viernes, 10 de febrero de 2012

XSG-Ferrol considera que o “efecto inmediato” da reforma laboral será a precariedade e o retallo dos dereitos aos traballadores/as

As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) consideran que a reforma laboral anunciada o mércores por Rajoy como “ampla e profunda” implicará a perda dos dereitos laborais, o incremento do desemprego, sobre todo, entre a mocidade e o aumento da precariedade laboral. Para a organización “coas súas declaracións catastrofistas o que quere Rajoy e o Partido Popular é salvarse a si mesmos cando os datos revelen que o paro non mellorou tralos tesoirazos realizados polo Goberno”.

O secretario xeral, Aitor Bouza, afirmou, ademais, que “xa comezamos a ver as mentiras de Rajoy”. “O PP – engadiu- pasouse toda a lexislatura anterior asegurando que tiñan a fórmula máxica para crear emprego e, agora, que están no poder non só non o crean senón que aseguran que o paro crecerá”. Porén cualifica a Rajoy de “mentireiro compulsivo” pois “non só mentiu sobre o paro que agora, segundo el, crecerá en 2012, senón tamén sobre o IRPF que non ía a subir e rematou subindo”

Así mesmo, os mozos/as socialistas entenden que “é unha irresponsabilidade por parte do PP aprobar no día de hoxe unha reforma laboral da que ningúen sabe nada” aínda que “quizais – engaden – ninguén sabe nada porque Rajoy xa intúe que non contentará a ninguén e que terá como resposta unha folga xeral”.

Por último, a organización supón que “os máis prexudicados pola reforma será os mozos/as, xa que, presumiblemente, verán recurtados os seus dereitos laborais, crecerá a precariedade laboral e incrementaranse as taxas de desemprego mozo”. Para XSG-Ferrol “o obxectivo do PP non é velar polos intereses dos traballadores/as, senón polos intereses dos empresarios”. E aseguran que “pode que a reforma laboral non teña efectos inmediatos de creación de emprego previsto por Rajoy, pero seguro que terá como efecto inmediato a precariedade laboral e o recurte de dereitos aos traballadores/as”.

No hay comentarios: