lunes, 5 de marzo de 2012

As XSG-Ferrol lembran a Wert que os estudantes bolseiros teñen mellor rendemento académico que a media

As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) critican que Wert tivese proposto “unha carta común de dereitos educativos básicos para as Comunidades Autónomas”, coa que pretende reducir as “graves diferenzas” educativas que –ao seu xuízo- existen entre as Comunidades Autónomas”, e lembra que “son – precisamente – os gobernos autonómicos do Partido Popular os que están atacando eses dereitos con tremendos retallos na educación pública”. Os mozos/as socialistas pregúntanse se dita carta é consecuencia de que haxa alumnos/as que se vexan obrigados a asistir a clase con mantas e roupa de abrigo.

Os mozos/as socialistas piden ao ministro de educación que aclare a que se refire cando fala de que “a principal prioridade do Ministerio é a racionalización da oferta educativa”. Neste senso, XSG-Ferrol cre que o cometido de Wert está claro, “tratar de realizar máis retallos no ensino público e rematar co sistema de bolsas”.

A organización moza lembra a Wert que “os datos que o seu propio Ministerio publica, reflicten que os estudantes bolseiros teñen mellor rendemento académico que a media”. En concreto, segundo o Ministerio de Educación, os estudantes que reciben bolsa aproban un 79% dos créditos matriculados, mentres que os estudantes que non a reciben, o fan nun 65%, un 14% menos que os bolseiros.

O secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, reprochou que o Ministro Wert vincule as bolsas á excelencia, ao declarar que “se temos un compromiso coa excelencia, hai que esixirllo especialmente ao alumnado”, xa que considera que segundo os datos citados, o actual sistema de bolsas é eficiente, sostible e xusto con todos aqueles estudantes que para poder estudar precisan dunha bolsa.

No hay comentarios: