martes, 7 de febrero de 2012

As XSG-Ferrol afirman que “o PP pretende adoutrinar aos mozos/as cunha reforma educativa innecesaria"

As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferol) afirman que é “un erro a eliminación da asignatura de Educación para a cidadanía e os dereitos humanos (EpC)” e non entenden ao ministro José Ignacio Wert ao argumentar “que se trata dunha asignatura que adoutrina”, cando o seu obxectivo é “defender a igualdade de dereitos, desenvolver a afectividade ou dar a coñecer os valores universais que recolle a Constitución Española e a Declaración Universal dos Dereitos Humanos”.

Para a organización, Wert trabúcase ao catalogar a asignatura como “polémica” e considera que “o único que creou polémica con ela foi o Partido Popular que, seguindo a súa mentalidade retrógrada e opresiva, opúxose dende o primeiro día a que os mozos/as españois tivesen a mesma educación cívica que se imparte no resto de Europa”. “Con esta decisión – engaden- o PP demostra que os que realmente queren adoutrinar e implantar a súa ideoloxía conservadora son eles”.

Os mozos/as socialistas aseguran que “con medidas como esta, Rajoy e o seu equipo demóstranos que a súa prioridade non é sacarnos da crise, senón satisfacer as peticións máis reaccionarias dos seus membros, recurtando dereitos e retrocendendo ao século pasado”. XSG-Ferrol considera que “suprimir Educación para a Cidadanía é unha medida regresiva que, xunto á recente modificación da lei sobre o IVE, fai que os españois retrocedamos máis de trinta anos en dereitos”.

Ademais, dende a Organización consideran que as reformas anunciadas por Wert forman parte dunha “cortina de fume” coa que o “PP trata de ocultar os retallos que está levando a cabo cara a educación pública”.

Por último, ás XSG-Ferrol consideran que “o PP ten un problema coa educación e coa cidadanía ao querer impedir que os homosexuais se poidan casar, as mulleres poidan libremente decidir sobre a súa maternidade e a mocidade teña a oportunidade de coñecer os seus dereitos”. E afirman que “nesta época de dificultades económicas nas que vivimos, fica claro que a prioridade do PP son os retallos en dereitos e prestacións e non a saída da crise á vista das constantes contradicións do propio Rajoy e os seus ministros.

No hay comentarios: