domingo, 14 de octubre de 2012

XSG-Ferrol: “Os retallos ás bolsas Erasmus representan a aposta do PP polo ensino e por Europa”


As Xuventudes Socialistas de Ferrol criticaron duramente os retallos anunciados polo Goberno á súa achega ás bolsas Erasmus.
O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, afirmaron que “a dirección que está tomando o Goberno é intolerable e inasumible: o retallo do gasto en educación a niveles dos anos 80 é grave, o retallo de bolsas é moi grave e responde a unha concepción vella da dereita, para a que as bolsas son un privilexio e non un dereito, pero o retallo nos Erasmus lévase o premio á indencencia, xa que é un ataque ao ensino e é un ataque á cohesión da sociedade española como parte da cidadanía europea”
Bouza contrastou que “mentres que os gobernos do PSOE nas Comunidades Autónomas seguen mantendo a súa aposta por complementar as bolsas Erasmus, o PP, con Feijoo, Rajoy e Wert á cabeza, camiñan en dirección oposta, volven a unha Galicia aillada de España e a unha España aillada de Europa”
Os mozos/as socialistas lembraron que “co PSOE no goberno, a contía estatal destinada ao programa Erasmus pasou de 4,6 millóns (última cifra da era Aznar) a 62,7 millón no ano 2011, e agora Rajoy e Wert son os responsables de tela retallado en dous anos un 75%, e tela deixado en 15 millón para 2013: un verdadeiro xesteirazo, con toda a aleivosía, á participación do noso país no programa Erasmus”.
Fica claro – engadiron – cal é a orde de prioridade dos Srs. Feijoo e Rajoy, retallar en educación, e cal foi a aposta do PSOE multiplicando por 13 a contía para estas bolsas”.
O secretario xeral das XSG-Ferrol concluiu que “o programa Erasmus supón unha aposta por un ensino sobre o eixo da cidadanía europea, sobre os valores que representa Europa e sobre a oportunidade que representa a solidariedade entre todo os países europeos: agora xa vemos que opinión ten o Partido Popular de todos estes valores e como os promociona con retallos orzamentarios”.

No hay comentarios: