miércoles, 7 de marzo de 2012

XSG-Ferrol chama hipócrita ao PP por empregar a excusa de liberar á muller para volver a penalizar o aborto

Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) asegura que o Partido Popular actúa de maneira hipócrita ao tentar “excusar” a penalización do aborto, que vai impor o goberno de Mariano Rajoy, mediante a idea de que así se libera á muller. Para a organización “o dereito á maternidade da que fala Gallardón non pode estar por enriba do dereito a decidir libremente da muller”. E, aseguran que “con esta explicación o ministro só demostra a súa intención de contentar ao sector ultraconservador do PP que ve na anterior Lei de Saúde Sexual e Reprodutiva do Goberno socialista un ataque aos seus valores morais”.
Os mozos/as socialistas afirman que “coa Lei do Aborto que vai a impor o PP as mulleres non teñen a opción de decidir se queren ser nais ou non polo que retroceden máis de 30 anos en dereitos sexuais e reprodutivos”. Ademais, aseguran que “teñen graza que sexa precisamente Gallardón, o ministro que se considera máis progresista, quen impoña as medidas máis retrógradas e anacrónicas do Goberno do PP”.
A organización lembra, tamén, que “a lei aprobada polo anterior goberno socialista é calcada á que rexe na maioría dos países europeos o que situaba ás mulleres españolas ao mesmo nivel en dereitos sexuais e reprodutivos que as europeas, unha situación que agora desaparece grazas ao PP”.
O secretario xeral de XSG-Ferrol, Aitor Bouza, critica, ademais, que o ministro de xustiza fale de “garantes para conciliar a vida familiar e laboral” cando foi o Goberno de Rajoy coa súa reforma laboral quen se cargou dun plumazo os convenios colectivos nos que se recollía a conciliación e os dereitos laborais das mulleres. “O PP -engaden- está logrando que a muller cumpra co caduco estereotipo de ser nai, esposa, pois dende o Goberno non paran de poñer trabas ao desenvolvemento persoal, laboral e familiar das mulleres do noso país”.
Por último, os mozos/as socialistas lembran a Gallardón que “a principal violencia estrutural é a de xénero, a violencia machista ante a que o PP se está dedicando a retallar orzamentos naquelas Comunidades Autonómas onde Goberno, o que está levando ao peche de moitas casas de acollida, a graves retallos de dereitos e ao desmantelamento de estruturas e institucións para a muller”. “Polo que se quere loitar contra a violencia de xénero debería dedicarse a protexer ás vítimas en vez de retallar os seus recursos”.

No hay comentarios: