miércoles, 15 de febrero de 2012

XSG-Ferrol: “Wert quere acabar co sistema universitario de bolsas”

Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) oponse rotundamente aos plans do ministro de educación, Jose Ignacio Wert, cos que “pretende crear un sistema universitario de excelencia para quen poida pagalo”. “Ademais, -engaden- esta medida acabaría co sistema de bolsas actual que establece estas como un dereito e non como un privilexio”.
Para os mozos/as socialistas, “ a excelencia universitaria tamén supón que toda aquela persoa que queira estudar, poida facelo, e iso non se consegue vinculando as bolsas ao rendemento académico, como presenta Wert, senón facendo que as reciba que realmente o precisa, como até o de agora”.
O secretario xeral, Aitor Bouza, lembra que “foi un goberno socialista, o que estableceu as bolsas como un dereito, apostando por estas como medio para garantir a igualdade de oportunidades” e asegura que “esta concepción é máis importante, se cabe, pola situación económica que atravesa o noso país”.
En relación ás declaracións de Wert nas que asegura que “as bolsas convertíronse nunha asignación non competitiva”, XSG-Ferrol afirma que “as bolsas son un dereito e como tal, non se compite por elas” e consideran que “é inxusto primar o académico ao económico, cando o económico inflúe no académico”.
Por último, os mozos/as socialistas cren que as medidas que cada día vai desmiuzando Wert forman parte dun plan para desarticular a educación pública e volver ao pasado, impoñendo unha universidade elitista no noso país.

No hay comentarios: