viernes, 28 de junio de 2013

XSG-Ferrol: “A pesar da homofobia do PP, hoxe conmemoramos o primeiro día do Orgullo LGTB con matrimonio constitucional”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) presentaron a campaña “Orgullos@s da nosa identidade” que consistirá  na difusión de mensaxes e carteis a través das redes sociais e en repartos de información á mocidade. 

O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, salientou que “como acontece coa igualdade das mulleres, a pesar dos numerosos avances obtidos durante os gobernos socialistas en favor do colectivo LGTB, os datos indican que aínda non contamos cunha igualdade real”. “A enquisa LGTB UE amosou que o 91% dos españois padeceu ataques homófobicos no seu centro escolar, o que nos sitúa no posto 18 da Unión Europea”. Por outra banda, “a FELGTB alerta que o 43% das vítimas pensa no suicidio e un 17% o intenta”.  

A Organización salientou que “é necesario prestar máis atención ao colectivo LGTB nas etapas temperás da vida”. “Por iso, dende as XSG vemos como a inactividade do Goberno do PP de cara á erradicación da homofobia empurra cada vez máis ás desigualdades”. Asemade, “a eliminación da Educación para a Cidadanía, que defendía a libre orientación afectiva e sexual da paso a unha Educación Cívica e Constitucional que despreza os contidos con respecto á homofobia e ás desigualdades”. 

Os mozos e mozas defenderon “a realización de estudos oficiais que permitan coñecer en profundidade a problemática por intolerancia discriminatoria á que se ve sometida a mocidade pola súa orientación sexual”. “É necesaria a formación de profesionais que traballen contra o acoso escolar transfóbico e o desenvolvemento de campañas da Consellería de Sanidade e de Educación”.

Bouza denunciou que “namentres a orientación sexual ou a identidade de xénero non estea protexida polas institucións e non se garanta a tolerancia e a liberdade non podemos falar de sociedade avanzada”. “Para iso é fundamental visibilizar a situación 
de especial vulnerabilidade das persoas LGTB no eido rural, que afrontan máis dificultades para asumir e facer visible a súa orientación ou identidade debido ao rexeitamento social e á falta de recursos”.
O Secretario Xeral concluíu indicando que “as XSG de Ferrol estaremos presentes en todos os actos conmemorativos lembrando as revoltas de Stonewall, participando durante esta semana nos actos de diferentes cidades galegas”.


No hay comentarios: