jueves, 9 de mayo de 2013

As Xuventudes Socialistas de Ferrol reivindican o europeísmo dinamitado polos retallos da dereita



As Xuventudes Socialistas de Ferrol denunciaron hoxe as políticas levadas a cabo na Unión Europea pola dereita conservadora liderada por Angela Merkel e respaldada en España por Mariano Rajoy e o Partido Popular. 

O secretario xeral, Aitor Bouza, advertiu de que “a política neoliberal da dereita xera na cidadanía europea desconfianza e desafección polas institucións comunitarias”. “Non podemos permitir que Merkel e os seus secuaces acaben co sentimento europeo a base de retallos inxustos que asfixian importantes políticas sociais baixo un trasfondo ideolóxico agochado como suposta austeridade”.
En relación a estas reducións orzamentarias, o líder das XSG-Ferrol esixiu á “maioría conservadora que dirixe as políticas da Unión Europea" que “cese de afogar aos estados membros marcando obxectivos de déficit sen ter en conta o sentir e as necesidades da cidadanía”. “O contexto de crise económica actual non pode servir de escusa para atacar os dereitos adquiridos nos últimos anos” –engadiu Bouza.

O secretario xeral defendeu o papel que debe ter a institución na loita contra o paro xuvenil “reintegrando ou introducindo á mocidade no mercado laboral europeo.” Como propón JSE, Bouza reclamou “un Pacto Europeo polo emprego que aumente as partidas orzamentarias centrándose en países como o noso que conta cunha elevada taxa de desemprego xuvenil”. 

"Debemos apostar polos avances no espazo educativo europeo –engadiu Bouza– xa que é o mellor método para acadar posteriormente salarios e empregos dignos. “Temos que potenciar a construción de infraestruturas que impulsen o crecemento económico da Unión sen descoidar as sinerxías noutros ámbitos de tanta importancia como o ensino”.

Bouza amosou o desexo da mocidade de “acadar unha Europa unida que destaque pola axuda mutua dos estados membros en prol dos intereses da cidadanía”. “Temos que constituír un referente dentro da Unión para estender este sentimento atacado polo escepticismo xustificado pola dereita”.

No hay comentarios: