jueves, 4 de abril de 2013

XSG-Ferrol: “A imputación de Cristina de Borbón é conveniente e pertinente”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol cualificaron hoxe de “conveniente e pertinente” a decisión do xuíz Castro de imputar a Cristina de Borbón na instrución do caso que se segue contra Iñaki Urdangarín pola apropiación indebida de fondos públicos. 

Na opinión do secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, “o que non se sostiña era que, a pesar do evidente nexo entre Cristina de Borbón e as actividades do seu marido, permanecera sen ser imputada até hoxe, un feito que socavaba aínda máis a confianza que a cidadanía xa reducira na Xustiza”.

Para as XSG-Ferrol, “será beneficioso para a cidadanía comprobar que o funcionamento da Xustiza responde a un principio da igualdade e á non existencia de privilexios ou excepcións no sometemento de todos os españois á lei”.

Para Xuventudes Socialistas de Ferrol, “a relación da nova imputada coa xefatura do Estado debe levar aparellada por parte desta última unha explicación mínima e convincente a toda a cidadanía das actividades relacionadas con Iñaki Urdangarín, unha explicación fundamentada e acreditada que separe a unha institución pública, como a xefatura do Estado, das actividades de quen está sendo investigado, precisamente, por un uso indebido de cartos públicos”.

Os mozos/as socialistas destacaron igualmente que “a imputación de Cristina de Borbón supón un paso máis no descrédito da monarquía como forma para a Xefatura do Estado, despois doutros episodios de cacerías, trato degradante a empregados ou manexo de armas por menores de idade”.

Para a Organización, “estes escándalos e sucesos reafirman a necesidade de replantexarse todas as institucións do Estado en resposta a unha crecente demanda da cidadanía de responsabilidade nas mesmas no marco dunha crise económica e social”.

En todo caso, as XSG-Ferrol destacaron que a preferencia republicana da Organización responde a un motivo de convicción, e non a escándalos que se poidan implicar á opción monárquica.

No hay comentarios: