
O secretario xeral, Aitor Bouza manifestou en nome das XSG-Ferrol “a súa preocupación polo momento de crise no que se atopan moitas familias galegas que teñen que facer uso dos comedores sociais”. “Máis de 80.000 familias contan con todos os seus membros en paro e as partidas para o financiamento dos bancos de alimentos son cada vez menores”. “Vemos así a inxustiza social que supón este desperdicio de comida cando é unha necesidade dunha boa parte da nosa sociedade” –engadiu.
Os mozos e mozas socialistas aludiron tamén ás “repercusións medio ambientais asociadas. “Se desperdiciamos comida significa que todos os recursos empregados para producila tamén o son”. “Asemade –explicou Bouza– estas toneladas convertidas en residuos teñen que ser tratadas producindo gas metano, un dos gases de efecto invernadoiro responsábel do cambio climático”.
Bouza instou ás administracións públicas “a facer esforzos para reconducir esta situación, incorporando planificacións no sector hostaleiro e favorecendo un consumo responsábel que fomente a compra en mercados locais”. “O Estado debe promover un acordo entre organizacións sociais e representantes da industria agroalimentaria que permita un aproveitamento eficiente dos alimentos”.

“É esencial –concluíu o dirixente socialista– o fomento de cursos educativos sobre alimentación que fomenten unha cultura de aforro e reutilización das sobras”. “O mellor método para eliminar a destrución contaminante dos residuos é evitar a súa produción e para iso é imprescindíbel a concienciación nesta materia”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario