jueves, 9 de febrero de 2012

XSG-Ferrol: “o PP volve a atacar á escola pública a través dos opositores”

Para Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) a decisión do Goberno de modificar os contidos dos temarios para a oposición a profesores/as supón outro “ataque” á educación pública. O mozos/as socialistas consideran que “con estes cambios o PP pretende castigar a aquelas Comunidades Autónomas que convocaron oposicións e que, curiosamente, son Comunidades gobernadas polo PSOE.


A organización afirma que “unha medida así non se pode tomar da noite á mañá, sobre todo, porque prexudica a miles de opositores que levan meses preparándose e que agora terán que comezar de cero cos seus estudos”. Polo que aseguran que “ o goberno de Rajoy volve a demostrar a súa irresponsabilidade cos cidadáns tomando unha medida “sorpresa” que é innecesaria e que prexudica a máis de 60.000 persoas”.

O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, engadiu, ademais, que “co goberno de Rajoy a escola pública non fai senón dar pasos cara atrás, xa que agora os opositores ao ensino público terán que estudar temarios de 1993 obviando a realidade actual e os avances que o mundo experimentou nos últimos anos”.

XSG-Ferrol considerou que unha “vergonza que o ministro de educación comparecera a semana pasada e se lle esquecera comentar que ía a modificar os contidos dos temarios aos opositores”. E, engaden que “con esta medida o PP quere presionar ás Comunidades a que retiren a convocatoria de oposicións co fin de impor o seu criterio sen importarlle o máis mínimo nin o esforzo persoal nin económico dos opositores que invertiron o seu tempo e os seus cartos en prepararse para lograr unha praza no ensino público”.

Por último, os mozos/as socialistas acusan ao Goberno de Rajoy de seguir tomando medidas de maneira unilateral sen ter en conta ao resto de partidos, aos colectivos de ensinantes nin aos opositores. “Ao fin – conclúen- o Partido Popular, como toda a dereita, o único que pescuda é impor o seu criterio sen ter en conta a quen poida afectar”.   

No hay comentarios: