TEMOS MOITO QUE FACER E MOITO POLO QUE LOITAR: Nas vindeiras semanas participaremos no 12º Congreso do Partido dos Socialistas de Galicia, ante o cal as Xuventudes Socialistas de Culleredo, Ribeira, Compostela, Betanzos, Narón e Ferrol organizaremos unha Xornada Política na que queremos que sirva de espazo de debate entre militantes, simpatizantes e mocidade en xeral. O noso obxectivo principal é lograr un consenso sobre os aspectos que máis lle importan á mocidade, entre todos/as participantes, para poder trasladarllo así ao candidato ou candidatos/as ao Congreso Nacional do PSdeG-PSOE. A Xornada Política terá lugar en Culleredo os días 25 e 26 de febreiro e o primeiro día levaremos a cabo catro debates, no que en cada un deles trataremos unha área diferente: “Educación”, “Economía e emprego”, “Modelo de partido”, e “Mocidade activa”. O segundo día 26 transmitiremos e debatiremos as conclusións do día anterior cos candidatos/as ao 12º Congreso do Partido dos Socialistas de Galicia, dos cales o único presentado até a data xa confirmou a súa asistencia para escoitar as nosas propostas e debatelas canda nós. A sociedade e o noso partido precísanos e somos conscientes de que temos que estar á altura das circunstancias, temos moito que facer e moito polo que loitar. Estamos convencidos de que temos que construír o futuro, participando do presente e sen esquecer os nosos valores que nos definen. Porén queremos facer un chamamento a todos e todas os mozos/as a participar neste gran foro de debate para poder contrastar ideas, debatir e compartir opinións, co fin de que o noso partido se enriqueza coas nosas achegas e se fortaleza o socialismo galego. Todos e todas os que queirades participar só tedes que preocuparvos de vir cargados de ideas. Agardamos a vosa asistencia e participación e enviámosvos un saúdo socialista e republicano. PROGRAMA: Día 25: 9:00 a 10:00 Acreditacións. 10:00 a 10:30 Inauguración da conferencia política. 10:30 a 12:00 Debate sobre educación. 12:00 a 12:30 Pausa-café. 12:30 a 14:00 Debate sobre economía e emprego. 14:00 a 16:30 Xantar. 16:30 a 18:00 Debate sobre modelo de partido. 18:00 a 18:30 Pausa-café. 18:30 a 20:00 Debate sobre mocidade activa. Día 26: 11:30 a 12:00 Presentación das conclusións aos candidatos/as. 12:00 a 14:00 Debate das conclusións cos candidatos/as INSCRICIÓN: Para participar na xornada haberá que enviar o formulario cuberto ao completo (anexo I) antes do vindeiro xoves día 23 de febreiro ás 12h ao correo electrónico xsgculleredo@gmail.com. ALOXAMENTO E MANUTENCIÓN: Os que o desexen poderán aloxarse durante a noite do sábado no Hotel “La Poetisa” (sito na R/ Tierno Galván nº 24 - Culleredo) por un prezo de 14€. Así mesmo, os que desexen xantar o primeiro día, o prezo da comida será de 9€. Estas opcións deberedes marcalas na ficha de inscrición. |
lunes, 20 de febrero de 2012
Xornada política
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario