miércoles, 20 de febrero de 2013

As XSG-Ferrol denuncian a brecha xeracional que causou a reforma laboral de Báñez


As Xuventudes Socialistas de Ferrol denunciaron hoxe o enorme ataque aos mozos/as que supuxo a reforma laboral da ministra Báñez. Para os mozos/as socialistas, “a reforma laboral foi a factura que a ministra pasou aos mozos/as culpabilizándoos dunha crise que non xeraron.”

Para Aitor Bouza, secretario xeral das XSG-Ferrol, “a reforma laboral do Partido Popular destrúe empregos, abarata e facilita o despido e resta dereitos aos traballadores/as”. “As ausencias de Báñez nas sucesivas Cumbres Europeas sobre emprego e as declaracións fóra de lugar da ministra sobre o paro xuvenil denotan que non se tomaron en serio a súa carteira, e que relativiza un drama diario da sociedade española e concretamente da mocidade, que alcanzou un 55% de desemprego segundo a última enquisa da EPA.”
En opinión das Xuventudes Socialistas, “tras un ano de imposición desta reforma demostrouse que desequilibra as relacións laborais e diminúe a calidade do emprego á vez que o destrúe polo que, unha vez remate o Debate sobre o Estado da Nación, si se ten unha mínima vontade de superar a brecha xeracional causada pola reforma laboral, o primeiro que se debe facer é apartar a Báñez do ministerio para comezar a tomar medidas serias sobre o desemprego xuvenil.”
En palabras do secretario xeral das XSG-Ferrol, “de nada vai servir que recibamos fondos da Unión Europea se os vai xestionar unha ministra que non tomou conciencia do problema nacional que supón o paro xuvenil.”
Os mozos/as socialistas aseguraron que “dende as XSG-Ferrol temos medidas concretas antes a preocupante situación dos nosos mozos/as e a súa exclusión do mercado laboral.” “As Xuventudes Socialistas e o PSOE estamos apostando – engadiron dende a Organización- por políticas e alternativas que fomenten a empregabilidade entre os e as mozos con propostas como 'crecemento, emprego e competividade' como demostraron as sucesivas propostas do PSOE no Congreso, lonxe da actitude despreocupada que tivo a ministra e o seu gabinete sobre este drama xuvenil.”
Bouza asegurou ademais que “elaboramos estas propostas porque cremos na mellora do emprego entre os mozos/as. O deber da oposición é ofrecer alternativas cando o Goberno non só non as ten, senón que mantén a unha ministra que pasou a ser parte do problema, en lugar de promover solucións.”
A campaña que comezaron os mozos/as socialistas no día hoxe a través das redes sociais componse dun vídeo no que se esixen medidas urxentes para paliar o desemprego xuvenil ao Congreso, ao Goberno e á UE, así como de varias imaxes que xa foron penduradas.

No hay comentarios: