Os mozos e mozas socialistas chaman á
Terceira República Española xa que consideran que “a xefatura do Estado debe
ser elixida libremente e en democracia por toda a cidadanía”
A Secretaria Xeral, Ana Lamas, anunciou
que “dende as XSG participaremos na mobilización convocada para hoxe en Ferrol”
As Xuventudes Socialistas de Ferrol reivindicaron
hoxe o seu talante republicano con motivo da abdicación do Rei Juan Carlos I.
“A defensa da República como modelo de Estado forma parte da nosa identidade
política”. “O recordo dos logros alcanzados no pasado, especialmente durante a
II República, é algo que nunca esqueceremos”.
A Secretaria Xeral, Ana Lamas, indicou
que “a República debe congregar en torno a ela a todo o espectro político, de
esquerdas ou dereitas”. “Debe ser un punto de encontro e convivencia cidadá, un
espazo común no que non existan suspicacias nin reproches, senón o compromiso
do bo goberno e da virtude cívica, características básicas do republicanismo”.
Os mozos e mozas socialistas denunciaron
que “mentres na actualidade en España o xefe do Estado o é por nacemento, a súa
persoa é inviolable e non está suxeita a responsabilidade, defendemos unha
República na que o xefe do Estado sexa elixido por sufraxio universal e non goce
de privilexios inxustos”. “Unha gran parte da mocidade non se sente
identificada coa Monarquía porque non forma parte de quen aceptou o seu establecemento,
polo que ten dereito a decidir en referendum sobre o futuro do modelo de
Estado”.
Os mozos e mozas socialistas propuxeron
que “dende a o sentimento republicano comecemos a valorar a importancia que
temos dentro da sociedade e a responsabilidade que debemos asumir polo ben
común”. “O fin último que trae consigo a República é a consecución dunha
cidadanía preparada, libre, igualitaria, que sexa o contrapeso do poder cando
este se exerce de costas a ela”. “Por iso –remataron– hoxe máis que nunca,
debemos apostar por unha España Republicana”.
Dende as Xuventudes Socialistas
concluíron confirmando a súa participación na mobilización en defensa da
República que terán lugar esta tarde: “Animamos a toda a cidadanía ferrolá a
participar nestas mobilizacións, así como a todos os compañeiros e compañeiras
socialistas”
No hay comentarios:
Publicar un comentario