Neste día
queremos denunciar a redución de case un 75% das axudas destinadas a financiar
os programas que desenvolven as ONG para a prevención do VIH por parte do
Goberno de España, pasando de case 4 millóns de euros en 2011 a 1 millón en
2012, o que conleva consecuencias sociais e sanitarias que supoñen un paso
atrás nos logros conseguidos na redución e control de dita infección.
Ademais non
debemos esquecer os efectos que a desaparición do Sistema Universal de Saúde
aprobado polo PP provoca no noso país, coa retirada da tarxeta aos inmigrantes
en situación irregular entre outros colectivos, e as graves consecuencias que
esta decisión está tendo e terá na saúde individual e colectiva da sociedade
española. Esta exclusión do sistema sanitario ou a dificultade de acceso ao
tratamento, implican un deterioro da saúde comunitaria e unha falta de control
sanitario, o que xerará un serio problema de saúde pública.
As políticas de
retallo económico non xustifican nin compensan un retroceso na resposta do VIH
no noso país, dado que a prevención é sempre moito máis rentable que o
tratamento posterior de calquera enfermidade e, porén, este suposto aforro non
será real se aumenta o número de novas infeccións por VIH no noso país.
Unha
irresponsabilidade non só sanitaria, senón tamén política e xurídica posto que
o Goberno español está tomando decisións sen contar coa Comisión Nacional de
Coordinación e Seguimento de Programas de Prevención do SIDA, encargada de
coordinar as políticas de prevención do VIH no noso país. Ademais queremos
manifestar a nosa preocupación Multisectorial fronte á infección por VIH e o
SIDA 2013-2017, a poucos días de finalizar a vixencia do actual Plan
Multisectorial 2008-2012.
Esta decisións do
Goberno do PP, ás que se suma a drástica redución do orzamento destinado a
cooperación internacional, supoñen un claro retroceso na resposta nacional e
internacional fronte ao VIH/SIDA, e contradí claramente os acordos
internacionais, tanto económicos como políticos, que asumiu o Goberno español
ante organismos como o Programa Conxunto das NNUU sobre o VIH/SIDA (ONUSIDA), a
Asemblea Xeral de Nacións Unidas (UNGASS), a Organización Internacional do
Traballo (OIT) ou o Parlamento Europeo (PE), para garantir os programas de VIH
cara o “Obxectivo Cero”, tal e como impulsa Nacións Unidas.
Porén, o PSOE
reitera a necesidade de que as políticas que dan resposta á infección por VIH
teñan unha visión e actuación integradora e global, e que contemplen as íntimas
conexións entre o estigma, a prevención e o diagnóstico precoz da infección,
así como o noso compromiso por un mundo con cero novas infeccións polo VIH,
cero discriminacións e cero mortes relacionadas co VIH/SIDA.
Neste día, as
mulleres e homes socialistas queremos lembrar a quen faleceu a causa do SIDA, e
reiteramos o noso apoio e agradecemento á labor desenvolta durante máis de
trinta anos por moitas persoas anónimas, asociacións de loita contra o SIDA,
ONG de apoio ás persoas afectadas, e profesionais sanitarios. O seu traballo en
prevención, tratamento, apoio psicosocial e sensibilización sobre o VIH/SIDA, e
o seu permanente traballo contra o estigma e a discriminación das persoas que
viven co VIH, son elementos indispensables para seguir avanzando nunha adecuada
resposta á pandemia e garantir os dereitos humanos das persoas seropositivas.
No hay comentarios:
Publicar un comentario