miércoles, 28 de marzo de 2012

As XSG-Ferrol súmanse á Folga Xeral para denunciar a perda dos dereitos laborais da mocidade

As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) súmanse á Folga Xeral e á manifestación convocadas polos sindicatos maioritarios para o vindeiro día 29 de marzo. No día de onte o seu secretario xeral, Aitor Bouza, expresou “o rexeitamento ás políticas de retallos sociais e á supresión dos dereitos laborais decretados polo goberno.”

A organización denunciou que o actual Executivo “pretende impor unha reforma laboral que atenta gravisimamente contra os dereitos de quenes traballan, están en paro ou pretenden incoporarse no futuro ao mercado laboral” e aseguran que “esta reforma non crea postos de traballo, senón ao contrario, os está destruíndo”.


Os mozos/as socialistas afirman que “a reforma contribúe a precarizar aínda máis as condicións laborais e debilita profundamente aos traballadores/as e ás súas organizacións fronte a patronal, ao desarticular de facto a negociación colectiva de ámbito superior á empresa”.

A organización supón que “os máis prexudicados pola reforma serán os mozos/as, xa que, presumiblemente, verán retallados os seus dereitos laborais, crecerá a precariedade laboral e incrementaranse as taxas de desemprego mozo”. Para XSG-Ferrol “o obxectivo do PP non é velar polos intereses dos traballadores/as, senón polos intereses dos empresarios”. E aseguran que “pode que a reforma laboral non teña efectos inmediatos de creación de emprego previsto por Rajoy, pero seguro que terá como efecto inmediato a precariedade laboral e o recurte de dereitos aos traballadores/as”.

Por último, o secretario xeral asegurou que “a mocidade non está disposta a resignarse nin a permanecer en silencio ante un sistema socioeconómico inxusto que aposta pola desigualdade e que pretende roubar á nosa xeración e ás posteriores o presente e o futuro”.

No hay comentarios: