jueves, 13 de septiembre de 2012

XSG-Ferrol: “Unha medida eficiente para o ensino sería a dimisión de Wert”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol esixiron hoxe a dimisión do ministro Wert tralas declaración que efectuou esta mañá en Televisión Española, segundo as cales non entende “nin as razón nin a esaxeración que se está a facer polas medidas que se están a tomar” e “estanse a chamar retallos a medidas que pescudan unha maior eficiencia”.
O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, manifestou que “retallar as bolsas, endurecendo desmesuradamente os requisitos para o acceso a estas ou incrementar as taxas universatarias en case un 70%, son medidas que non teñen nada que ver coa eficiencia nos servizos públicos, senón que teñen un claro matiz ideolóxico e pescudan expulsar aos mozos/as de menor ingresos na universidade”.
Segundo Bouza, “reducir o número de docentes non é eficiencia, senón empeorar as condicións nas que se desenvolve o ensino público, algo que o PP sempre fai, con crise e sen ela” engadindo que “poñer unha reválida ou cambiar os contidos da materia Educación para a cidadanía son retallos de dereitos, nos que ninguén, agás o o empecinamento de Wert, pode ver máis eficiencia”.
Para a organización, “a limpeza ideolóxica en Televisión Española, expulsando a profesionais por non plegarse ás esixencias do PP para fichar a tertulianos afíns (como a propia parella de Wert) si que son un exercizo de eficiencia: eficiencia na depuración dos disidentes, eficiencia en facerse entrevistas a medida, e eficiencia no ataque a unha televisión pública e plural, aínda que disto o Sr. Wert non fale”.
As XSG-Ferrol consideran que as constantes bravuconadas do ministro Wert só poden solucionarse coa súa saída do ministerio, polo ben do ensino público e para non xerar unha verdadeira ineficiencia.

No hay comentarios: