miércoles, 22 de febrero de 2012

XSG-Ferrol afirma que Wert quita importancia ás manifestacións para non asumir o custo político dos retallos en educación

Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) esixe a Jose Ignacio Wert, ministro de educación, que “en vez de criticar as manifestacións e acusar aos manifestantes de actuar de maneira irresponsable tome nota das reivindicacións e teña en conta que os retallos que está realizando en educación dificultan o estudo da mocidade e xeran desigualdade”. Para a organización as declaracións de Wert nas que pide “calma e responsabilidade” demostran hipocresía dun goberno que, “irresponsabelmente, preferiu retallar no ensino público mentres finanza o privado”.
Os mozos/as socialistas condenan, ademais, “a actuación violenta levada a cabo pola policía en Valencia” xa que a consideran “desmesurada e inxustificable” ao entender que “ante unha manifestación pacífica a resposta da policía non pode ser aporrear aos asistentes”. Porén, XSG-Ferrol pide a dimisión da delegada do goberno en Valencia, Paula Sánchez de León, e esixe ao ministro do interior, Jorge Fernández Díaz que dea explicacións sobre o sucedido.
Para o secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, “os estudantes teñen dereito a protestar pacificamente polas lamentables condicións nas que están dando clase en Valencia”. “Unha situación – asegura- que ten como único culpable o Partido Popular que goberna a Generalitat e que se caracterizou, exclusivamente, pola súa mala xestión ao frente desa institución”.
Os mozos/as socialistas lembran que “entre os impagos aos centros públicos e os retallos realizados polo goberno do PP os estudantes da escola pública ven mermar día a día a calidade do seu ensino o que mostra o pouco interese que teñen dende o Partido Popular en manter o servizos públicos para todos/as”.
Por último, XSG-Ferrol recomenda ao presidente do goberno, Mariano Rajoy, que “en vez de preocuparse tanto pola imaxe que dan as manifestacións no exterior se preocupe pola situación interna do noso país e polo malestar que está xerando a súa política de retallos nos servizos públicos”.

No hay comentarios: