domingo, 25 de noviembre de 2012

Manifesto Día Internacional Contra a Violencia de Xénero


Todos os anos, o día 25 de novembro, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, elaboramos un manifesto, lembramos ás vítimas, damos datos, constatamos que aínda fica moito por facer. As mulleres seguen morrendo ano tras ano por este terrorismo machista, seguen sufrindo na súa vida e na dos seus fillos e fillas agresións físicas e psicolóxicas, seguen a vivir, demasiadas veces en silencio, un inferno do que é moi difícil escapar. E berramos que o machismo mata. Nembargantes, este ano, 2012, o berro debe ser maior, porque a violencia de xénero está a caer no esquecemento. Agora, o Goberno non condea os asasinatos, non sensibiliza, está deixando de prestar apoio ás vítimas.
Hai un ano que o Partido Popular gañou as eleccións e España xa retrocedeu 14 postos no Índice do Foro Económico Mundial. Catorce postos que se traducen nun récord de pasos atrás. Cada dia as mulleres españolas teñen máis dificultades para ter emprego, para facer compatible a súa vida laboral e familiar, para acceder ao ensino, a sanidade ou á atención social, para exercer os seus dereitos sexuais e reprodutivos, para incorporarse a espazos de participación e toma de decisións.
O máis sangrante de todos estes pasos atrás é o que afecta ao dereito das mulleres a vivir sen Violencia de Xénero. No primeiro comunicado oficial da ministra responsable, Ana Mato, tratouse como “violencia no entorno familiar” o asasinato machista dunha muller a mans da súa parella. Acababa de comezar a marcha atrás. Hai apenas uns días, unha nai e un pais destrozados soterraron a unha nena de 13 anos, cuxa proxenitora denunciara o perigo que lle acechaba e non obtivo a protección suficiente, un fallo claro do sistema.
Entre ambos feitos, temos asistido a unha serie de retallos. Os primeiros retrocesos comezaron coas campañas de sensibilización social, que se chegaron a cualificar de propaganda. A prevención e a sensibilización son fundamentais para conseguir a complicidade da sociedade e do entorno, como son imprescindibles para que as mulleres poidan reunir forzas suficientes e afrontar a denuncia da violencia que sufren. A prevención é o inicio do camiño para saír da violencia e, a partir de aquí, as Administración Públicas deben poñer en marcha todos os recursos precisos para protexer e apoiar a súa decisión.
Dende o ano 2011 o Orzamento do Goberno do Estado para a prevención integral da violencia de xénero veuse reducida nun 27%, máis de 8 millóns de euros. Nos orzamentos para o 2013, inclusive o Goberno retallou un milón de euros nos Programas de asistencia social para mulleres vítimas e menores expostos á violencia. O Observatorio de Violencia de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial xa fixo unha seria advertencia: os retallos son responsables de que moitas mulleres retiren a denuncia, posto que se atopan nunha situación de desprotección tras presentala. Porén, podemos afirmar que estes retallos en políticas de igualdade están a pór en situación de risco ás mulleres e, con elas, ás súas fillas e fillos.
Ademais, algunhas Comunidades Autónomas están reducindo os orzamentos, os recursos e os servizos de atención e loita contra a violencia de xénero.
O PSOE denuncia os significativos retallos en prevención, sensibilización e protección das mulleres, e das súas fillas e fillos, fronte a violencia de xénero, e convida ás Organizacións e aos outros partidos políticos a defender, de forma conxunta, que non se reduzan os orzamentos e recursos precisos para poder seguir realizando campañas de prevención, sensibilización e apoio ás mulleres; ademais, cremos imprescindible que se desenvolva un plan específico de actuacións para protexer aos e ás menores fronte á violencia de xénero que sofren eles/as xunto ás súas nais. 

No hay comentarios: