martes, 7 de mayo de 2013

As Xuventudes Socialistas de Ferrol chaman á mobilización masiva contra o neofascismo de Wert


As Xuventudes Socialistas de Ferrol confirmaron hoxe a súa presenza nas mobilizacións estudantís convocadas pola Plataforma en Defensa do Ensino Público contra a Lei Wert para o vindeiro xoves día 9 de maio. 

O secretario de organización, Aitor Rodríguez, presentou as accións informativas que a Organización ten previsto desenvolver os vindeiros días para esixir ao Goberno a retirada da Lei Wert, o fin dos retallos no ensino público e a dimisión inmediata do ministro de educación, cultura e deporte, José I. Wert.

“Temos que denunciar unha contrarreforma educativa do Partido Popular que –segundo Rodríguez– nos devolve ao pasado franquista, implantando de novo as reválidas, outorgándolle máis peso á materia de relixión católica e eliminando Educación para a Cidadanía”. 

Para as Xuventudes Socialistas, “a Lei Wert e os retallos realizados en educación polo Goberno rachan por completo o principio de igualdade de oportunidades que debe imperar na educación pública”. 

O secretario de organización quixo salientar que “esta reforma educativa rompe o equilibro lingüístico que máis consenso obtivo e relega a nosa lingua a un segundo plano”. “A aplicación arbitraria desta Lei suporía un incremento do gasto público en ensino privado” –denunciou Aitor Rodríguez. “É ilóxico que as institucións se vexan obrigadas a custearlle a praza nun centro privado ao alumnado que solicite o ensino íntegro en castelán”.

O secretario de organización asegurou que “de aprobarse a Lei Wert, atoparémonos ante un panorama desolador para o estudantado e o profesorado, xa que o ensino convertirase nunha carreira de obstáculos na que só os excelentes e os adiñeirados poderá estar cualificados.” “O ensino público está sufrindo o maior deterioro da nosa historia a golpe de decretazo e retallo, porén este xoves debemos dicir NON aos abusos deste Goberno” –engadiu Aitor Rodríguez.

“Os mozos e mozas socialistas non imos quedarnos de brazos cruzados ante unha Lei pactada de forma sectaria coa Igrexa que permitirá o financiamento público dos centros que discriminen ao alumnado por sexo, polo que o vindeiro día 9 a comunidade educativa demostrará ao Goberno que a súa reforma é nefasta” –concluíu.

#9Mhuelga
#fueraleywert

No hay comentarios: