miércoles, 28 de marzo de 2012

XSG-Ferrol: “Gallardón insulta ás mulleres ao empregalas como excusa para modificar a Lei do Aborto”

As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) reproba as declaracións de onte do ministro de xustiza, Alberto Ruiz-Gallardón, no que afirmaba que “a liberdade da maternidade é a que fai ás mulleres autenticamente mulleres” por consideralas “retrógradas e ofensivas para a muller”. XSG-Ferrol entende que “a posibilidade de elixir se se quere ser nai ou non é un dereito que non entra en conflito coa maternidade e, porén, non ten ningún sentido que o ministro intente favorecela eliminando a Lei do Aborto”.

Os mozos/as socialistas aseguran que “Gallardón non engana a ninguén ao tentar facer crer aos cidadáns que a modificación da Lei é para favorecer ás mulleres porque todos/as sabemos que se cambia a Lei do Aborto é para satisfacer ao sector máis conservador do seu partido”. E esixen ao ministro de xustiza “que se quere derrogar a Lei por ideoloxía política o diga claramente e deixe de insultar ás mulleres ao empregalas para xustificarse”.

O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, asegura que “ao final todas as políticas do PP pasan polo aro da súa ideoloxía conservadora na que retallan dereito e limitan a liberdade individual dos cidadáns está á orde do día”. E lembra a Gallardón que “se quere protexer a maternidade esixa, por exemplo, á ministra de emprego que recupere os convenios colectivos que o PP eliminou e que era onde se recollía a conciliación laboral e familiar e deixe de tentar manipular aos cidadáns con frases caducas e estereotipadas”.

Dende XSG-Ferrol aseguran que “Rajoy chegou ao Goberno coa tesoira na man. Primeiro retallou dereito sociais e, agora, o dereito que teñen todas as mulleres a elixir libremente se queren ser nais ou non, demostrando que o PP o que menos lle interesa é a igualdade, a liberdade individual e o Estado de Benestar”.  

No hay comentarios: