miércoles, 17 de abril de 2013

XSG-Ferrol: “O Goberno, como é habitual, cede a favor da Santa Sede para cortar liberdades e dereitos xa conseguidos”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol esixen unha vez máis ao Goberno que cese nas súas intencións de rematar con dereitos fundamentais baseándose en opinións que xorden dende o fundamentalismo relixioso e non do consenso coa sociedade española.

O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, afirmou que “cada día é máis necesaria unha separación de Igrexa e Estado, máis aínda en asuntos que non competen para nada á confesión católica. É inadmisible a intromisión ideolóxica que estamos sufrindo por parte deste colectivo, representado nas intolerables declaracións de Rouco Varela”.

Bouza destacou que “os avances en dereitos e liberdades conseguidos nos últimos anos, que nos convertían nun país pioneiro mundialmente, estanse destruíndo a favor dun modelo que quere devolvernos a épocas escuras onde unha vez máis sexa a Igrexa a que tome parte na nosa educación ou capacidade de decidir”.

“Por iso - engadiu Bouza - o Goberno non debe poñer en dúbida cuestións coma o matrimonio homosexual ou a desvinculación da educación católica na escola pública.” “Coas súas visitas ao Vaticano, Mariano Rajoy está apoiando as pretensións de adoutrinamento e influencia sobre os españois da Santa Sede”.

A Organización moza socialista reclama ao ministro Gallardón que retroceda nas súas intencións de modificar a actual lei de Interrupción Voluntaria do Embarazo e de coartar a autonomía das mulleres pois “con elo so pon en perigo as súas vidas e contenta aos sectores utraconservadores, non soluciona o problema real das concepcións non desexadas”.

Os mozos/as socialistas concluíron asegurando que “Rajoy, coas súas cesións ao Vaticano, non so non está solucionando os problemas que realmente interesan aos españois, se non que está coartando as liberdades e os dereitos que lles custou tanto acadar”.

No hay comentarios: