martes, 14 de febrero de 2012

XSG-Ferrol: “esta reforma é o maior ataque aos dereitos dos traballadores/as na historia do noso país”

Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) afirma que “esta é a peor reforma laboral da historia do noso país”. “Con ela –aseguran– os traballadores/as viron retallados os seus dereitos fronte ao poder dunha patronal que agora pode despedir libremente sen ter ningunha consecuencia”. Para a organización o decretazo laboral de Rajoy mostra “a incoherencia dun presidente que afirmou en campaña electoral que abarataría a contratación para fomentar o emprego e que fixo, precisamente, o contrario: abaratar o despido dos traballadores/as para reducir o custo ás empresas”.
Os mozos socialistas consideran que “as mentiras do PP están levando a este país a unha recesión sen precedentes”. E afirman que “nunca antes, en tan pouco tempo, se tiveran retallado tanto dereito laborais”. Ademais, segundo expuxo o secretario xeral, Aitor Bouza, consideran que “a reforma agrava, especialmente, a situación dos mozos/as ao recuperar a posibilidade de encadear contratos de formación e apredinzaxe temporais até os 30 anos cun salario inferior ao SMI”. É dicir, “o que, ao fin, conseguen os mozos/as con esta reforma son traballos precarios nos que poden ser despedidos libremente sen indemnización; o que supón un éxito para os empresarios, mais unha desgracia para a mocidade”.
A organización denuncia, ademais, que o PP aprobara primeiramente unha reforma na que “elimina a ultraactividade nos convenios e permite despidos de 20 días para contentar á patronal” e logo queira xuntarse cos axentes sociais para negociar. Neste senso, XSG-Ferrol considera que “o decretazo, por unha banda, non creará emprego e, polo outro, converte o emprego que xa hai en precario ao deteriorar as condicións laborais dos traballadores/as. En especial, a de aqueles que teñen contratos indefinidos e que ven como o despido improcedente pasa de 45 a 33 días”.
XSG-Ferrol afirma que “con esta reforma contra os dereitos dos traballadores/as, o PP quitouse a carouta e, que agora, os cidadáns poden coñecer, ao fin, a política que Rajoy quere facer no noso país. Unha política na que as clases medias pagan o prezo da crise, na que os traballadores/as perden os seus dereitos e na que os servizos públicos ven retallados os seus orzamentos a prol dos servizos privados”.
Por último, os mozos/as socialistas consideran que “o goberno actuou de maneira irresponsable ao aprobar unha reforma de tal calado sen consenso e no máis absoluto segredo” e aseguran que xa entenden o medo de Rajoy a unha folga xeral pois “unha reforma tan inxusta e agresiva só pode ter como resposta o rexeitamento da sociedade”. 

No hay comentarios: