viernes, 30 de marzo de 2012

As XSG-Ferrol súmanse á Hora do Planeta de WWF-Adena

As Xuventudes Socialistas de Ferrol (XSG-Ferrol) súmanse á “Hora do Plante” unha iniciativa de WWF-Adena coa que se pretende concienciar aos cidadáns sobre o cambio climático e os seus efectos. Os mozos/as socialistas están comprometidos na defensa do medio ambiente polo que solicitaron ao goberno municipal a través de instancia presentada o pasado mércores que se una na loita contra o cambio climático e participen nesta iniciativa.

En concreto solicitan que se apaquen as luces que iluminan os principais monumentos, así como os aparatos eléctricos, as luces dos edificios consistoriais e a calefacción destes. O obxectivo, segundo o secretario xeral das XSG-Ferrol, Aitor Bouza, “é que estas medidas de aforro enerxético sexan tidas en conta, polo menos, nos edificios municipais e anímese, así, ás empresas, comercios e cidadáns a secundalas”.

O ano pasado máis de 5.000 cidades e 135 países comprometéronse na loita contra o cambio climático e convertiron 2011 no “ano dos pequenos grandes compromisos para crear un modelo de vida máis sostible”. Este ano millóns de persoas participarán na “Hora do Planeta”, este sábado de 20:30h a 21:30h, apagando as luces das súas casas, sedes, monumentos e edificios do mundo.

Dende XSG-Ferrol fixeron un chamamento aos cidadáns e administracións públicas para que se sumen á iniciativa e demostren o seu compromiso co medio ambiente. Ademais, os mozos/as socialistas consideran que “este día non só servirá para fomentar medidas de aforro e eficiencia enerxética senón, ademais, servirá para concienciará á sociedade sobre a importancia do problema do cambio climático e reivindicar un novo modelo enerxético baseado nas enerxías renovables.

Para a organización “atopámonos nun momento crucial na loita contra o cambio climático tralo auxe da enerxía nuclear, porén a defensa do Planeta convértese máis que nunca nun gran reto global no que as accións de cada cidadán demostrarán o compromiso da sociedade na protección do medio ambiente”.

As persoas que desexen sumarse á iniciativa poderán facelo a través da páxina web http://www.horadelplaneta.es/

No hay comentarios: