viernes, 19 de octubre de 2012

As XSG-Ferrol anima aos mozos/as a votar para ser protagonistas do cambio en lugar de vítimas da súa propia abstención


As Xuventudes Socialistas de Ferrol presentaron hoxe dous carteis que forman parte da campaña xa iniciada na pasada semana pola que pretenden explicar as propostas do Partido Socialista así como deixar en evidencia todas as mentiras do Sr. Feijóo ao longo destes anos.
O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, explicou o contido destes carteis no que “un deles mostra as incesantes mentiras do Partido Popular coa cidade de Ferrol con aquel famoso contrato que se comprometera a cumprir como aval persoal o candidato do Partido Popular e que, como de todos é sabido, nada cumpriu a día de hoxe”. O outro, pola contra, mostra -segundo indicou- que “hai outra forma de facer política cos mozos e mozas deste país e que mentres o Sr. Feijóo reparte maletas aos mellores expedientes de Galicia, Pachi Vázquez comprométese con medidas claras para a mocidade”.
Dende a organización explicaron que “estas medidas pasan pola creación de 25.000 bolsas-contrato durante un ano para mozos e mozas desempregados para incorporarse a empresas en sectores de futuro así como o firme compromiso de que o gasto en I+D alcance a media estatal”. “Blindaremos -continuaron explicando- por lei o carácter público, gratuíto e universal da Educación, garantindo os recursos públicos necesarios entre os cales entendemos que se atopa a gratuidade dos libros de texto para todos e todas”.
Os mozos/as socialistas aseguraron que “o Partido Socialista comprometeuse a non subir as taxas universitarias en ningunha das súas convocatorias para garantir o acceso de todos e todas a un ensino superior”.
O secretario xeral das XSG-Ferrol expuxo que “a mocidade galega e ferrolá será clave e protagonista fundamental para que o cambio en Galicia sexa efectivo e se garanta o benestar dos galegos e galegas”. Porén animou aos mozos e mozas a acudir a votar en contra das mentiras e as políticas de Feijóo e Rajoy.
Bouza engadiu que “estas eleccións son realmente importantes porque non só está en xogo o goberno de Galicia, senón tamén as políticas do goberno de España”. “Darlle o voto a Feijóo -concluiu- será darlle o voto a Rajoy o que fará que se crean cun cheque en branco para acabar con todo o Estado de Benestar”.

No hay comentarios: