramente que "en ningún caso haberá discriminación por razón de nacemento, raza, sexo, relixión, opinión ou calquera outra circunstancia persoal ou social"

Esta actitude do titular de Educación non pode ser máis que rexeitada por parte da sociedade galega, xa que non se poden tolerar en pleno século XXI actitudes favorables á discriminación nas aulas. "Que será o próximo que nos propoña a Xunta de Galicia, segregar por razón de raza ou ideoloxía? Teremos aulas en galego e en castelán e de nenos e de nenas?”. A escola é o segundo factor de socialización e un factor clave no desenvolvemento da súa personalidade, un lugar no que educa en valores a cidadanía, non exclusivamente en contidos, por iso non é tolerable en ningún caso que neste espazo se normalice a segregación por sexos ou lingua que vai rotundamente en contra dos principios de igualdade e non discriminación "Non se educa só co se di, senón tamén co que se fai".

A actuación da Consellería vai de mal en peor e demostra unha visión exclusivamente mercantilista da educación na que aplica demagoxia no tema da lingua e discriminación nas aulas, e na que se está a facer un ERE encuberto na reagrupación de alumnado e na diminución de prazas de profesorado, algo que afectará terriblemente á calidade do sistema educativo, pois cando todo indica que a ratio debe baixar para acadar a atención individualizada, esta Consellería de Educación fai grupos máis grandes e elimina profesorado.

As Xuventudes Socialistas defendemos sempre a participación dos pais e nais na educación dos seus fillos e fillas en colaboración coa escola, pero a demagoxia da consulta sobre a lingua que está facendo a Consellería é inadmisible, xa que se usa esta consulta para xustificar unha política lingüística que vai en contra da política de normalización da lingua galega.
Segundo Torres Pose "os galegos e galegas non podemos permitir este tipo de declaracións de alguén que representa a totalidade da nosa sociedade e non a un sector dela que segue ancorada no pasado. Se continuamos favorecendo actitudes deste estilo totalmente inxustificadas parece que volveremos a ese pasado do que algúns nunca quixeron que saísemos".

Parece que o tan cacarexado plan de aforro da Xunta de Galicia se está a aplicar con especial dureza na educación pública galega, polo que chama especialmente a atención que só sexa no ensino público e non no ensino concertado, ao que a Xunta parece que quere volver a financiar pese a quen lle pese.

No hay comentarios: