As
Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) denunciaron nunha rolda
de prensa ante a Casa da Xuventude o peche desta instalación por
parte do goberno municipal dirixido por José Manuel Rey, ao que
“animaron a re-inaugurala a ver se así polo menos ten a ben abrila
para que a mocidade ferrolá poida gozar deste espazo público.”
O
secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, expuxo en relación ao
edificio completamente pechado que “isto que vedes hoxes aquí non
é máis que o froito da pasividade do Partido Popular nas políticas
mozas, no que nos demostra novamente que os mozos/as ferrolás
impórtanlle ben pouco.” Hoxe – afirmou Bouza- non valen nin
parches nin excusas, xa que temos ante nós a realidade.”
Os
mozos/as socialistas explicaron que “durante o inverno esta Casa
permanece pechada polas tardes e os fins de semana que é cando os
mozos/as ferrolás poden acudir”. “Durante o verán – continuou
Bouza Manso- estamos vendo que o goberno foi máis aló e decidiu
pechar por completo durante todo o día, quizais por medo a que
puidese acudir algún mozo/a.”
O
secretario xeral da formación acusou a Rey Varela “de estar
conseguindo que a Casa da Xuventude pase a ser un edificio
administrativo, mais que de participación e reunión dos mozos/as da
nosa cidade.”
Dende
a organización explicaron que “a Casa da Xuventude era até hai un
ano un lugar de referencia para os mozos/as de Ferrol, onde podían
acudir para obter información xuvenil, sobre bolsas e axudas,
actividades que se levaban a cabo, trámite do carné xove e na que
se tivera instalado polo anterior goberno a OMIX.” “Así mesmo –
continuaron os mozos/as socialistas- tamén se podían realizar
xuntanzas, charlas e conferencias, así como pasalo tempo con outros
mozos/as con todo o material lúdico do que estaba equipado a casa”
O
secretario xeral continuou explicando que “até a chegada do
goberno Popular, cando calquera mozo/a precisaba información e non
podía achegarse á Casa, podía chamar por teléfono, mais agora o
único que escoitarás doutro lado é o pitido do sinal teléfonico
sen parar e sen que ningúen o escoite nin lle dea solución aos seus
problemas.”
Dende
a formación socialista preguntánrose “como pretende entón o Sr.
Rey que os mozos/as se poidan comunicarse e obter información do seu
interese se a Casa está pechada e ninguén atende o teléfono?”
As
Xuventudes Socialistas de Ferrol denunciaron tamén a falta de
información xuvenil na páxina web do Concello, xa que “o único
que aparece na páxina web do Concello en relación á mocidade é un
banner para seguir unha páxina de Facebook na que o único que
publican dende o goberno municipal é o ben que o fan en todas as
demais áreas do goberno, xa que en materia de mocidade non teñen
nada que poñer.” Dentro desa información que botaron de menos
dende a Agrupación, atópanse os horarios da Casa que segundo
expuxeron “non aparece en ningures, aínda que dubidamos que
existan ante este indiscriminado peche da Casa.”
Os
mozos/as socialistas lametaron que “todos os cambios que está a
facer o goberno municipal en materia de mocidade sexa para peor e o
único que están a conseguir é rachar con todo o avanzando polo
goberno anterior nesta materia que puxo a funcionar este lugar de
encontro da mocidade e que se instaurou como referente para os
mozos/as.”
Dende
a organización falaron tamén do Regulamento da Casa da Xuventude
que segundo o exposto “tiveron moita présa en aprobar hai un ano,
tanta présa tiveron que non só se esqueceron de contactar coas
Asociacións de mozos/as para que o documento fose froito do diálogo
de todos os axentes socias, senón que se esqueceron de algo moito
máis importante de publicalo no BOP para que puidera entrar en
vigor.”
Bouza
asegurou que “a estas alturas é inútil pensar que Rey Varela vai
a dar participación á mocidade, cando ao único que se dedica é a
ningunear ao xoves ferrolás non tendo en consideración os seus
problemas e reivindicacións.”
As
XSG-Ferrol esixiron ao Sr. Alcalde que “poña fin dunha vez por
todas este grave ataque nos dereitos dos mozos/as ferrolás e
solucione este problema habilitando un horario no que poida acudir a
mocidade ferrolá a Casa durante todo o día, todos os meses do ano;
así como a convocar unha xuntanza para debatir o Regulamento da Casa
da Xuventude que xa se demostrou que non tiña tanta présa.”
No hay comentarios:
Publicar un comentario